3/8/10

OS CLUBS DE LECTURA POÑEN EN MARCHA...


Así nolo contan...

"Puxemos en marcha a actividade do Fareir@ de Aula. Este membr@ do Club informa, cada mes e na hora de titoría, da lectura que fixemos e le un fragmento da mesma aos compañeiros e compañeiras de aula."

"O Día do Libro os membros do club tiveron traballo. A profesora colgouse un cartel coa seguinte lenda: REGALO CONTOS DE CORES. Algúns membros do club levaron así mesmo un cartel coa lenda: DIAGNOSTICADOR DE CONTOS, e unha pequena libretiña. O alumno ou alumna que quería que lle regalasen un conto tiña que ser diagnosticado: de cor azul para os soñadores, verde para os que manteñen a esperanza, amarelo para os surrealistas, negro para os derrotistas, branco para os inocentes,... e o membro do club apuntaba na súa libreta e viña coas peticións á moderadora, que lle proporcionaba o agasallo.
Os contos elixidos foron impresos en folios de cores e a súa temática e estilo correspondíase co diagnóstico. En principio non tiñamos moita fe na actividade polo seu carácter poético e porque conxugaba tamén a idea da literatura como reconstituínte da alma... unha idea complexa. Sorprendeunos a participación e o motivados que estaban diagnosticadores e diagnosticados, ao final foron moi poucos so alumnos e alumnas que non pediron o seu conto... ´
Esa repetirémola o curso que ven."

MÁIS OPINIÓNS


Dun participante:
"Descubrín que leo con máis ilusión por poder contar a miña idea do libro e escoitar o que del pensan outros e outras."

Das profesoras:
"Facemos unha alta valoración; o alumnado mostra moito interese no Club e está comprometendo ás súas familias, que len para comentar con eles e elas.
No centro, pensamos, que aumentou o interese pola lectura, paseniñamente, e por comentar o que lemos, algún profesorado que aínda non está implicado, suxire lecturas para o club."

ESCRIBEN AS LECTORAS


"O club de lectura Ptolomeo constituíu un refuxio para min, un lugar no que poder compatir ou diferir opinións sobre libros e coñecer rapaces e rapazas que comparten os meus intereses, que non sempre son tan doados de atopar. Pero tamén foron uns encontros no que reflexionamos sobre os distintos aspectos da vida que iamos atopando nos libros; dedicabámonos a espremer a historia buscando os temas máis importantes, as historias ocultas, o porque dos comportamentos dos personaxes... Algo que me resultou moi interesante e que en varias situacións me deu que pensar.

O inconveniente foi que os libros non sempre contentaban a todos os lectores, algo que eu penso que é inevitábel, e que daba lugar á contribución de novos puntos de vista negativos que se enfrontaban cos positivos, dando lugar ao enriquecemento das conversas. Tamén xurdían outro tipo de diferenzas, dado que ás vecs a algúns membros non lles daba tempo a rematar a lectura, mentres que outros lían dous ou tres no mesmo tempo, pero iso é algo que tampouco se pode solucionar, xa uqe os traballos e os exames roeábannos constantemente."

ACTIVIDADES ESPECIAIS

"(Despois de ler relatos de misterios e asesinatos) A derradeira reunión do Club de Lectura consistiu nunha festa un tanto orixinal. Organizamos un xogo de rol "Como organizar un asesinato" co episodio "El caso de la mansión Watersdown". Un xogo no que cada participante ten que descubrir quen é o asesino. O alumnado veu disfrazado para o evento, comemos algúns aperitivos e disfrutamos moito. Ao final do xogo, entregamos un diploma conmemorativo da participación no club e regaláronse uns libros - caderniños aos participantes."

DE NOMES E MANEIRAS


Recollemos:
"O club de lectura do CPI Cabo da Area leva por nomes LIBROS AO CABO, xogando co nome do centro e a dobre acepción da palabra e expresión ao cabo. Trátase de reflexar no nome tres das ideas máis importantes do club: traer libros ao Cabo (ao centro), xogar coa idea romántica de que ao cabo (ao fin) sempre están os libros e por último, ter en conta que ao cabo, os nenos de Laxe e deste CPI estamos a ler e que esta é a actividade na que se basea o noso club."

"Para buscar unha interrelación entre os dous grupos (do club) organizáronse as lecturas dacordo con nucleos temáticos de maneira que o tema foi compartido por ambos aínda que as obras eran distintas. Cada núcleo temático abarcou un mes.

(...) Os membros de cada club lerían un libro ó mes en común. Para os que terminaran axiña e quixeran ler máis, a moderadora proporíalles outras lecturas que xirasen en torno ao mesmo tema. Por iso deseñamos trípticos que recollesen os libros da biblioteca máis apropiados, tendo en conta a idade."

ENCONTROS PRESENCIAIS E VIRTUAIS


Unha das actividades máis comúns nos clubs de lectura son os encontros cos autores e autoras dos libros que se len.

Non sempre é doado conseguir que o creador se desprace... pero quen le está disposto a todo, a ir a "encontrarse" con el ou ela alá onde estea ou a realizar un encontro virtual a través dos novos medios.

Nos fotos vemos mostras dunha viaxe a Vigo (desde o Carballiño) para comentar con María Reymóndez O club da calceta ou da visita a través das NNTT de Agustín Fernández Paz.

Nada se pon por diante das ganas de facer!!!!!!!!!!!!

2/8/10

ASÍ SE PODE COMEZAR...


"É primeira vez que afrontamos a tarefa dun club de lectura. En cursos anteriores, sempre contamos na biblioteca cun grupo de alumnos entusiastas e grandes lectores e, aínda que sempre falamos das lecturas e había intercambio de opinións e suxestións de libros para ler e comprar, foi neste curso cando a idea tomou forma.

Fixemos os carteis publicitarios pertinentes, convocamos xuntanza... e naceu o noso club.

O noso lugar de encontro é sempre a biblioteca e decidimos tela un día en exclusiva: os venres, no segundo recreo sería o noso momento e así llelo fixemos saber á comunidade educativa: se alguén quería vir á biblioteca nese momento, tería que ser coas nosas condicións."

INCENTIVOS... AGASALLOS

Hai clubs que agasallan, cun dos libros do autor ou autora que vai vir ao centro, a aqueles membros que leron un ou varios dos seus libros.
Outros ... "Para fomentar a lectura desta obra fixemos un concurso durante dúas semanas no que preguntabamos cuestións sobre diferentes capítulos da novela. Aos gañadores respectivos de cada semana entregabámoslle un cheque para gastar nunha libraría que se atopa próxima ao centro."
E outros van de visita a librarías: "Finalmente terminamos a xornada indo a unha libraría na que cada un podía elixir o libro que quixera para ler no verán e á volta, no inicio do seguinte curso, intercambiar impresións; esta actividades foi moi interesante porque para os máis deles, er a primeira vez que ían a unha libraría a mercar un libro que nn fose de texto ou de lectura obrigatoria; tiñan pois que buscar entre as distintas seccións e tiveron que tomar a decisión de que libro lles apetecía para levarse á casa para ler."

ACTIVIDADES PROPOSTAS NUN CLUB


"Unha actividade proposta, tamén de carácter voluntario, foi a elaboración dun Diario de lecturas, no que cada lector recollería por escrito, tanto o seu parecer como os comentarios e impresións compartidas nas distintas reunións sobre cada libro; podería completarse con ilustracións, comentarios sobre personaxes favoritos, outro final posible, etc... Insistindo na voluntariedade desta actividade, como motivación para a súa realización, acordamos -entre todos- que o diario de lectura máis completo, sería premiado. Ese diario podería materializarse nun caderno ou no blogue do club."

OBXECTIVOS ACADADOS nun dos clubs


Así o escriben:

"Conseguiuse a finalidade perseguida polo grupo de profesorado colaborador do Club:

*O ludismo na lectura para tentar o achegamento ao libro desde outras vías: os xogos, a dramatización, a literatura escoitada...

*Ser protagonistas do feito lector, non só receptores pasivos.

*Motivar aos futuros lectores a través das representacións de contos aos pequenos e pequenas.

*Coñecer, no encontro co ilustrador, aos axentes do proceso creador.

*Disfrutar das Rotas Literarias e dos espazos dedicados aos libros como fonte enriquecedora das súas lecturas.

*Diversificar as lecturas.

*Observar a biblioteca como un espazo onde a lectura convive co lecer.

*E, obviamente, o fomento do hábito lector como unha necesidade básica do ser humano.

Ao tempo incidiuse no centro:

+ Dinamizando a biblioteca

+ Difundindo as súas actividades nos taboleiros, no blogue, na revista...

+ Implicando a outro profesorado no deseño e desenvolvemento de actividades.

+ Implicando a alumnado, profesorado, persoal non docente... nos programas."

DIFERENTES ACTIVIDADES PARA DIFERENTES LECTURAS


Nun club traballouse con "Labirintos e adiviñas lóxicas".

Así o explican:

"A través dos textos de Jorge Luis Borges (O Aleph), Malba Tahan ( O home que calculaba) e Raymond Smullyan (Como se chama este libro?) realizouse unha sesión baseada na concatenación de pequenas actividades nas que solucionamos adiviñas, lemos relatos e ffalamos dos distintos labirintos (os petroglifos celtas, o xogo da oca), reflexionamos sobre a metáfora do labirinto da vida que podía supor o xogo da oca e a metáfora do deserto, no texto de Borges, onde aprendimos as tres formas de repartir o pan, do libro de Tahan."

Pódese acceder á selección de texto a través do blogue.

OS CLUBS DE LECTURA TAMÉN...




Hai veces nas que os clubs de lectura, ademais das actividades propias dun club (no que len e se reúnen para falar de libros) organizan outros actos dirixidos a captar lectores, converténdose nun verdadeiro motor de fomento da lectura no centro.


Así...


Realizan presentacións de libros dirixidas aos compañeiros


Convértense en contadores de historias


Fan lecturas públicas


Promoven e coordinan encontros con creadores


Interveñen na radio escolar falando de libros


Investigan e difunden información de interese


Están atentos á celebración de conmemoracións e noticias relacionadas con autores e autoras

Realizan recitais poéticos
Organizan feiras do libro

Convocan concursos

Elaboran murais

...

Máis ben temos que preguntarnos que non fan por crear lectores.