28/1/13

Seguindo as pegadas de "A Esmorga"

Club de lectura do IES de Porto do Son, no Liceo de Ourense co actor de Sarabela Teatro, Fernando Dacosta, falando da obra de Blanco Amor, A esmorga. 

Os integrantes do club de lectura do IES de Porto do Son (Porto do Son, A Coruña) relatan a súa visita literaria á cidade de Ourense, o pasado 25 de xaneiro. Unha crónica completa dunha xornada destinada a seguirlles os pasos aos protagonistas da obra de Eduardo Blanco Amor, A esmorga. Un exemplo dos moitos roteiros literarios que os clubs de lectura están a realizar por Galicia adiante, nunha proposta global de aprendizaxe e de posta en valor dos recursos culturais do noso país.

22/1/13

Resolución da convocatoria de clubs de lectura - curso 2012/2013

 
Club de lectura do IES Castro Alobre
Hoxe sae publicada no Portal Educativo a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se se adxudican as axudas ao funcionamento de clubs de lectura en 222 centros da rede pública galega que matricula alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de réxime especial e ensinanzas de persoas adultas, para o presente curso 2012/2013. 

Estes clubs de lectura están integrados, a maior parte das veces, por varios grupos de lectura e un 25% tamén conta con grupo de lectura de adultos (pais, nais, profesorado e persoal non docente). En conxunto, participan desta iniciativa de fomento da lectura algo máis de 7.500 alumnos, de forma directa. Pero indirectamente, son moitos máis os beneficiados, pois a maioría destes clubs de lectura son "células" de dinamización lectora nos seus respectivos centros, "komandos de lectura", como se fan chamar algúns, que estenden o virus da lectura entre os seus compañeiros e compañeiras, e contribúen así a que o libro e a lectura estea presente de forma cotiá nos centros educativos galegos.  

14/1/13

O club de lectura, unha oportunidade para a formación integral.

Velaquí un exemplo de como os clubs de lectura están a contribuír á formación integral das lectoras e dos lectores, mediante propostas de lectura ben escollidas e actividades interesantes, guiadas sempre por obxectivos educativos. Desde o IES de Porto do Son (Porto do Son, A Coruña), chéganos noticia das actividadees realizadas no club de lectura a partir da obra de Héctor Carré, FEBRE, que narra unha historia de minería e outros aspectos de carácter histórico e social, na comarca da Barbanza (A Coruña). Esta obra foi lida polo grupo de lectura de 3º de ESO e 1º de BAC. Mantiveron un encontro co autor (na imaxe) e, ademais, realizaron diversas actividades, entre elas, unha recensión do libro lido, para o que tiveron esta GUÍA, elaborada pola coordinadora do club.