O Portal Educativo publica hoxe a resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2014/2015. Distribúense a través desta resolución un total de 200.000€ destinados a fornecer de libros aos grupos de lectura na súa meirande parte. Un máximo dun 25% das contías asignadas poderán reservarse para costear as actividades tales como as visitas a bibliotecas e ás librarías, ou os encontros con outros clubs de lectura que se veñen organizando.
Uns 8.570 lectores e lectoras forman parte dos clubs de lectura que están xa en funcionamento nos centros neste curso e son máis dun milleiro as profesoras e profesores que se encargan da súa coordinación ou están implicados directamente no desenvolvemento das súas actividades. Estamos falando dunha realidade social e educativa que afecta directamente a preto de dez mil persoas, unha masa crítica en materia de lectura que non debería desdeñarse. Ben o saben as editoras e os autores e autoras deste país que resultan beneficiados directos deste afán lector que se estende por institutos, escolas de idiomas, conservatorios, centros de formación profesional ou de ensinanzas de persoas adultas.