29/12/14

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2014/2015


O Portal Educativo publica hoxe a resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2014/2015. Distribúense a través desta resolución un total de 200.000€ destinados a fornecer de libros aos grupos de lectura na súa meirande parte. Un máximo dun 25% das contías asignadas poderán reservarse para costear as actividades tales como as visitas a bibliotecas e ás  librarías, ou os encontros con outros clubs de lectura  que se veñen organizando.

Uns 8.570 lectores e lectoras  forman parte dos clubs de lectura que están xa en funcionamento nos centros neste curso e son máis dun milleiro as profesoras e profesores que se encargan da súa coordinación ou están implicados directamente no desenvolvemento das súas actividades. Estamos falando dunha realidade social e educativa que afecta directamente a preto de dez mil persoas, unha masa crítica en materia de lectura que non debería desdeñarse. Ben o saben as editoras e os autores e autoras deste país que resultan beneficiados directos deste afán lector que se estende por institutos, escolas de idiomas, conservatorios, centros de formación profesional ou de ensinanzas de persoas adultas.

10/12/14

O club de lectura é unha fórmula que dá resultados.


Ao longo destes catro cursos de funcionamento do noso club de lectura, os profesores implicados comprobamos que é unha das actividades que máis contribúe a fomentar a afección pola lectura e a dinamizar a Biblioteca Escolar. O feito de crear un espazo no que profesores e alumnos poden intercambiar experiencias sen a distintción de roles propia da clase contribúe a desenvolver hábitos de lectura e a xerar vencellos afectivos a través dos libros. É, polo tanto, unha actividade que xa está consolidada no Plan Lector do noso centro e pretendemos que poida chegar a outros membros da comunidade escolar.
Club de lectura. IES Monelos (A Coruña)

14/11/14

Encontro coa autora Andrea Maceira

Sesión do club de lectura  do IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria: encontro coa escritora Andrea Maceiras e participación dunhas vinte persoas, alumnado e profesorado do centro. 
No seu blogue podemos ver unha crónica detallada desta xornada.

13/11/14

As 40 autoras e autores máis lidos nos clubs de lectura. Curso 13/14

Recollidas todas as lecturas realizadas polos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, durante o pasado curso 2013/2014, velaquí os autores que máis se repiten, con diferentes títulos, nas escollas das lectoras e dos lectores. Á visto disto, e da totalidade das lecturas realizadas, pódese afirmar que a variedade e a diversidade nas lecturas son valores, entre outros, desta realidade dos clubs de lectura galegos.

12/11/14

Libros máis lidos nos Clubs de lectura durante o curso 2013/2014

Velaquí a relación de títulos máis lidos nos Clubs de Lectura dos centros de ensino secundario de Galicia durante o curso 2013/2014. Os datos están recollidos a partir das memorias dos 209 clubs de lectura que obtiveron axuda da Consellería de Cultura, Educación e O.U, ao abeiro da convocatoria en apoio de funcionamento de clubs de lectura. 

1/10/14

Os clubs de lectura gañan lectoras e lectores




Esta noticia que nos chega dosde a biblioteca do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo), podería estar en primeira plana dos xornais se o mundo que vivimos fose outro, no que a prensa estivese máis atenta ás novas positivas relacionadas cos mozos e mozas, e tamén ás novas positivas que xenera o ensino público deste país. Este titular fala dun alumnado atento ás propostas do centro e sensibilizado pola lectura, pero fala especialmente dun profesorado comprometido profesional e socialmente co fomento da lectura e coa educación en definitiva. Obviamente, estes resultados non aparecen sen un esforzo continuado e sistemático, sen coñecemento das  teclas que compre tocar para vincular ao alumnado á lectura.  Parabéns!!!

15/9/14

Convocatoria en apoio dos clubs de lectura para o curso 2014/2015

Reunión do club de lectura do CPI de Xanceda (Mesía)

O Portal Educativo publica a Convocatoria de 23 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de Galicia que matriculan alumnado de ESO, bacharaleto, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Esta iniciativa ten un orzamento global de 200.000€ e o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 10 de outubro. 

29/7/14

Resume dun ano de lectura: Club de lectura do CPI O Progreso

 
O club de lectura do CPI O Progreso, de Catoira (Pontevedra), edita un vídeo no que resumen as súas actividades durante o ano, e no que podemos escoitar da propia voz das lectoras e dos lectores o que significa para elas e eles estar, forma parte do club de lectura. 

10/6/14

Materiais da VII Xornada dos Clubs de Lectura

NESTA LIGAZÓN están accesibles os materiais (presentacións, informacións de interese... ) relacionados coa VII Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o pasado 6 de xuño de 2014, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia, ao abeiro da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o curso 2013/2014. En breve subiranse tamén a esta aula virtual do colectivo das Bibliotecas Escolares Galegas, RedeBE, os vídeos gravados durante a xornada.

22/5/14

VII Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 6 de xuño reuniranse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas, escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música. Arredor de 215 mediadores de lectura, comprometidos coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade lectora. 

Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.

A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.

28/4/14

"Siareiros da palabra" van contar aos pequenos do concello

No IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas, Pontevedra) funciona desde hai tempo o club de lectura Siareiros da Palabra. Da mesma forma que outros clubs, estes grupos de rapazas e rapaces lectores están a convertirse en "comandos" de intervención lectora, en dinamizadores da lectura no seu centro e no seu medio máis próximo, ben a través de lecturas públicas, de apadriñamentos lectores en centros de infantil e primaria ou en centros de maiores, entre outras actividades.  Velaquí o exemplo destas mozas e destes mozos que prepararon detalladamente uns contos dos Irmáns Grimm, para ir representar e contar aos CRAs (Centros Rurais Agrupados) do concello. O éxito foi moito, segundo contan, e xa teñen novas solicitudes. + información AQUÍ

21/3/14

Concurso "¿Qué estás leyendo?" da OEI


A Organización de Estados Iberoamericanos publicou xa a convocatoria do concurso ¿Qué estas leyendo? correspondente ao ano 2014. Nesta ocasión, convidan aos lectores e ás lectoras de entre 15 e 17 anos, para que inscriban blogues persoais, arredor dos libros e das lecturas, neste concurso que ten como premio unha viaxe a Bos Aires, onde se realizará un encontro con todos os galardoados dos diferentes países iberoamericanos. Unha ocasión única para compartir experiencia lectora con outros rapaces e rapazas. Os bloques poden estar en calquera das linguas oficiais, dos países participantes na OEI polo que o galego podería estar presente tamén neste encontro, pois ao igual que este ano 2013, agardamos que a participación galega sexa alta. O prazo de inscrición remata o 30 de xullo.

En efecto, o pasado 19 de marzo fíxose entrega en Compostela dos premios queestasleyendo.org aos blogues gañadores e finalistas do Estado Español na convocatoria 2013. Tanto os gañadores como 4 dos 10 blogues finlistas eran galegos.

Esta convocatoria é unha oportunidade para que os rapaces e as rapazas dos clubs de lectura, xa suficientemente motivados, poidan poñer en marcha unha iniciativa persoal (ou grupal) que sirva de plataforma para a expresión da súa creatividade tanto na escrita como no audiovisual, tendo sempre como fondo os libros e as lecturas, pero tamén a música, o videoxogo, o cine...`É oportunidade tamén para desenvolver competencias dixitais e de produción de información (ALFIN en estado puro). 
 

11/3/14

Os clubs de lectura amplían oferta...

Os clubs de lectura dos centros de ensino de Galicia levan xa un certo percorrido e con el, van gañando experiencia e seguridade para abrir xanelas a novas formas de gañar lectores. Velaquí o exemplo da biblioteca do IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, Lugo. No blogue da biblioteca podemos ler a seguinte proposta: 

Este ano plantexamos dúas propostas ben distintas;
  • Unha lectura  pensada para ser compartida entre país/nais/fillos/profesores, con finalidade reflexiva e sensibilizadora sobre temas educacionais e relacionais (en este caso o acoso escolar). O libro escollido foi Sin vuelta atrás do escritor Jordi Sierra i Fabra.  
  • Unha serie de obras sobre distintas temáticas co único obxectivo de disfrutar do pracer de lectura:

A nosa biblioteca conta con varios exemplares que poden ser levados en préstamo polos interesados en participar nesta actividade.
As actividades da sección de adultos non son presenciais e consisten fundamentalmente na lectura individual do libro seleccionado e no posterior intercambio de impresións sobre esa lectura.  Para aportar esas reflexións de cada un dos lectores hai tres vías:
  • Facer chegar os comentarios á biblioteca do Xograr (portería, buzón de suxerencias da biblioteca, correo postal, etc)
  • Vía online no propio blog da biblioteca (http://biblioxograr.wordpress.com/) facendo un comentario  ao final deste artigo. (Deixar un comentario)
  • Vía escrita, facéndonos chegar os comentarios ou a proposta de novas lecturas
ACCESO Á TODA A INFORMACIÓN no blogue da biblioteca

30/1/14

Twitter de Bibliotecas Escolares de Galicia

Co nome @bescolaresgal, a Asesoría de bibliotecas escolares abríu conta en Twitter e alí imos dando noticia do que se vai facendo, pero tamén informacións varias relacionadas coa lectura, coas bibliotecas, coas recursos dixitais, coa educación en definitiva.

Os clubs van á radio

Un exemplo máis de como os clubs de lectura están ampliando actividade e sementando lecturas polo país adiante. Desta vez son as alumnas do Club de Lectura CORISTRANCA (Un club de lectura con retranca), do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña) as que aproveitan as posibilidades da radio, e neste caso da emisora CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña. 
No blogue do club de lectura temos toda a información sobre este club, e nesta ligazón, o podcast desta emisión radiofónica, fermosísimo momento de exaltación e de vivencia gozosa da lectura. Absolutamente recomendado!

Club de lectura de adultos no CEIP A Gándara

Coma en moitos outros centros, no CEIP A Gándara, de Monforte,  existe un club de lectura no que participan profesorado e famillias (e polo que vemos na imaxe, principalmente nais e profesoras). No seu blog podemos ver a programación de lecturas que teñen para os vindeiros meses e tamén lemos que algúns membros do club, inda que non poden asistir ás reunións, si queren participar das lecturas. Un xermolo máis de sociedade lectora agromando en Monforte de Lemos!!