22/12/15

Resolución Clubs de lectura para 2015/2016

 Na imaxe, mozas e mozos do Club de Lectura "A poza da moura", do IES A Paralaia (Moaña)  

Publicouse xa no Portal Educativo a Resolución de 21 de decembro, da D. X. de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria dos Clubs de Lectura en centros de ensino secundario de Galicia, pola que se asignan contías para apoiar o funcionamento destes clubs durante o curso 2015/2016. Distribuíronse un total de 200.000€ entre os 239 centros que presentaron as súas solicitudes en tempo e forma. Para ilo tívose en conta, tal e como contemplaba a convocatoria, a memoria de actividades do curso anterior, o número de grupos e de lectores e lectoras participantes,así como o compromiso coa lectura en lingua galega.

17/12/15

As 40 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 14/15

Á vista das lecturas realizadas polos Clubs de lectura dos centros de ensino secundario e postobrigatorio de Galicia durante o curso 2014/2015, coñecemos os autores e autoras máis lidos polo lectorado neste período, sempre dentro das actividades dos 228 clubs de lectura que recibiron axudas a través da convocatoria da D. X. de Centros e Recursos Humanos para o seu funcionamento. O número de títulos lidos fai referencia ao total de lecturas de cada autor escollidas polo conxunto dos clubs.

Resulta de gran interese ver entre os autores máis lidos a poetas e autores de banda deseñada. Tamén  é salientable a presenza de autores clásicos entre os máis lidos.

11/12/15

Os clubs de lectura e o plurilingüísmo

Á vista dos títulos lidos nos clubs de lectura  dos centros de ensino secundario no curso pasado (2014/2015), as lecturas feitas en galego superan, escasamente, as realizadas en lingua castelá, a pesar de que a convocatoria incentiva a lectura en lingua galega. Outros idiomas presentes: francés, inglés, portugués, alemán, italiano... Aquí a presenza das Escolas de Idiomas  amplía o abano de lecturas neste aspecto: 

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura - 2014/2015

No curso 2014/2015 funcionaron clubs de lectura, con apoio do programa de Clubs de Lectura, da D. X. de Centros e Recursos Humanos (Consellería de Cultura, Educación e O.U.), nun total de 228 centros educativos que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial. Trala lectura das memorias destes clubs de lectura correspondentes, dífúndense algúns datos de interese: 

2/9/15

Convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2015/2016

Na imaxe, alumnas e profesroa do IES Monte Castelo (Burela), nunha sesión do club de lectura.

O Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe unha nova convocatoria de axudas para o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2015/2016, por un importe global de 200.000€. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015. 

Esta iniciativa intégrase no programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros de ensino e supón unha aposta da consellería a favor dos lectores e das lectoras. 

29/7/15

Un ano do club de lectura do CPI O Progreso

O club de lectura do CPI O Progreso de Catoira amosa neste video a súa actividade durante o curso 2014/2015. Un resume audiovisual que mostra algunhas das posibilidades desta fórmula para o fomento da lectura co alumnado adolescente e demostra que para que xurda e se fortaleza o vínculo coa lectura fai falta compromiso, inxenio, entusiasmo, coñecemento, empeño e dedicación. Nunha sociedade chea de ruído e estímulos banais é moi valioso o labor dun profesorado que consigue atraer para a lectura, para a cultura e o coñecemento en definitiva, ao seu alumnado. Parabéns por ese traballo.

28/7/15

A opinión dunha participante no club de lectura

                                                                                                                                  Club de lectura do IES de Catabois
Unha "Lareta" (que así se chaman as lectoras maiores do club do IES Poeta Añón, apunta a seguinte valoración:
"Moi contenta por pasar estes anos pertencendo ó club de lectura posto que aprendín moitas cousas moi interesantes. Permitiume ler libros e poder comentalos para así ver os diferentes puntos de vista da xente. Tamén agradecer e felicitar a tódalas profes que vos esforzades por sacar o club adiante..."
Vai por todas vos!!!!!!!!!!!

10/6/15

Agustín Fernández Paz responde no twitter.

Figura elaborada pola escultora Cuqui Piñeiro especialmente para o Premio dos Clubs de Lectura

9/6/15

Materiais da VIII Xornada dos Clubs de lectura en redeBE

O pasado 5 de xuño xuntáronse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura, presentes en 238 centros de ensino público de Galicia que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, ensinanzas artítisticas e de persoas adultas). Os materiais desta VIII Xornada dos clubs de lectura están dispoñibles no espazo redeBE. En breve completaranse os materiais existentes e subiranse os vídeos gravados durante a xornada. 
O que deu de si twitter:

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015


Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Agustín Fernández Paz recibiu na pasada VIII Xornada dos Clubs de lectura o Premio dos Clubs de Lectura 2015, concedido por ser o autor galego máis lido polos clubs no pasado curso 2013/2014, tal e como aparece recollido na Resolución de 23 de abril de 2015 

Agustín, que finalmente non puido acudir  a Compostela, dirixiuse aos asistentes a través deste vídeo, gravado previamente en previsión de calquera incidencia. Agradecemos a xenerosidade do escritor e todas as facilidades que nos deu para esta gravación, así como a presenza de Manuel Bragado, editor e amigo de Agustín, que acudiu no seu nome a recoller o premio dos lectores e das lectoras espallados polos centros de ensino secundario galegos.

13/5/15

VIII Xornada dos Clubs de Lectura

O venres 5 de xuño reunirá en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en máis de 230 centros educativos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e ensinanzas de persoas adultas). Esta VIII Xornada dos Clubs de lectura é unha oportunidade para a profundización en temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios, tamén para reflexionar sobre o papel dos clubs de lectura do ámbito educativo na construción da sociedade lectora, así como para intercambiar experiencias e actividades. Este encontro anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura é un espazo para reflexión conxunta, tamén para a creación e reforzo de vínculos profesionais arredor dos libros, a lectura e, finalmente, a educación.

13/4/15

"Persépolis" comentada

As mozas e mozos do clubs de lectura "Lecturas rebuldeiras" de 4º de ESO do IES Monte das Moas (A Coruña) leron Persépolis, o cómic de Marjani Satrapi e puxeron na voz das súas propias caricaturas algunhas expresións e opinións xurdidas trala lectura desta obra. Velaquí os resultados. 

20/2/15

Medre o mar!

Non hai como unha biblioteca escolar atenta ás necesidades e intereses do seu alumnado, porque pon as antenas a canto pasa arredor para poder cubrir eses intereses... ou espertalos. Velaquí un exemplo. Desde a biblioteca do IES Universidad Laboral, de Culleredo chéganos noticia dunha actividade especialmente deseñada para o alumndo dos ciclos formativos da familia de Marítimo -Pesqueira, arredor do libro de Xurxo Souto "Contos do mar de Irlanda", recentemente publicado. O escritor e músico visitou o centro e mantivo un encontro co alumnado, rapazas e rapaces procedentes de distintos puntos de Galicia e representantes de todas as súas costas. Narración, literatura, música, etnografía, lingua e humor para festexar a presentación deste libro a un alumnado potencialmente interesado na súa temática.

Máis información e imaxes nesta entrada no blogue da biblioteca do centro.

9/2/15

Encontros en negro... na biblioteca do IES G. Torrente Ballester (Pontevedra)

A biblioteca do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra) prepara os ENCONTROS EN NEGRO, para o vindeiro 18 de febreiro, cun trío de luxo: Pedro Feijoo, Dolores Redondo e Domingo Villar, tres dos autores de novela negra máis lidos en lingua galega. a actividades conta coa moderación de Ramón Rozas, xornalista e comentariasta no Diario de Pontevedra.  Estes encontros están abertos á cidadanía, e desde a biblioteca anímase a participar. Desde logo, os clubs de lectura dos centros de Pontevedra ou zonas próximas están de noraboa. Tamén cómpre recoñecer a xenerosidade dos organizadores por facer partícipes desta iniciativa a outros centros. Agardamos que sexa un éxito total.