30/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Le+ do IES Manuel Antonio




“Xa desde principio de curso se comezou a facer publicidade do Club de lectura entre o alumnado e o profesorado.
Grazas ás reunións de coordinación, ás que ademais dos membros do grupo de biblioteca asiste o xefe de estudios e a vicedirectora do centro, a coordinadora do club tivo a oportunidade de asistir a unha das reunións de titores de ESO e bacharelato e alí dar a coñecer as experiencias do club, para que todos os titores puideses transmitira información aos seus alumnos e alumnas.
Ao resto do profesorado deixóuselles a información nas súas correspondentes “taquillas” e colocáronse carteis nos lugares máis destacados do centro. Esta información presentouse nun power point na entrada principal do instituto xunto con outra publicidade da biblioteca.
Tamén se enviou unha carta da Dirección do centro ás familias, informando da posibilidade de formar parte do Club.”

29/9/11

MEMORIAS DE CLUBS: O club Fraga do Novio do IES de Porto do Son




“O 5 de novembro o club de lectura compartiu unha saída conxunta cos clubs “As Campaíñas” do CP Ide Cuntis, “iESCALasletras” do IES Aquis Celenis de Caldas, “As Portadas” do CPI Domingo Fontán de Portas e “Na Estrada – 525” do IES Manuel García Barros da Estrada. Seguindo coa temática das historias de medo e intriga á que lle dedicou a biblioteca o primeiro trimestre, cada club participante representou relatos de terror á tardiña no mosteiro de Carboeiro, onde tamén tivemos ocasión de escoitar as historias de Celso Fernández Sanmartín.”

28/9/11

MEMORIAS DE CLUBS: María Castaña do IES de Sabón


O club María Castaña, tamén é moi visible na realización das exposicións: “Libros de guerra” ou “Libros con corazón”, realizadas con materiais da propia biblioteca; e tamén, da exposición de fotografías realizadas imitando portadas de libros ás que se acompañaba das obras orixinais ...

27/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: IES de Catabois (2)

Do Club Xuvenil do IES de Catabois
“Cada membro do Club está invitado a traer ás reunións calquera párrafo, verso, estrofa ou artículo que queira compartir cos demais membros para o seu comentario ou simple desfrute. Esta foi unha proposta de gran éxito, sobre todo nos primeiros meses, e da que saíron moi interesantes lecturas e charlas. Consideramos que é, ademais, moi importante de cara á práctica da lectura en público e en voz alta. E por outra parte, o alumno/a síntese escoitado nos seus intereses, e valorado polos mesmos, animando así a outros a facer o mesmo e movendo a reflexión, non só estética ou literaria, senón tamén filosófica ou social.”

"Maneras de leer"

A Asesoría de bibliotecas escolares estivo en Madrid os días 20 e 21 de setembro, no congreso Maneras de leer, organizado conjuntamente polos ministerios de Educación e Cultura. Fóramos convocadas a participar coa experiencia dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia, unha iniciativa que está a chamar a atención a todos os que, desde o mundo da lectura, se achegan a ela. Alí estaban tamén as compañeiras que participan no programa ARCE, compartindo experiencias lectoras desde os seus clubs en diferentes recunchos do Estado: Murcia, Tenerife, Madrid e Galicia. Velaquí a súa propia crónica do que alí pasou, no blog que comparten En el país de Alicia.
A delegación galega non era pouca: ademais de Anxos, a coordinadora de As zocas faladoras, estaban presentes os compañeiros Rafa e Cris, do CEIP de A Lama, e as coordinadoras
das bibliotecas do CPI de Catoira, Nine, e do IES Ribeiras do Louro, Paz.
Maneras de leer permitiunos coñecer experiencias do ámbito da lectura pública e do ámbito do ensino, espalladas por todo o territorio do Estado. Permitiunos, así mesmo, reencontrarnos con amigos xa das bibliotecas escolares galegas, como Carmen Carramiñana e Merche Caballud, mestras e amigas, que desde o seu Leer juntos, tanto e tan ben nos teñen acompañado en distintos encontros e xornadas.

26/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: IES de Catabois




“O Club representa unhas das accións máis importantes da biblioteca, posto que intenta abrir as súas portas a todo o persoal do centro e ademais a membros das asociacións de veciños do entorno, ex alumnos, etc., obedecendo ao concepto de acceso á lectura de todo o colectivo, estendendo as súas actividades máis alá das accións netamente académicas.”

22/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Colegas das palabras do IES Julio Prieto Nespereira




“A satisfacción do grupo queda explícita na constancia: un grupo de “colegas” levan dende o principio, sempre colaboran nas actividades dinamizadoras e normalizadoras do centro ademais das especificamente pertencentes ao club de lectura. Isto fai que a miña satisfacción sexa grande. Levo comigo intercambio de aprendizaxes e experiencias e unha relación humana moi especial e gratificante.”

19/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Camiños do IES Luís Seoane





Recollemos dunha escolma de reflexións colectivas realizada a final de curso:
“Aquí, entre todos os que estamos, descubrín que a lectura me fixo distinta. Non digo que mellor, só distinta e capaz de comprender moitas cousas que non comprendía”.
“O impulso do Club de Lectura fíxome capaz de compartir coa miña nai lecturas. Ela sempre foi afeccionada á lectura e sentíase doída porque eu lía pouco. Agora está moi contenta e eu tamén.”
“Aquí todo son gabanzas pero moitos seguimos sendo tan vagos coma sempre. A min sempre me gustou ler pero non estudar e segue sen me gustar.”



Así se nos explica a razón do nome:
Camiños recibe o seu nome da convición de que “os libros abren mil camiños, camiños que nunca se acaban, e polos que se debe viaxar, poñer as pegadas nas páxinas que marcan os rumbos e os sendeiros que levan a todos os países, a todas as almas e a todas as situacións imaxinadas e contadas."

16/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: TUGA - LENDO - LUGO


Entre os desafíos para o próximo curso, o club TUGA – LUGO – LENDO proponse enviar un correo a todos os departamentos de portugués das EOI para animalos á creación de clubs de lectura en portugués, e de ser posible, tentarán establecer contacto con algún club de lectura en Portugal, co que se reunirían para debater arredor dunha mesma obra.
Parabéns pola claridade da mirada e ánimo para percorrer ese camiño!

15/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: As catro esquinas do quinto

En “As catro esquinas do quinto” coméntase
“(...) Este ano non puidemos asistir ás Xornadas – terapia (por causas totalmente alleas) que sempre traen un pouco de ánimo, moitas ideas e sentimentos de grupo, folgos tan necesarios para poder seguir adiante. Pero o certo é que,este ano,a nosa actitude de ánimo débese aos rapaces. Son eles os que nos fixeron non dubidar do noso traballo.
Explícome. Todo comezou o último día de curso 2009-2010, cando levamos aos máis pequenos do club á praia. Non se me pode esquecer o seu descaro ó ler, en medio dunha praia chea de xente, os seus poemas preferidos do mar (alucinante as súas escollas). Xa de camiño á casa, dinme conta do moito que merecían eses rapaces e rapazas que xa falaban emocionados dos proxectos do curso seguinte: se facer teatro, se ler non sei que cousa, se ir non sei onde a ler non sei que... Eles estaban a organizar de novo algo que nós,neses intres,pensabamos que se estaba a desfacer. E o certo é que eses pequenos demostraron este curso que non facían castelos no aire naquel autobús de volta da praia, levaron a cabo moitas das súas ideas, currando, lendo, falando..., un grupo excepcional. (...)
(...) non tivemos que tirar do club, o club tirou de nós. Parece que a semente está a dar un bo froito.”

14/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Covaterreña

O Club Covaterreña ten como obxectivos:
- Fomentar o hábito lector entre o alumnado
- Aumentar o pracer da lectura mediante a comparación e contraste da experiencia lectora
- Impulsar o interese por expresar as ideas e sentimentos propios nacidos da lectura de distintos textos.
- Potenciar a capacidade crítica e argumentativa diante doutras persoas mediante o comentario dirixido.
- Apreciar o valor estético da literatura e a súa función como vehículo transmisor de ideas, coñecementos e expriencias.
- Ampliar a riqueza expresiva no ámbito da oralidade.
- Utilizar a biblioteca como lugar de convivencia.
- Utilizar as TIC para crear e interpretar textos.
E, a modo de conclusión,... “o club funcionou como un elemento integrador para alumnado de diferentes niveis educativos”.

13/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS DE LECTURA: Fendetestas (2)

Os obxectivos que se pretendían acadar eran no club:
- Suliñar o carácter socializador e lúdico da actividade de ler e de falar sobre o que se leu.
- Contribuír, con iso, á formación integral dos individuos lectores.
- Perfeccionar as súas competencias básicas.
- Fomentar o traballo coas habilidades comprensivas, expresivas e documentais.
(...)

E xa para rematar, unha vez máis, os profesores que organizamos a actividade do club de lectura Fendetestas queremos deixar constancia do que nos fai medrar, non só como profesionais, senón como persoas, a participación nesta comunidade na que o interés común é ler para compartir, para coñecer e para coñecerse mellor. Sobre nós sobrevoa a voz do irrepetible Borges, quen con acerto dicía: “Uno llega a ser grande por lo que lee y no por lo que escribe.”

12/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Fendetestas do IES de Curtis



“O proxecto funcionou desde outubro de 2008 e segue medrando día a día, con membros xa veteranos e con outros que recibimos con ilusión cada curso. Certo é tamén que non todos os que suben a este tren viaxan ata a última estación: algúns apeáronse no medio do traxecto, pero tamén cómpre dicir que ao baixar uns, outros novos viaxeiros subiron ao vagón da lectura.”

9/9/11

MEMORIAS DOS CLUBS: Siareiros das palabras do IES Pedras Rubias


"En canto aos obxectivos, temos contribuído a crear hábitos lectores, a traballar a lectura en diferentes soportes e a relación entre as diferentes linguaxes, a mellorar a comprensión lectora e a adquirir as competencias lingüísticas mediante a ampliación de vocabulario, dos estilos de escrita, dos xéneros, da dramatización, da lectura individual e compartida; a aprendizaxe de apuntes soibre as lecturas... Tamén temos conseguido unha maior formación cultural, estética e artística, así como a autonomía e a iniciativa persoal, ao tratarse dunha actividade optativa e voluntaria."

8/9/11

MEMORIAS DE CLUBS: Na Estrada - 525 (2)


Primeira reunión. Cuestións prácticas.

“A primeira reunión foi extraoficial, para informar aos lectores interesados en continuar no club, dos requisitos que debían reunir os posibles candidatos a formar parte del, as vías polas que se lles convocaría e outras informacións de tipo organizativo. Nesta primeira reunión solicitóuselles que cubrisen unha folla preparada para tal fin cos seus datos (idade, curso, correo electrónico, DNI, preferencias lectoras), xustificándolles esta petición. Despois presentámonos oralmente todos/as e, en vez de explicar as súas preferencias lectoras como se lles solicitara, falaron das razóns polas que se integraron no club. Moitos xa formaran parte del en cursos anteriores e fixeron un resumo da súa andaina para os novos.
(...)
Posto que as reunións se celebrarían fóra do horario lectivo, entregóuselles unha folla para que a cubrisen os seus titores legais, e coa que os autorizaban a participaren nesta actividade.
Nesa primeira reunión tamén se lles amosou o blog do noso Club. (....)
Regalóuselle a libretiña a cada un dos participantes para que fosen tomando note das súas descubertas, dos proxectos de lectura, dos borradores para os comentarios no blog..."

MEMORIAS DE CLUBS: Na estrada - 525



“Nas reunións pretendemos que os participantes falaran libremente da súa lectura, das inquedanzas espertadas, da súa crítica; incentivamos que se contrapuxesen opinións sobre unha mesma obra, que abrisen perspectivas de interpretacións diferentes, que relacionasen esa obra con outras anteriormente lidas, que discutisen sobre versións dun mesmo título en diferentes soportes entendendo as linguaxes propias de cada un ...
(...)
A comodidade coa que se sentían todos os membros dentro do club posibilitou comentarios moi persoais e interesantes sobre a experiencia lectora e a personalidade de cada un de nós. Ao final, todos e cada un dos participantes coñecían os gustos e preferencias dos demais."

7/9/11

MEMORIAS DE CLUBS: O Segrel do Penedo (2)

Tamén do Segrel, a respecto da colaboración co n outros centros:
“Este curso, o mesmo que os pasados, seguimos a utilizar o servizo de préstamos interbibliotecarios a través de “Libros a eito” con distintas bibliotecas escolares como o CEIP Recimil (ferrol), CEIP Os Casais (Fene), CEIP O Ramo (Fene), CEIP Centieiras (Fene), IES Catabois (Ferrol), IES Sofía Casanova (ferrol), IES Fernando Esquío (Ceda), IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES de Mugardos (Mugardos), IES Vilar Ponte (Viveiro e IES Neira Vilas (Oleiros).
Quixéramos facer fincapé no positivo desta experiencia, porque non só se trata de optimizar recursos, co que isto implica de darnos a posibilidade de facer máis lecturas das que nun pricipio nos permiten os fondos obtidos a través da convocatoria de Clubs de Lectura, se non que nos dá a oportunidade de compartir lecturas con membros de clubs amigos e mesmo de organizar actividades conxuntas ou paralelas.”

6/9/11

MEMORIAS DE CLUBS: O Segrel do Penedo




"Como esquecer…
A marabillosa carta de despedida da avoa que formaba parte do club e que o abandona por motivos de saúde.
O feito de ser os “culpables” de que nais e fillas poidan compartir gustos, espazos, momentos…
“Normalmente é ela quen me recorda que teño club de lectura e teño que darlle explicacións se por algún motivo non podo asistir. Sempre me comenta o que fan el@s no seu”
O orgullo de ser os artífices de que algúns dos membros do club lean en galego.
“Perderllo o medo a ler unha obra en galego”; a partir de aí, decidiu matricularse nun curso de galego “para poder ler as novelas sen dificultade”.
Que algúns dos membros do club se acheguen a obras que noutras circunstancias nunca terían lido.
“Facer lecturas de libros que nunca se me ocorrería ler”
Que haxa quen se engancha á lectura de tal xeito que…
“Anteriormente non. Agora mesmo participo noutro club de lectura na biblioteca de Ares, que tamén é moi interesante.”
Que haxa quen consigue, a través do club, poder compartir gustos e afeccións.
“Sobre todo compartir cos demais o gusto pola lectura, cousa que no meu ambiente habitual non acostumaba facer.”
O feito de que o nosos club sexa quen de facerlle perder público á TV.
Que pais e nais asuman que formar parte do club é un xeito de implicarse na vida do centro.
(…)"


Tal como pode lerse na avaliación do club que se recolle na entrada do seu blogue

5/9/11

Memorias de clubs de lectura: Balbordo

Do apartado de conclusións, recollemos:


"Como moderadora de Balbordo, por cuarto ano consecutivo, teño que indicar que é unha experiencia "agotadora", que supón un gran esforzo organizativo e persoal de "gasto de enerxías" pero sen dúbida constitúe un privilexio escoitar e ver as caras de tanta e tanta xente que se emociona coa lectura. Neste sentido, en Balbordo somos moitas persoas, moi diversas, as que pensamos que é un bo modo de abrir camiño á lectura... A implicación da comunidade educativa, creo que é extraordinaria e a resposta e apoio dos compoñentes de Balbordo, inmellorables. (...) Debo agradecer as axudas recibidas para que estes proxectos poidan continuar funcionando. Aínda que existen fórmulas que facilitan o intercambio de libros entre centros, sen dito apoio económico, a organización e continuidade dos Clubs nos que se desenrolan varios proxectos ao mesmo tempo, cada mes, non poderían ser levados a cabo cunha mínima garantía de éxtio e seriedade, dado o inmenso esforzo de artellar variables actuacións sen contar cun respaldo económico.


Continúo a crer firmemente (coa perspectiva que ofrecen xa 4 anos de esforzo continuado) que as actuacións de Balbordo contribúen a asentar e potenciar o ambiente lector que sempre procuramos se respira no noso centro."

1/9/11

Convocatoria en apoio dos Clubs de Lectura - 2011/2012

O Portal Educativo da Consellería de Educación e O.U. publica, con data 1 de setembro, a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos destinada a incentivar a actividade dos Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario, correspondente ao curso 2011/2012, no contexto do programa HORA DE LER, para o fomento da lectura en centros de ensino. O prazo de presentación de documentación remata o 20 de outubro.