29/12/09

O QUE SE DI NALGÚN PROXECTO DE CLUB


Falando do pasado:
"(…) A maioría das cuestións transcendentais, trasfondos da novela, xurdían deles cunha espontaneidade pouco habitual. Os libros abriron tanto canles de pensamento como afectividade entre os integrantes do club”

Falando do futuro:
"(…) A intención é ir debullando as diferentes temáticas e cuestións que vaian xurdindo, e así sacarlle máis partido á lectura enriquecéndonos coa multiplicidade de visións. Un profesor ou profesora moderará as postas en común, procurando e animando a que os alumnos e alumnas participen con naturalidade e expoñan as súas ideas sen vergoña.
A nosa idea é que a moderación, sobre todo co alumnado maior apenas se note pois preferimos que espontaneamente xurdan os temas e sexa o alumnado o que tome a palabra, si ben son moi enriquecedoras para todos as intervencións do profesorado que coñece en profundidade o obra que estamos a ler e ao seu autor ou autora.
(…) serían finalidades do club dinamizar a vida sociocultural do contorno educativo (…), en fin, buscar un trato coa lectura distinto do académico e amosar que profesores e alumnos poden disfrutar e aprender xuntos grazas á lectura e á imaxinación.”

22/12/09

"IDEAS" RECOLLIDAS NUN PROXECTO


"(…)
O que pretendemos conseguir con este proxecto basicamente é nada menos que crear/asentar na nosa comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente) a comunicación estable entre os que xa son asiduos da lectura e os que queren selo.
Pero non só iso: un club de lectura é un foro onde aprender a escoitar, a argumentar e a respectar os puntos de vista dos outros. Algo que tantas veces botamos fondamente de menos.
Xorde coa intención de consolidar lectores que len por gusto e pensan/senten por si mesmos.
(…)
Así mesmo consideramos moi importante facilitar a comunicación entre iguais e entre diversos e darlles a todos/as a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas e tamén opinións sobre as súas lecturas.
(...)"

As negriñas son nosas, os textos do profesorado implicado.

15/12/09

RECOLLIDO DUN PROXECTO DE CLUB DE LECTURA


"(…) Entendemos que os adolescentes carecen, como todos, dunha “educación sentimental”, e que é a lectura a que suple a falla de “libros de texto” e “de instrucións” para desenvolver a personalidade nese sentido.
(…) Queremos que este sexa máis un club de “lectores” que de “lectura”, que os estudantes veñan aos encontros coa liberdade de atoparen neles a “outros que len”, independentemente de que sexan profesores, compañeiros de clase, alumnos de outros cursos ou outros membros da comunidade educativa que, puntualmente, poderán, acudir ás nosas reunións. (…)"

Porque o profesorado sabe moi ben o que se está a necesitar e así o escribe.

2/12/09

Planificación a favor da lectura


Porque hai que planificar, sistematizar, formalizar, analizar, avaliar, programar.... sen encorsetar, con flexibilidade e apertura... para ser eficaces e obter resultados. Velaí un exemplo de que os Clubs de lectura que se están a levar a cabo nos centros educativos galegos non son setas do outuno, aínda que nazan como setas por todo o país. Son froito do compromiso do profesorado que os pon en marcha e da súa profesionalidade. Como exemplo, vexamos o calendario do club de lectura do IES de Monterroso