21/5/13

A videoconferencia: unha ferramenta útil para o club de lectura.


Encontro virtual con Fernando M. Cimadevila from Turo on Vimeo.

Ben porque os recursos son cada vez máis escasos, ben porque os autores non están tan accesibles como desexarían os lectores e as lectoras, ben porque están lonxe... a cuestión é que a videoconferencia pode ser unha opción barata e útil para manter un encontro coa escritora, co escritor do libro que vimos de ler. Velaquí o exemplo do Club de Lectura do CPI O Progreso, de Catoira. Trala lectura de "O mundo secreto de Basilius Hoffman", e despois dunha chea de actividades arredor das personaxes, contactaron co autor, Fernando M. Cimadevila, e mantiveron un encontro  a través de internet do que nos deixan ver un pequeno resumen. Atención ás recomendacións que Fernando fai a estes mozos e mozas ao final do vídeo!!!!

15/5/13

Programa da VI Xornada dos Clubs de Lectura





Programa da VI Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública), en Santiago de Compostela, o vindeiro 31 de maio. 
Unha oportunidade para o encontro, o intercambio de experiencias, a reflexión e o debate arredor das posibilidades do club de lectura como fórmula para a formación dos mozos e mozas en competencias clave para o cidadán do século XXI: comunicación lingüística, aprender a aprender, competencia informacional, autonomía e iniciativa persoal, competencia cultural e artística... entro outras. E tamén o club de lectura como lugar de convivencia, no que aprender a dialogar, argumentar, escoitar e respectar ao outro, en definitiva, construír espazos comúns de entendemento.

14/5/13

O que é un club de lectura??

 
As mozas e mozos do Club de lectura O LIBRAKO, do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal (Pontevedra), explican así o que significa para elas/eles participar no club de lectura do centro. 

7/5/13

VI Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro venres 31 de maio celebrarase en Santiago de Compostela (nas instalacións da EGAP) a que será a VI Xornada dos Clubs de Lectura. Reuniranse as coordinadoras e coordinadores dos clubs de lectura que funcionan neste curso en 222 centros de ensino secundario de Galicia, ao abeiro da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e RRHH para incentivar clubs de lectura no curso 2012/2013 (no contexto do programa HORA DE LER, para o fomento da lectura nos centros educativos). A xornada contará coa presenza de Gemma Lluch, especialista en literatura infantil e xuvenil, da Universitat de Valencia; Xose R. Lois, de Redelibros, e do escritor Marcos Calveiro. Tamén haberá ocasión para o intercambio de experiencias e unha mesa para a reflexión e o debate sobre as potencialidades do club de lectura e a súa contribución á adquisición de competencias básicas por parte do alumnado. Esta actividade, encadrada nos programas de bibliotecas escolares e fomento da lectura da Consellería de Educación, organízase en colaboración coa Rede de Formación do Profesorado (CAFI-Santiago), como actividade de formación.