22/11/13

Impacto dos clubs de lectura. Un exemplo


O Club de lectura "Ai, Ptolomeo, tolo meu" do IES Otero Pedrayo, de Ourense, é un club de lectura temático, asociado ao Departamento de Filosofía do centro e máis concretamente ao profesor de "Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía". Ten xa unha traxectoria de cinco anos. O seu coordinador, José Luís Martínez Costas, explica algúns dos logros do club, entre outros ter espertado o interese de profesorado, alumnado e pais e nais do centro. Pero, ademais dos alto nivel que acada o alumnado nos comentarios e recensións dos libros lidos, o coordinador do club achaca ao éxito do mesmo " que a asignatura-fonte do club (Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía) se converta nunha asignatura moi solictiada entre os alumnos de 2º de Bacharelato". 

Informa, por outra parte, que "o club está fornecendo coas súas lecturas "unha sección especializada na biblioteca, sección que trata de unir cuestións científicas, sociais, políticas, históricas e filosóficas, introducindo ademais formatos moi actuais como o da banda deseñada."  

Esto último é un camiño que poden facer as bibliotecas dos institutos, un camiño de futuro: a especialización nalgunha temática, de forma que pode ser referencia na zona, dotar de valor engadido á biblioteca do centro  e contar cun material de interese para o intercambio bibliotecario con outros centros. 

21/11/13

Un novo recurso para os clubs de lectura

Dende a Subdirección Xeral de Bibliotecas,  infórmannos das últimas novidades editoriais adquiridas para incrementar os fondos dos clubs de lectura. Pódese consultar a lista completa dos lotes que xestionan dende a Biblioteca de Galicia no seguinte enderezo: http//bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/clubs-de-lectura  
Neste mesmo enlace infórmase do procedemento a seguir para solicitar os lotes de libros.
Entre as novidades no catálogo da Biblioteca de Galicia-Clubs de lectura figuran varios cómics de interese:
CÓMIC (15 exemplares)
  • Davodeau, Étienne. Los ignorantes (na imaxe) 
  • Miller, Frank: Daredevil: Born again
  • Moore, Alan ; Ha, Gene: Top 10
  • Otomo, Katsuhiro: Pesadillas
  • Busiek, Kurt ; Ruth, Greg: Conan la leyenda O nacido en el campo de batalla
Para consultar a lista completa dos títulos de clubs de lectura de todas as bibliotecas públicas municipais cómpre enviar un correo a bforum@coruna.es coa petición de que se quere consultar a devandita relación. 


19/11/13

Presentación de libros en librarías, coa presenza de alumnado


Esta é a nota informativa de editorial:
"O mércores, 20 de novembro, ás 12:00 horas, na libraría Couceiro, praza de Cervantes, 6 de Santiago, terá lugar a presentación do libro Ámote Leo A. Destino xalundes de Rosa Aneiros.
No acto participarán Manuel Bragado, Rosa Aneiros e contará coa colaboración especial de alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal de Santiago, acompañados pola profesora Mercedes Espiño."
A presentación de libros está a sufrir cambios de interese. 
Nuns casos, pasan a ocupar novos lugares como as bibliotecas escolares.
Noutros, como o que nos ocupa, pasan a convidar novo público. 
Son estas fórmulas necesarias para vitalizalar as presentacións e darlle novos pulos. E virán outras, virán aquelas nas que o alumnado acuda a presentacións fóra de hgorario lectivo, porque a ligazón entre educación e cultura se faga máis forte.

8/11/13

CLUBS DE LECTURA E ROTEIROS LITERARIOS

Pódese ler sentada, tamén deitado. Pódese ler de pé e tamén camiñando.Nos roteiros literarios faise iso: lése de camiño que se pasea. Cada pobo debería ter un roteiro literario, qué menos?
Castelao por Pontevedra, da man do Club de Lectura Caderno do Lérez (IES A Xunqueira II)

7/11/13

Convocando o club de lectura

Así convocan, no IES Marco do Camballón, para formar parte do club de lectura.
¡Apúntate ao club!

6/11/13

Razóns para formar un club de lectura

"A iniciativa parte da convicción de que a lectura constitúe un factor primordial para o desenvolvemento das competencias básicas (...). O feito de que o alumnado adquira o hábito lector favorece o desenvolvemento da súa competencia literaria e o manexo da información dende o punto de vista crítico. Por iso, esta iniciativa forma parte dun proxecto máis global onde a biblioteca ten o papel protagonista, queremos ter máis e mellores usuarios e pensamos no club de lectura como unha das actividades que máis e mellor forman lector@s. A biblioteca concibímola como un centro de recursos dinámico, plenamente integrado na vida do centro, que facilita o acceso a documentos de contido diverso e en soportes variados (...). É neste contexto que se desenvolven as actividades do Club Lector.
O noso obxectivo fundamental é o de promover o pracer da lectura entre o noso alumnado adolescenbte, potenciar o acto lector como unha actividade pracenteira e enriquecedora. É por isto que ademais da dimensión individual que todo acto de lectura ten, queríamos engadirlle a riqueza que supón compartir con outras persoas esa experiencia e transformala nunha experiencia de grupo que permitira compartir diversos puntos de vista, distintas visións e intereses. Sentirse vencellado con outras persoas a través dos libros e das lecturas parecíanos ademais de moi interesante para os adolescentes que, neste momento vital, necesitan experiencias nas que os vencellos co grupo son moi importantes.(...)
                                                                                                                                CPI Progreso de Catoira

5/11/13

Agradecementos, dentro do club de lectura.



                             Colaboración entre clubs: IES Losada Diéguez / Frei Martín Sarmiento
"Quero agradecer a todos eles a súa participación, en especial a .... que "dixo que si sen preguntar para que", aos moderadores, polo seu esforzo adicional nestes momentos nos que atopar un oco é tarefa imposible; e aos rapaces e rapazas por non decaer nesta actividade, aínda cando os exames e os traballos apretaban ben.
(...)
Quero agradecer a oportunidade de ter sido a coordinadora dos clubs este curso, pois a experiencia humana vivida superou con creces as miñas expectativas. Agardo que outros teñan a sorte e as ganas para continuala"
Farolendo. IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa)

4/11/13

O club de lectura crea expectación

                                                                                          CPI O Progreso de Catoira
"Hai que incidir na importante expectación que se creou no novo grupo de 1º de ESO que acababa de chegar ao centro; preguntaban qué había que facer para formar parte do club de lectura, xa antes de que se fixese a presentación da actividade por parte do equipo de biblioteca, na charla inicial que se realiza cos pais e nais do alumnado. Dado que para todos eles era a súa primeira vez nun club de lectura, coñecían a súa existencia polo boca a boca dos seus irmáns e outros alumnos do centro, o que quere dicir que a actividade está consolidada e recoñecida como algo positivo entre o alumnado."
Club "A praia das palabras" IES de Vilalonga (Sanxenxo)