O vindeiro 6 de xuño reuniranse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas, escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música. Arredor de 215 mediadores de lectura, comprometidos coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade lectora.
Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.
A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.