21/12/12

As bibliotecas escolares, "bibliotecas de proximidade"


 
Son cada ano máis numerosos os clubs que contan cun grupo de lectura de adultos no que participan, habitualmente, nais e pais, profesorado do centro, persoal non docente e mesmo veciños. Así, no pasado curso 2012/2013, o 18% dos centros con club de lectura (215) tiñan un grupo de adultos.

As bibliotecas escolares están ofrecendo oportunidade para o encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa, e dese encontro co libro e a lectura como intermediarios, xorde o coñecemento, e medra o respecto e o recoñecemento mutuo. Pero máis aló desta función, os clubs de lectura de adultos son unha fórmula que as bibliotecas escolares teñen para convertirse en "bibliotecas de proximidade" para a comunidade escolar e para a veciñanza. Cómpre lembrar unha vez máis que os clubs de lectura son e existen grazas ao esforzo desinteresado, e ao compromiso profesional e social, do profesorado que os coordina e potencia, pero ese esforzo acaba por dar resultado. Ben é certo que o traballo en fomento da lectura é lento e as súas consecuencias só se ven a medio ou longo prazo, porque hai moitas resistencia social (só hai que observar a pouca presenza que o fenómento da lectura ten nos medios de comunicación, máis aló de campañas publicitarias puntuais) e moitas rémoras que superar.

Por iso resulta tan grato ler no blogue do club A quenda do libro, do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo) este titular: "AUMENTAN CONSIDERABLEMENTE OS PRÉSTAMOS A PAIS E NAIS". Axuda, obviamente, a dispoñibilidade e a flexibilidade á hora de atender a incipiente demanda, o sentirense atendidos, o seren sempre ben recibidos, o seren tratados con dignidade e respecto: "Cada día vén algún pai ou nai na procura dalgún libro en calquera das horas nas que a Biblioteca está aberta e sempre os recibimos cos brazos abertos". + Información AQUÍ

Hai comunidades que camiñan cara á construcción da sociedade lectora da que sempre falamos e que tanta falta vai facer nos próximos tempos. Parabéns!

23/11/12

Irmandamento de clubs de lectura. Encontro en Poio

Irmandamento clubs de lectura: Biblioribeira, A pedra do acordo e os Trasnos dos libros on PhotoPeach

Non é a primeira vez que se atopan as lectoras e lectores destes clubs, nunha xornada de convivencia e de lecturas. Desta vez xuntáronse no concello de Poio  os mozos e mozas destes clubs (A pedra do acordo, do IES San Paio, de Tui; Biblioribeira, do IES Ribeira do Louro, de O Porriño e Os Trasnos dos libros, do IES DE Poio, que exercían de anfitrións. Visitaron, entre outros lugares, o mosteiro de Poio, a vila de Combarro e a biblioteca do IES de Poio, sede dos "Trasnos dos libros". No blogue destes últimos podemos ver varias entradas referidas a este encontro e disfrutar canda eles desta posta en valor do feito de ler. Os clubs de lectura están favorecendo realidades coma esta nas que se desmontan tantos e tantos conceptos falsos arredor dos intereses de mozos e mozas. Todo isto é posible grazas ao seu entusiasmo e participación, pero especialmente grazas ao compromiso profesional e social dos profesores que coordinan estes clubs, e que deseñan e botan a andar este tipo de actividades: Paz, Xose María e Anxos. Parabéns!

25/10/12

Lectoras e lectores no IES Lama das Quendas (Chantada)

 
A tv local de Chantada faise eco da boa acollida que ten o club de lectura A QUENDA DO LIBRO, do IES LAMA DAS QUENDAS, desta localidade: grupos de lectura de alumnos e alumnas, grupos de profesorado, grupos de pais e persoal non docente... Parabéns!

18/10/12

O F.C. Barcelona tamén se suma aos clubs de lectura


El F.C. Barcelona crea un club de lectura para sus jugadores del fútbol base

La iniciativa se enmarca en la idea que tiene el club de potenciar la formación intelectual de sus deportistas. Se han organizado dos sesiones todos los martes por la tarde. Los chicos se dividen en dos grupos de 15 alumnos. La idea es ampliar el Club de Lectura a más alumnos si la iniciativa se consolida.

A sección de Deportes de Cadena Ser deu a coñecer esta noticia na súa páxina web do 17 de outubro. Seguramente, esta nova merece ser comentada e difundida nos espazos deportivos dos nosos centros. O club de lectura tamén pode, a partir dela, implicarse nalgunhas lecturas nas que o fútbol está moi presente, como algúns contos de Roberto Fontanarrosa, Mario Benedetti ou Eduardo Galeano.
O escritor e xornalista Antón Castro repasa nesta entrada do seu blogue a relación entre fútbol e literatura e nela podemos atopar algunhas pistas.

4/9/12

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2012/2013

Club de lectura do CPI de Xanceda (Mesía)

O Portal Educativo publica hoxe, 4 de setembro, a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (no contexto das actuacións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento da lectura en centros escolares), pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2012/2013. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro.  

29/6/12

Acceso aos materiais da V Xornada dos Clubs de lectura






NESTE ENLACE están dispoñibles todos os vídeos das sesións plenarias da V Xornada dos Clubs de lectura, así como outras informacións sobre os distintos relatorios.
O acceso é libre (entrar como "convidado")

25/6/12

Vídeo resume da V Xornada dos Clubs de Lectura



Este vídeo resume o acontecido na V Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o 9 de xuño de 2012, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 215 centros de ensino secundario de toda Galicia. Participaron por vez primeira unha representación dos mozos e mozas que integran estes clubs de lectura, así como das nais, pais e persoal non docentre que particpan nos grupos de lectura de adultos existentes nalgúns dos centros. 

18/6/12

Así viu un poeta a V Xornada dos Clubs de lectura


O poeta Carlos Negro impartíu un Obradoiro de Poesía na V Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o día 9 de xuño de 2012. Asistíu tamén ao resto das sesións e compartíu principalmente cos mozos e mozas, pero tamén co profesorado asistente, os distinttos momentos da xornada. Nesta fin de semana, o xornal Sermos Galiza publicaba un artigo seu dedicado aos rapaces e rapazas que asistiron a este encontro de lectores e de lectura: O PAÍS DOS PAPALIBROS (sobre os V Encontros dos Clubs de Lectura) 

13/6/12

11/6/12

Así comezou a V Xornada dos Clubs de Lectura

Vídeo que servíu para iniciar a V Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 9 de xuño de 2012. Agradecemos a colaboración dos integrantes dos clubs de lectuda Arao, do IES Pedra da Aguia, de Camariñas, e do CPI dos Dices, de Rois. moi especialmente dos seus coordinadores, Emili e Luís, sempre xenerosos.

30/5/12

V Xornada dos Clubs de Lectura - 2012

O vindeiro 9 de xuño celerarase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a V Xornada dos Clubs de Lectura, organizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde o curso 2007/2008, este departamento de Educación contempla, dentro do programa HORA DE LER  para  fomento da lectura en centros de ensino, unha convocatoria de axudas para incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino públicos que matriculan alumnado de ensino secundairo, bacharelato, formación profesional, educación de persoas adultas ou ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, conservatorios...). 

No presente curso 2011/2012 hai 215 centros destas características que contan cun club de lectura, que pode estar constituído por un ou por varios grupos de lectores. Preto dun 25% destes clubs contan tamén cun grupo de lectura de adultos, no que participan pais, nais, exalumnos, profesorado e mesmo persoal non docente. 

Desde o comezo desta iniciativa, organizouse unha xornada formativa e de intercambio de experiencias entre os coordinadores e coordinadoras destes clubs. Nesta ocasión ábrese á posibilidade a alumnado e asistentes aos grupos de adultos para que poidan participar tamén neste encontro. Será unha oportunidade para que persoas chegadas de distintos puntos de Galicia poidan intercambiar a súa experiencia nos clubs de lectura, coñecer as actividades que se están a levar a cabo, principalmente de intercambio entre distintos clubs, roteiros literarios, etc. Haberá obradoiros para os mozos e mozas lectores, conferencias, unha mesa sobre "a experiencia lectora a través do club" (con representación dos distintos sectores) e reunións por perfís de asistentes para debatir sobre "o club de lectura como fórmula para construírmonos como lectores". En total, está prevista a asistencia de 400 persoas. A V Xornada dos Clubs de lectura conta é unha actividade cofinanciada co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en virtude do convenio asinado en 2011 para o programa Leer para aprender

PROGRAMA 

25/5/12

IRMANDADE DE CLUBS

Irmandade "Pedra do acordo" (Tui) - "Os trasnos dos libros" (Poio) on PhotoPeach

Así nolo contan desde O trasno dos libros:
"Rodeados de poemas, textos narrativos e do gozoso murmurio dos adolescentes, fomos acollidos na biblioteca do IES San Paio polo coordinador do club José María Lores e os seus alumnos; no medio dos libros novos cun poema de Marga do Val (amor non teñas medo se estou soa...) e un limiar de Julio Llamazares ( Por fin aparece Tui... la vieja capital sueva...) emprendemos a visita da man das musas da poesía, da arte e da literatura ao mundo gótico-medieval dos libros e das pedras tudenses.
Envoltos polas loairas, que de certo saíron para nós despois dos días de choiva, alegremente fixemos o percorrido deseñado por José María e os seus alumnos para nós, chegados do Escorial galego en palabras do "pater" do seminario.
Monumentos, bibliotecas, paisaxes, igrexas, catedral e convento das monxas encerradas (Coas súas mans fan as monxas encerradas peixiños de améndoas que as devolven ao río...), e o Río e Portugal a saudarnos, sempre envolvéndo os versos, a palabra poética e os sorrisos da xente nova.
Un merecidísimo xantar no cume do ceo, no monte Aloia foi o colofón de remate a este fermoso irmandamento.
Despedidas, intercambio de enderezos de Twenty e un ata logo, vémonos en Poio acompañados dun poema de Marga do Val (Caricia case imperceptível...).
Graciñas a todos eles polo agarimoso encontro, polos textos e polos peixiños das monxas encerradas."

2/5/12

Centros galegos nos proxectos ARCE a propósito da lectura.

Os mozos e mozas do Club de lectura AS ZOCAS FALADORAS, do IES de Poio (Pontevedra) levan xa dous anos participando nun programa ARCE con outros centros de Murcia, Madrid e Canarias. Recentemente xuntáronse todos os clubs de lectura destes centros en Barcelona, para vivir en directo o San Jordi, a grande festa do libro e da  lectura. No seu blogue podemos ver diferentes momentos desta actividade de colaboración cos libros e a lectura como materia de traballo conxunto.
Sant Jordi 2012: Os escritores asinan as súas obras no Día do libro. on PhotoPeach



Barcelona  foi espazo de encontro para outros centros participantes no programa ARCE. Os mozos e mozas do IES Sanxenxo aproveitaron tamén estas datas para se atopar cos seus centros colaboradores, e coincidiron coas "zocas faladoras" en actividades comúns. Así nolo contan no seu blogue

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, aproveitando a celebración do Día Mundial do Libro, deu a coñecer, no seu portal do programa ARCE, os proxectos relacionados coas bibliotecas escolares e a lectura, entre os que se encontra como destacado o proxecto NAVEGANDO ENTRE LIBROS, outro agrupamento no que participa un centro galego, neste caso o IES DAVÍD BUJÁN de Cambre (A Coruña) 

26/4/12

Por terras de Celanova, lendo a Celso Emilio Ferreiro





Os mozos e mozas do Club de Lectura do IES Alexandre Bóveda, de Vigo, realizaron unha ruta literaria por terras de Celanova, cos poemas de Celso Emilio Ferreiro como "materia" de lectura. No blogue do centro podemos ler a crónica desta xornada literaria. Un bo exemplo das actividades que os clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia están a organizar. Un bo argumento tamén para desmontar ese tópico de que "os mozos non len".

3/4/12

Máis... Balbordo!


Dísenos na memoria...
Reproduzo a continuación as palabras dun membro de Balbordo: “E descubrín, entón, que un libro é un depósito de momentos felices, un sitio onde a vida é xusta, un refuxio. A emoción é refuxio, a memoria, tamén. E iso é un libro, emoción e refuxio. Sempre me gustou mirar para aquelas persoas que gastan o seu tempo cun libro entre as mans” (Jorge Marcos)
Escoitando palabras como as que pronunciou un dos compoñentes de Balbordo a final do curso pasado (e que quero repetir neste 2011) ratifícome na idea da importante labor que fan os Clubs de lectura: “O clube de lectura dende que botou a andar deu froito abundante. Fermoso é nestes tempos xuntarse coa excusa de ler un libro, pero o que alá xurdeu, foi máis que simples comentarios de textos. En cada reunión, admirabamos a capacidade de cadaquén para saber mirar o mundo dese libro dende o seu modo de pensar, ideas encontradas, persoas encontradas, páxinas que se revelan a nós de xeito dispar... pero qué gratificante é conversar, ler en compañía, disfrutar dos outros, desos xestos que nos fan familiares... ler une, o clube une... Fomos invitados a bailes, tivemos un quinto fillo, cruzmos fronteiras de noite entre o amor e a morte, pagamos nos peaxes con letras en vez de euros. E todo, todo, por obra e gracia da divina providencia.”
Iso é un club de lectura, unha rede de libros, de palabras e de momentos formados tamén por palabras.



2/4/12

Máis ...memorias (1)

Foto: IES Monelos
Neste caso, do Club de lectura Balbordo do IES Río Cabe (Monforte)
"Do mesmo xeito que a implantación por sexto ano consecutivo do proxecto lector favorece a consolidación do hábito no alumnado, a participación no Club significa para os alumnos conversar sobre libros, con compañeiros de distintas clases e niveis, distendida e voluntariamente. Podo afirmar con certeza que a creación de Balbordo creou hábitos de lectura entre pais, persoal non docente e profesores que non se consideraban amantes da lectura e que agora son apaixoados compañeiros de lecturas e conversas sobre o libro do mes. “
“Pola experiencia deste máis de catro anos de traballo sei que os derroteiros polos que vai un club de lectura ás veces veñen motivados polo azar (xurde algunha “oportunidade” que pode ser aproveitada), os propios membros do Club propoñen algo –ou convértense en autores como sucedeu cun dos nosos rapaces que comezou a escribir unha novela nun blog-, ou, outras veces, é preciso tomar decisións para solucionar atrancos. Así sucedeu, por exemplo, hai tres anos, cando varios alumnos se achegaban á Biblioteca pedindo pertencer a Balbordo e polas súas características académicas non podían estar no grupo de referencia (xudiu BalbordoBis). Tamén o curso pasado se anotou unha alumna invidente (que segue de novo este ano) polo que revisei as propostas pensadas para ese grupo e tiven que introducir cambios.

27/3/12

Máis ... memorias


                                                            Foto: Club Fendetestas
Club de lectura Aquis do IES Aquis Querquernis de Bande
"Entre os obxectivos, destacan:
Potenciar o acto de ler ao unir a dimensión privada e íntima coa dimensión pública que implica a escoita, discusión e comparación doutras sensibilidades e puntos de vista.
Compartir o lido con persoas de distintos niveis educativos, distintas idades, diversos posicionamentos estéticos e vitais, etc.
Comprender a obra literaria no contexto da súa creación; é dicir, saber que opinan dela o autor, o editor, o crítico literario, etc.
Apreciar a lectura como algo pracenteiro e fonte de coñecementos.
Fidelizar o alumno no uso das bibliotecas.
Descubrir no alumnado a sensibilidade literaria, cultivar o seu gusto e o pracer de ler, compensando a falta de estímulos familiares, sociais ou persoais
Ademais de todo o anterior, hai que recalcar que o obxectivo primordial é o de aumentar o pracer da lectura."

26/3/12

LEMBRANDO ... anacos de Memorias

Un Club recollía como obxectivos:
"Intercambiar experiencias onde se manifesten distintas opinións e emocións.
Compartir experiencias e contactar con outros clubes de lecturas do contorno próximo de forma virtual e física.
Utilizar os recursos da biblioteca do centro e a rede de bibliotecas da zona para realizar actividades de forma conxunta.
Aprender o manexo das TIC a partir de actividades voluntarias e pracenteiras (creación de blogs…).
Participar en actividades que oferten distintas entidades (concello, asocicións, bibliotecas, editoriais, librarías…)"
E tamén nos contan...
"Toda a publicidade se fixo insistindo moito no carácter voluntario e flexible das actividades.
A elección das lecturas fíxose tendo en conta os gustos e as idades dos componentes de cada grupo. Tamén se consultaron blogs doutros clubs de lectura, recomendacións de suplementos literarios, e dos propios alumnos. Intentouse alternar sempre a lectura en castelán coa lectura en galego priorizando esta última co fin de que o club actuase tamén como un instrumento normalizador do idioma."


Club de lectura Allarlibros do IES de Allariz

8/3/12

VOCES GALEGAS CONVIDAN A PARTICIPAR NO CONCURSO: "¿Qué estás leyendo?"


A OEI (Organización de Estados Iberoamericanbos) organiza un concurso de blogs de lectores, para rapaces de 12 a 15 anos. A convocatoria está xa aberta.
"Si tienes entre 12 y 15 años y eres alumno de un Instituto Enseñanza, la Organización de Estados Iberoamericanos – OEI-, te invita a participar en el concurso: ¿Qué estás leyendo?"

¿En que consiste?  
"En crear un blogue ou utilizar algúns que xa teñas, no que compartas a túa experiencia como lector/a. O blogue pódelo facer individualmente ou en grupo
A través desta bitácora poderás mostrarte en calquera das túas facetas como lector/a: como exploras, buscas, dubidas, elixes, descartas posibles lecturas; como comentas, preguntas, reelaboras, criticas e debates cos teus amigos sobre os textos. Como conectas a lectura con outros ámbitos coma o cine, o videoxogo, o teatro, a música, a fotografía, o deseño gráfico, a pintura...
A proposta é aberta e quere dar cabida a unha gran diversidade de orientacións, de temáticas e de linguas dos lectores, utilizando as amplísimas posibilidades de Internet como medio de publicación electrónica, que coñecedes tan bien.
Esta iniciativa trata de formar una amplia rede de blogues de lectores, onde os estudantes do espazo iberoamericano, podan darse a coñocer, conectarse e construír unha identidade como lectores."
Podes serguir lendo as bases neste enlace e escoitar as voces da nosa xente aquí, á beira dos escritores Skármeta, Lorenzo Silva,... ou do xornalista Ignacio Elguero."