20/2/15

Medre o mar!

Non hai como unha biblioteca escolar atenta ás necesidades e intereses do seu alumnado, porque pon as antenas a canto pasa arredor para poder cubrir eses intereses... ou espertalos. Velaquí un exemplo. Desde a biblioteca do IES Universidad Laboral, de Culleredo chéganos noticia dunha actividade especialmente deseñada para o alumndo dos ciclos formativos da familia de Marítimo -Pesqueira, arredor do libro de Xurxo Souto "Contos do mar de Irlanda", recentemente publicado. O escritor e músico visitou o centro e mantivo un encontro co alumnado, rapazas e rapaces procedentes de distintos puntos de Galicia e representantes de todas as súas costas. Narración, literatura, música, etnografía, lingua e humor para festexar a presentación deste libro a un alumnado potencialmente interesado na súa temática.

Máis información e imaxes nesta entrada no blogue da biblioteca do centro.

9/2/15

Encontros en negro... na biblioteca do IES G. Torrente Ballester (Pontevedra)

A biblioteca do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra) prepara os ENCONTROS EN NEGRO, para o vindeiro 18 de febreiro, cun trío de luxo: Pedro Feijoo, Dolores Redondo e Domingo Villar, tres dos autores de novela negra máis lidos en lingua galega. a actividades conta coa moderación de Ramón Rozas, xornalista e comentariasta no Diario de Pontevedra.  Estes encontros están abertos á cidadanía, e desde a biblioteca anímase a participar. Desde logo, os clubs de lectura dos centros de Pontevedra ou zonas próximas están de noraboa. Tamén cómpre recoñecer a xenerosidade dos organizadores por facer partícipes desta iniciativa a outros centros. Agardamos que sexa un éxito total.