30/5/12

V Xornada dos Clubs de Lectura - 2012

O vindeiro 9 de xuño celerarase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a V Xornada dos Clubs de Lectura, organizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde o curso 2007/2008, este departamento de Educación contempla, dentro do programa HORA DE LER  para  fomento da lectura en centros de ensino, unha convocatoria de axudas para incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino públicos que matriculan alumnado de ensino secundairo, bacharelato, formación profesional, educación de persoas adultas ou ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, conservatorios...). 

No presente curso 2011/2012 hai 215 centros destas características que contan cun club de lectura, que pode estar constituído por un ou por varios grupos de lectores. Preto dun 25% destes clubs contan tamén cun grupo de lectura de adultos, no que participan pais, nais, exalumnos, profesorado e mesmo persoal non docente. 

Desde o comezo desta iniciativa, organizouse unha xornada formativa e de intercambio de experiencias entre os coordinadores e coordinadoras destes clubs. Nesta ocasión ábrese á posibilidade a alumnado e asistentes aos grupos de adultos para que poidan participar tamén neste encontro. Será unha oportunidade para que persoas chegadas de distintos puntos de Galicia poidan intercambiar a súa experiencia nos clubs de lectura, coñecer as actividades que se están a levar a cabo, principalmente de intercambio entre distintos clubs, roteiros literarios, etc. Haberá obradoiros para os mozos e mozas lectores, conferencias, unha mesa sobre "a experiencia lectora a través do club" (con representación dos distintos sectores) e reunións por perfís de asistentes para debatir sobre "o club de lectura como fórmula para construírmonos como lectores". En total, está prevista a asistencia de 400 persoas. A V Xornada dos Clubs de lectura conta é unha actividade cofinanciada co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en virtude do convenio asinado en 2011 para o programa Leer para aprender

PROGRAMA 

25/5/12

IRMANDADE DE CLUBS

Irmandade "Pedra do acordo" (Tui) - "Os trasnos dos libros" (Poio) on PhotoPeach

Así nolo contan desde O trasno dos libros:
"Rodeados de poemas, textos narrativos e do gozoso murmurio dos adolescentes, fomos acollidos na biblioteca do IES San Paio polo coordinador do club José María Lores e os seus alumnos; no medio dos libros novos cun poema de Marga do Val (amor non teñas medo se estou soa...) e un limiar de Julio Llamazares ( Por fin aparece Tui... la vieja capital sueva...) emprendemos a visita da man das musas da poesía, da arte e da literatura ao mundo gótico-medieval dos libros e das pedras tudenses.
Envoltos polas loairas, que de certo saíron para nós despois dos días de choiva, alegremente fixemos o percorrido deseñado por José María e os seus alumnos para nós, chegados do Escorial galego en palabras do "pater" do seminario.
Monumentos, bibliotecas, paisaxes, igrexas, catedral e convento das monxas encerradas (Coas súas mans fan as monxas encerradas peixiños de améndoas que as devolven ao río...), e o Río e Portugal a saudarnos, sempre envolvéndo os versos, a palabra poética e os sorrisos da xente nova.
Un merecidísimo xantar no cume do ceo, no monte Aloia foi o colofón de remate a este fermoso irmandamento.
Despedidas, intercambio de enderezos de Twenty e un ata logo, vémonos en Poio acompañados dun poema de Marga do Val (Caricia case imperceptível...).
Graciñas a todos eles polo agarimoso encontro, polos textos e polos peixiños das monxas encerradas."

2/5/12

Centros galegos nos proxectos ARCE a propósito da lectura.

Os mozos e mozas do Club de lectura AS ZOCAS FALADORAS, do IES de Poio (Pontevedra) levan xa dous anos participando nun programa ARCE con outros centros de Murcia, Madrid e Canarias. Recentemente xuntáronse todos os clubs de lectura destes centros en Barcelona, para vivir en directo o San Jordi, a grande festa do libro e da  lectura. No seu blogue podemos ver diferentes momentos desta actividade de colaboración cos libros e a lectura como materia de traballo conxunto.
Sant Jordi 2012: Os escritores asinan as súas obras no Día do libro. on PhotoPeach



Barcelona  foi espazo de encontro para outros centros participantes no programa ARCE. Os mozos e mozas do IES Sanxenxo aproveitaron tamén estas datas para se atopar cos seus centros colaboradores, e coincidiron coas "zocas faladoras" en actividades comúns. Así nolo contan no seu blogue

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, aproveitando a celebración do Día Mundial do Libro, deu a coñecer, no seu portal do programa ARCE, os proxectos relacionados coas bibliotecas escolares e a lectura, entre os que se encontra como destacado o proxecto NAVEGANDO ENTRE LIBROS, outro agrupamento no que participa un centro galego, neste caso o IES DAVÍD BUJÁN de Cambre (A Coruña)