7/9/17

Convocatoria de clubs de lectura 2017/2018

Está xa publicada no Portal Educativo a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 1 de setembro de 2017, pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

Nesta nova convocatoria, ademais de incentivar a lectura en galego, faise fincapé na necesidade de contrarrestar certos estereotipos de xénero en temas de hábitos de lectura, estimulando mediante fórmulas diversas, contextualizadas, a participación de varóns nos grupos de lectura. Tamén, e na procura dunha mellor atención á diversidade, teranse en conta especialmente aquelas propostas que busquen a participación de alumnado con necesidades de apoio específico, en calquera das tipoloxías posibles (altas capacidades intelectuais, alumnado con necesidades educativas especiais, alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, incorporación tardía e outros). Coma en anteriores convocatorias contémplase, así mesmo, a existencia de grupos de lectura de adultos, ou de grupos mixtos (alumnado e adultos), a maiores dos grupos de lectura de alumnos e alumnas, como unha fórmula para ofrecer a toda a comunidade escolar "máis e mellores experiencias lectoras".

A presentación de solicitudes remata o 13 de outubro.  

 + Información