Son cada ano máis numerosos os clubs que contan cun grupo de lectura de adultos no que participan, habitualmente, nais e pais, profesorado do centro, persoal non docente e mesmo veciños. Así, no pasado curso 2012/2013, o 18% dos centros con club de lectura (215) tiñan un grupo de adultos.
As bibliotecas escolares están ofrecendo oportunidade para o encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa, e dese encontro co libro e a lectura como intermediarios, xorde o coñecemento, e medra o respecto e o recoñecemento mutuo. Pero máis aló desta función, os clubs de lectura de adultos son unha fórmula que as bibliotecas escolares teñen para convertirse en "bibliotecas de proximidade" para a comunidade escolar e para a veciñanza. Cómpre lembrar unha vez máis que os clubs de lectura son e existen grazas ao esforzo desinteresado, e ao compromiso profesional e social, do profesorado que os coordina e potencia, pero ese esforzo acaba por dar resultado. Ben é certo que o traballo en fomento da lectura é lento e as súas consecuencias só se ven a medio ou longo prazo, porque hai moitas resistencia social (só hai que observar a pouca presenza que o fenómento da lectura ten nos medios de comunicación, máis aló de campañas publicitarias puntuais) e moitas rémoras que superar.
Por iso resulta tan grato ler no blogue do club A quenda do libro, do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo) este titular: "AUMENTAN CONSIDERABLEMENTE OS PRÉSTAMOS A PAIS E NAIS". Axuda, obviamente, a dispoñibilidade e a flexibilidade á hora de atender a incipiente demanda, o sentirense atendidos, o seren sempre ben recibidos, o seren tratados con dignidade e respecto: "Cada día vén algún pai ou nai na procura dalgún libro en calquera das horas nas que a Biblioteca está aberta e sempre os recibimos cos brazos abertos". + Información AQUÍ
Hai comunidades que camiñan cara á construcción da sociedade lectora da que sempre falamos e que tanta falta vai facer nos próximos tempos. Parabéns!
No hay comentarios:
Publicar un comentario