11/7/17

Un ano do club de lectura. CPI O Progreso (Catoira)

O Club de lectura do CPI O Progreso, de Catoira (Pontevedra), publicou xa, como en anos anteriores, un vídeo-resume da súa actividade ao longo do curso 2016/2017. A través deste audiovisual podemos achegarnos a unha intensa dinámica de lectura compartida. Ao final do vídeo, as lectoras e os lectores explican perfectamente os beneficios deste tipo de actividades. Un excelente exemplo do moito que están a significar os clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia na construción dunha sociedade lectora, tamén na oferta de opcións diferentes ao alumnado nas que poder expresarse e atopar "espazos" acolledores nos que medrar como lectores e como cidadáns. Parabéns!


28/6/17

Galerías de imaxes da X Xornada dos Clubs de lectura

 Unha escena das "Quedadas Entreclubs" de primeira hora da tarde
 
Xa están dispoñibles tres galerías de imaxes tomadas no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela o pasado 17 de xuño, na X Xornada dos Clubs de lectura: ACCESO A TODAS AS GALERÍAS DE IMAXES:

21/6/17

Xa foi a X Xornada dos Clubs de lectura

E para todas e todos os participantes ficará sempre a alegría que se vivíu alí por sabérmonos integrantes da sociedade lectora que a milleiros de mans estamos construíndo (entre todas as persoas creadoras, todas as persoas lectoras, todas as mediadoras...). O programa previsto cumpríuse ao completo e a rapazada disfrutou pero, sobre todo, demostrou que hai milleiros de mozos e mozas en Galicia que lén de forma voluntaria e disfrutan facéndoo. Iso non sería posible sen a profesionalidade e o compromiso dun profesorado que exerce de mediador tomando un rol diferente ao do docente nas aulas, acompañando e orientado, guiando sen abafar, pero sen abandonar os seus obxectivos pedagóxicos en ningún momento. Parabéns a tod@s!


26/5/17

Clubs de lectura: informe do curso 2015/2016

Alumnado do clubs de lectura do IES San Mamede (Maceda, Ourense)
Cos datos recollidos a través das memorias de actividades dos clubs de lectura durante o pasado curso 2015/2016 a Asesoría de bibliotecas escolares elaborou un breve informe que permite achegarse a esta realidade de lectores e lectoras espallada pola país adiante.

16/5/17

Unha década de clubs de lectura. Haberá que celebrar!

O 17 de xuño, en Compostela, celebrarase unha gran "quedada lectora" de integrantes dos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia. Unha boa representación dos preto de 11.000 lectores e lectoras que, de forma periódica, se xuntan para compatir experiencia arredor dos libros e da lectura polos institutos e outros centros de ensino galegos, terán a oportunidade, xunto co profesorado que coordina estes clubs, de atoparse, compartir lecturas, experiencias e un importante número de actividades en compañía de autores e autoras (Pedro Feijoo, Marcos Calveiro, Ledicia Costas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Suso Fraga, Andrea Maceiras, Rosa Aneiros, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Miguel Anxo Fernández, Antón Riveiro Coello, Antía Otero, Xosé Tomás, Fran Alonso, Berta Dávila, Tamara Andrés e Francisco Castro). Entre outros participantes nesta X Xornada dos Clubs de Lectura, Óscar López, xornalista cultural (Página 2), ou Luís Pardo (cadena Ser); críticos como Ramón Nicolás ou Montse Pena Presas; expertos do mundo da dobraxe (Anxos Ferradáns) e do cine (Jorge Coira) ou narradoras, como Soledad Felloza,  compartirán coas lectoras e os lectores o seu tempo e as súas experiencias. As regueifas, o rap, o graffiti tamén estarán presentes, así como o teatro, o circo e a música tradicional galega (Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre). Haberá sesións específicas para profesorado que coordina os clubs de lectura, con Inés Miret e Mercedes Queixas. O final literario correrá a cargo de César Mallorquí, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2013 e Premio Cervantes Chico 2015 a toda a súa obra xuvenil,  un dos autores en lingua castelá máis lidos polos clubs de lectura ano tras ano.
Unha grande celebración co gallo dos dez anos continuados da iniciativa CLUBS DE LECTURA nos centros de ensino secundario de Galicia, dentro do programa HORA DE LER para o fomento da lectura no ámbito educativo.

26/4/17

Miguelanxo Prado, Premio dos Clubs de lectura 2017

O pasado 21 de abril, na proximidade do Día Mundial do Libro, o Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación e O.U.publicaba a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se concede o Premio dos Clubs de Lectura 2017 ao ilustrador e autor de banda deseñada MIGUELANXO PRADO. 

Miguelanxo Prado foi un dos autores máis lidos polos clubs de lectura no curso 2015/2016.  O premio seralle entregado o 17 de xuño na que será a X Xornada dos Clubs de Lectura, e que se celebrará en Compostela coa asistencia de un milleiro de lectores e lectoras, entre profesorado e alumnado, en representación dos máis de 11.000 lectores dos clubs de lectura de Galicia, do ámbito educativo.. 
 
Este galardón, creado en 2015 para recoñecer o apoio dos escritores e escritoras galegas aos mediadores no seu labor de fomento da lectura con adolescentes e mocidade, concédese cada ano a un autor ou autora diferente, en función das lecturas realizadas polos clubs, de forma autónoma, no curso anterior. Foron xa galardonados con este Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas.

20/1/17

As 40 autoras e autores máis lidos polos Clubs de lectura no curso 2015/2016

Revisadas as lecturas realizadas polos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia durante o curso 2015/2016, coñecemos os autores e autoras escollidos preferentemente polo lectorado neste período, sempre dentro das actividadees dos 239 clubs de lectura que recibiron axudas a través da convocatoria da D.X. de Centros e Recursos Humanos para o seu funcionamento. O número de títulos lidos fai referencia ao total de lectura de cada autor escollidas polo conxunto dos clubs. 

Agustín Fernández Paz lidera unha vez máis esta táboa na que tamén atopamos poetas ou autores de banda deseñada. Observamos, así mesmo, que son 13 as autoras que aparecen nesta relación dos 40 autores/as máis lidos, con obras seleccionadas polos lectores e lectoras. 

Autores/as máis lidos nos Clubs de lectura
Curso 2015/2016
Nº orde
Autor/a
Títulos lidos
(entre todos os clubs)
1
Agustín Fernández Paz
98
2
Ledicia Costas
70
3
Manuel María
61
4
René Goscinny
46
5
Jordi Sierra i Fabra
39
6
Miguelanxo Prado
31
7
Pedro Feijoo
29
8
Manuel Núñez Singala
29
9
Domingo Villar
29
10
Andrea Maceiras
26
11
Ágatha Christie
25
12
Xosé Neira Vilas
25
13
Manuel Rivas
25
14
Paco Roca
24
15
Carlos Negro
23
16
Marcos Calveiro
22
17
María Reimóndez
21
18
Francisco Castro
20
19
Elena Gallego Abad
20
20
César Mallorquí
20
21
Fran Alonso
19
22
Roald Dahl
19
23
Anxo Fariña
19
24
John Green
19
25
Edgar Allan Poe
18
26
Fina Casalderrey
18
27
J.R. Palacio
18
28
Laura Gallego García
17
29
Mark Haddon
17
30
Jacqueline Kelly
17
31
Xabier Puente Docampo
17
32
Antón Riveiro Coello
16
33
J.D. Salinger
16
34
Art Spiegelman
16
35
Rosa Aneiros
15
36
Berta Dávila Fernández
15
37
Alfredo Gómez Cerdá
15
38
Carlos Ruíz Zafón
15
39
Marina Mayoral
14
40
Dolores Redondo Meira
14

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2016/2017

 Alumnado do IES Rodeira (Cangas do Morrazo) nunha reunión do club de lectura.

O Portal Educativo publicaba o pasado 30 de decembro de 2016 a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as contías destinadas ao funcionamento de clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario de titularidade da consellería, para o curso 2016/2017. Segue aumentanto o número de centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, que poñen en marcha un club de lectura con un ou varios grupos de lectores e lectoras. Neste curso 2016/2017 recibirán axuda da consellería un total de 243 centros.