Mostrando entradas con la etiqueta formación do profesorado. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta formación do profesorado. Mostrar todas las entradas

27/5/19

XII Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 7 de xuño, celebrarase na EGAP (Escola Galega da Administración Pública) a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste curso 2018/2019 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 253 centros que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 280 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
Haberá ocasión para amosar o estudo sobre os clubs de lectura, realizado por José Antonio Millán para esta consellería, no pasado ano 2018, en colaboración coa D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares. 

Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2019, que desta vez recaeu na escritora María Reimóndez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2017/2018, tal e como se recolle na Resolución do 23 de abril de 2019, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro.

O programa contempla así mesmo a participación de María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat Poempeu Fabra; celebrarase unha mesa sobre mediacións lectoras; o activista da lectura Marijn Brouckaert falará das "lecturas compartidas", como ferramenta de intervención social; Antonio Sandoval amosará a súa experiencia como moderador dun club de lectura temático sobre ciencias da natureza e a poeta Tamara Andrés impartirá un obradoiro de poesía. Pechará a xornada a escritora e académica Marilar Aleixandre. 

PROGRAMA

21/6/18

Vídeo-resume da XI Xornada de Clubs de lectura 2018


Vídeo resume da XI Xornada de Clubs de lectura, celebrada en Compostela o pasado 1 de xuño de 2018. 

Os materiais da xornada (presentacións, ligazóns de interese...) están xa dispoñibles en RedeBe. Tamén estarán dispoñibles, en breve, os vídeos das distintas intervencións. 

29/5/18

XI Xornada dos Clubs de lectura

O venres 1 de Xuño celebrarase en Compostela a XI Xornada dos Clubs de lectura, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes en máis de 231 centros, adheridos á convocatoria neste curso 2017/2018. 

 

28/6/17

Galerías de imaxes da X Xornada dos Clubs de lectura

 Unha escena das "Quedadas Entreclubs" de primeira hora da tarde
 
Xa están dispoñibles tres galerías de imaxes tomadas no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela o pasado 17 de xuño, na X Xornada dos Clubs de lectura: ACCESO A TODAS AS GALERÍAS DE IMAXES:

21/6/17

Xa foi a X Xornada dos Clubs de lectura

E para todas e todos os participantes ficará sempre a alegría que se vivíu alí por sabérmonos integrantes da sociedade lectora que a milleiros de mans estamos construíndo (entre todas as persoas creadoras, todas as persoas lectoras, todas as mediadoras...). O programa previsto cumpríuse ao completo e a rapazada disfrutou pero, sobre todo, demostrou que hai milleiros de mozos e mozas en Galicia que lén de forma voluntaria e disfrutan facéndoo. Iso non sería posible sen a profesionalidade e o compromiso dun profesorado que exerce de mediador tomando un rol diferente ao do docente nas aulas, acompañando e orientado, guiando sen abafar, pero sen abandonar os seus obxectivos pedagóxicos en ningún momento. Parabéns a tod@s!


16/5/17

Unha década de clubs de lectura. Haberá que celebrar!

O 17 de xuño, en Compostela, celebrarase unha gran "quedada lectora" de integrantes dos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia. Unha boa representación dos preto de 11.000 lectores e lectoras que, de forma periódica, se xuntan para compatir experiencia arredor dos libros e da lectura polos institutos e outros centros de ensino galegos, terán a oportunidade, xunto co profesorado que coordina estes clubs, de atoparse, compartir lecturas, experiencias e un importante número de actividades en compañía de autores e autoras (Pedro Feijoo, Marcos Calveiro, Ledicia Costas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Suso Fraga, Andrea Maceiras, Rosa Aneiros, Miguelanxo Prado, María Reimóndez, Miguel Anxo Fernández, Antón Riveiro Coello, Antía Otero, Xosé Tomás, Fran Alonso, Berta Dávila, Tamara Andrés e Francisco Castro). Entre outros participantes nesta X Xornada dos Clubs de Lectura, Óscar López, xornalista cultural (Página 2), ou Luís Pardo (cadena Ser); críticos como Ramón Nicolás ou Montse Pena Presas; expertos do mundo da dobraxe (Anxos Ferradáns) e do cine (Jorge Coira) ou narradoras, como Soledad Felloza,  compartirán coas lectoras e os lectores o seu tempo e as súas experiencias. As regueifas, o rap, o graffiti tamén estarán presentes, así como o teatro, o circo e a música tradicional galega (Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre). Haberá sesións específicas para profesorado que coordina os clubs de lectura, con Inés Miret e Mercedes Queixas. O final literario correrá a cargo de César Mallorquí, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2013 e Premio Cervantes Chico 2015 a toda a súa obra xuvenil,  un dos autores en lingua castelá máis lidos polos clubs de lectura ano tras ano.
Unha grande celebración co gallo dos dez anos continuados da iniciativa CLUBS DE LECTURA nos centros de ensino secundario de Galicia, dentro do programa HORA DE LER para o fomento da lectura no ámbito educativo.

4/7/16

Vídeo resume da IX Xornada dos Clubs de Lectura

Velaquí o vídeo resume do que foi a IX Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o pasado 10 de xuño, coa asistencia do profesorado dos 239 centros de ensino secundario de Galicia que contaron este ano con axuda para o funcionamento dos seus correspondentes clubs de lectura.

30/5/16

IX Xornada dos Clubs de lectura

Chega xuño e con el a que será a IX Xornada dos Clubs de lectura, que reunirá en Compostela ao profesorado que coordina clubs de lectura en 239 centros de ensino secundario distribuídos por toda Galicia.

9/6/15

Materiais da VIII Xornada dos Clubs de lectura en redeBE

O pasado 5 de xuño xuntáronse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura, presentes en 238 centros de ensino público de Galicia que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, ensinanzas artítisticas e de persoas adultas). Os materiais desta VIII Xornada dos clubs de lectura están dispoñibles no espazo redeBE. En breve completaranse os materiais existentes e subiranse os vídeos gravados durante a xornada. 
O que deu de si twitter:

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015


Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Agustín Fernández Paz recibiu na pasada VIII Xornada dos Clubs de lectura o Premio dos Clubs de Lectura 2015, concedido por ser o autor galego máis lido polos clubs no pasado curso 2013/2014, tal e como aparece recollido na Resolución de 23 de abril de 2015 

Agustín, que finalmente non puido acudir  a Compostela, dirixiuse aos asistentes a través deste vídeo, gravado previamente en previsión de calquera incidencia. Agradecemos a xenerosidade do escritor e todas as facilidades que nos deu para esta gravación, así como a presenza de Manuel Bragado, editor e amigo de Agustín, que acudiu no seu nome a recoller o premio dos lectores e das lectoras espallados polos centros de ensino secundario galegos.

13/5/15

VIII Xornada dos Clubs de Lectura

O venres 5 de xuño reunirá en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en máis de 230 centros educativos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e ensinanzas de persoas adultas). Esta VIII Xornada dos Clubs de lectura é unha oportunidade para a profundización en temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios, tamén para reflexionar sobre o papel dos clubs de lectura do ámbito educativo na construción da sociedade lectora, así como para intercambiar experiencias e actividades. Este encontro anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura é un espazo para reflexión conxunta, tamén para a creación e reforzo de vínculos profesionais arredor dos libros, a lectura e, finalmente, a educación.

10/6/14

Materiais da VII Xornada dos Clubs de Lectura

NESTA LIGAZÓN están accesibles os materiais (presentacións, informacións de interese... ) relacionados coa VII Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o pasado 6 de xuño de 2014, coa asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia, ao abeiro da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o curso 2013/2014. En breve subiranse tamén a esta aula virtual do colectivo das Bibliotecas Escolares Galegas, RedeBE, os vídeos gravados durante a xornada.

22/5/14

VII Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 6 de xuño reuniranse en Compostela os profesores e profesoras que coordinan os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas, escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música. Arredor de 215 mediadores de lectura, comprometidos coa formación do seu alumnado e coa construción dunha sociedade lectora. 

Ao abeiro da convocatoria de axudas a Clubs de lectura deste curso 2013/204, recibiron apoio un total de 209 centros, que contan na súa meirande parte con varios grupos de lectura. Un mínimo dun 25% destes centros teñen tamén un grupo de lectura de adultos, nos que participa profesorado, nais e pais e persoal non docente.

A VII Xornada dos Clubs de lectura servirá para afondar no coñecemento do papel do mediador e no perfil dos lectores que conforman estes grupos de interese arredor da lectura, os libros, o cine, a música e a cultura en xeral. Haberá tempo para debates arredor de temas como as narrativas transmedia, os clubs de lectura para adultos, en contexto educativo, os clubs temáticos en función dos xéneros ou as disciplinas e, tamén, as posibilidades desta fórmula para traballar a lectura co alumnado de necesidades educativas específicas. Acompañarán ao profesorado participante o especialista en temas de lectura, Luis González, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e o escritor Pedro Feijoo.

28/6/13

VI Xornada dos clubs de lectura (vídeo resume)


VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Vídeo que resume o ambiente e o contido da VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013, organizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, coa colaboración do Servizo de Formación do Profesorado. Esta iniciativa encádrase no programa HORA DE LER, de fomento da lectura en centros de ensino, e reúne anualmente ao profesorado que coordina os clubs de lectura que existen nos centros de ensino secundario de Galicia, ao abeiro da convocatoria  da Consellería de Cultura, Educación e O.U., de axudas para o seu funcionamento. 

ACCESO AOS VÍDEOS DAS DIFERENTES SESIÓNS

Marcos Calveiro: ler, escribir, amar


Marcos Calveiro: "Ler, escribir, amar" from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Intervención do escritor Marcos Calveiro para finalizar a VI Xornada dos Clubs de Lectura

Redelibros, a rede social galega do libro


Xosé R. Lois: Redelibros from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
Intervención de Xosé R. Lois, responsable de Redelibros, a rede social galega do libro, na VI Xornada de Clubs de Lectura, celebrada en maio en Compostela.

3/6/13

Materiais da VI Xornada dos Clubs de Lectura

Está xa dispoñible o espazo virtual no que imos ir subindo os materiais relativos á VI Xornada dos Clubs de lectura, celebrada en Santiago de Compostela o pasado 31 de maio. En canto estean dispoñibles tamén se subirán os vídeos das diferentes sesións. 
O enderezo é http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/ e o acceso é libre (entrar como "convidado/a").

15/5/13

Programa da VI Xornada dos Clubs de Lectura





Programa da VI Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública), en Santiago de Compostela, o vindeiro 31 de maio. 
Unha oportunidade para o encontro, o intercambio de experiencias, a reflexión e o debate arredor das posibilidades do club de lectura como fórmula para a formación dos mozos e mozas en competencias clave para o cidadán do século XXI: comunicación lingüística, aprender a aprender, competencia informacional, autonomía e iniciativa persoal, competencia cultural e artística... entro outras. E tamén o club de lectura como lugar de convivencia, no que aprender a dialogar, argumentar, escoitar e respectar ao outro, en definitiva, construír espazos comúns de entendemento.