29/9/09

De clubs e arredores

Nacen os clubs partindo cada un do seu medio, ás veces, baseándose noutras experiencias, como o club de lectura de inglés da EOI de Vigo (“Books up! Reading club”) que di inspirarse nun curso que se realiza cada agosto en Edimburgo con este título. Explican: “O devandito curso propón a lectura de cinco libros, novelas na súa maioría, de distintos tipos de xéneros, coa enorme gratificación de poder coñecer e falar cos autores destes libros “in situ”, autores de renome nacional e internacional”.

Outros aproveitan actividades con tradición na cidade, como sucede con varios de Ourense (entre os que podemos citar o Club “As catro esquinas do quinto” do IES Ferro Couselo) que se apoian nas “Tertulias literarias” que organiza o concello no Liceo. Valoran estes clubs o feito de que nelas se reúnen alumnos e alumnas de diferentes centros o que constitúe un aliciente máis ao coñecerse e establecer vínculos entre eles.

Nesta orde cousas, cada vez máis os integrantes dos clubs tenden a reunirse cos doutros para compartir espazos ou autores. Os de Balbordo cos da biblioteca pública de Sober nunha xornada de souto e camiños, ou os do CPI Virxe da Saleta que colabora co club de lectura da biblioteca do concello de Piñor...

Algún club, establece relacións con outras organizacións. Os do IES de Allariz forman o Club de Lecturas Solidarias na Biblioteca Social Integratex (pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e situada na primeira planta de “Máximo Dutti For & From Special People) traballando arredor de temas sociais.

21/9/09

OPINIÓNS na memoria do club TINTA VIVA

Dos membros:
"Tiña ganas de divertirme coa lectura compartindo as nosas ideas e opinións"
"Quería ler cousas novas"
"Parecíame unha nova experiencia e bastante interesante comentar os libros, a diferenza de lelos e examinarme deles"
"Agora, concluída a actividade, vexo que as miñas expectativas se cumpriron"...

Da persoa dinamizadora:
"Obviando certos problemas, hai que recoñecer que a posta en marcha dun club de lectura proporciónalle tamén á coordinadora moitas satisfaccións. Por fin ten a situación soñada: mozos que están alí porque queren e, ademais, veñen falar de libros porque lles gusta ler."

17/9/09

OPINIÓNS SOBRE O CLUB DE LECTURA


Recollida da memoria do club de lectura do CPI Castro Baxoi:

Ler libros é algo así como tocar o piano, algo que polo xeral un fai sen compañía, nalgún lugar da súa casa. Pero ... ás veces, ¡que sorte!, fórmase unha orquestra e o piano soa ao unísono con outros instrumentos: violas, clarinetes, violíns, tubas... Para min o club foi algo así: unha banda musical, unha orquestra de cámara, unha sinfónica... ¡Grazas a todos pola música que compartistes comigo!
Begoña Martín

8/9/09

CONCLUSIÓNS na memoria dun club de lectura dun centro de ensino


Cremos firmemente que o amor polos libros se contaxia coa paixón que se demostra por eles e iso é o que pretendemos conseguir con este proxecto: crear auténticos amantes da lectura. É unha mágoa que sexa necesario temporalizar este tipo de labor porque, a miúdo, cando a terra está no momento propicio para sementar o reloxo obríganos a deixala erma.

De calquera xeito, esta experiencia enriqueceunos a todos/as.

- A nós, moderadores/as, porque o contacto con eles, a confianza que depositaron en nós, a complicidade que nos brindaron permitíndonos ser, por un curto espazo de tempo, os seus confidentes, ás veces incluso os seus conselleiros, é unha experiencia vital, case "de novela".

- A eles, lectores/as, porque algúns por fin poden deixar atrás a soidade do lector adolescente; porque outros descobren que ler "está ben" e que falar do que len "é un punto"; porque a todos/as lles gusta ser protagonistas e agradecen profundamente que os escoiten, que respecten a súa opinión e que os respecten a eles/elas.
Club de lectura "Ex libris"
IES Félix Muriel