30/7/10

MÁIS REFLEXIÓNS

Seguimos recollendo...

"En canto á cantidade de rapaces que forman parte do club... non temos problemas de "clientela" nova, xa que en primeiro de ESO sempre hai animosos lectores e apúntanse a todas as actividades que propoñemos. Pero o problema é o mantemento deses rapaces que empezaron moi ilusionados en primeiro, que en segundo montaron actividades impresionantes, pero xa empezaron a dispersarse, e que en terceiro desapareceron. Falando con eles do por que xa non queren vir, hai dúas tendencias: os que (coma sempre) eluden responsabilidades e din que "non era o que pensaban" ou "que están decepcionados" (normalmente cando unha lectura ou traballo reviste dificultade) e os que din que "o patio é o patio" e non o van sacrificar. Ó fin e ó cabo é aparcar o seu momento de reunión para ir a unha biblioteca."

AVANZAMOS?

Unha reflexión recollida na memoria dun club de lectura:

"Avanzamos?
Esta é a nosa pregunta nestes intres.
Non sempre se ve a realidade da mesma cor ou quizá é que entre a xente que nos apaixonamos con algúns temas, como a educación e a literatura (mestura moi perigosa), podemos tender a bipolaridades á hora de mirar cara atrás e ver cal é o froito do traballo realizado.
Queremos pensar, como no conto chinés que escoitamos hai un tempo, que o noso traballo é como a planta de bambú: durante anos medra cara abaixo e os marabillosos fíos verdes non saen ata tempo despois. Pero ese tempo é necesario, e as dúbidas sobre o noso traballo supoñemos que son normais."

RAZÓN DE SER

"O CLUB DE LECTURA do IES Álvaro Cunqueiro denominámolo "Merlín", nome que ta´mén recibe o blog do que dispoñemos. Un nome que nos remite ao mundo dos libros. Somos o Álvaro Cunqueiro e a nosa Miranda está na biblioteca, nos libros, na lectura."

Cal será a razón para que o do CPI O Cruce se chame Subela?

... E Salicornia o club do CPI Castro Baxoi?

... Camiños o do IES Luis Seoane?

... Engánchate o club do IES de Sanxenxo?

... Liber Amoenus o do IES Vilar Ponte?

... Deleria o club do CPI Vicente Otero Valcarcel?

... Pedra do Acordo o club de lectura do IES San Paio?

... Bibliolandia o do IES Poeta Díaz Castro?

... As pintoras daltónicas o do CPI dos Dices?

... Pata Sana o do IES de Mugardos?

... Argalleiros das palabras os do IES Castro da UZ?

... Coristranca o do CPI Alcalde Xosé Pichel?

...

E non fará falta preguntar por cal será o IES do club Bibliomariacasares nin o do Bibliotero!!!!

OS CLUBS propoñen... (1)


"Foi desexo dos membros máis novos do club ter "deberes" para o verán e así o fixemos; leremos: As de bolboreta e Sol de inverno."

"Lectura de prensa: cada un dos membros do grupo achaba un texto de libre elección procedente da prensa periódica e explica aos demais a razón da escolla. Todas as novas elixidas se colocan no paenl informativo reservado ao Club."

"A pintura tamén se le: trátase de fomentar a lectura de códigos distintos á linguaxe verbal. Que se comprenda que a pintura non é só unha representación da realidade senón tamén a expresión dunha época ou dun pensamento."



COMO COLOFÓN...


Copiamos textualmente dunha memoria de club con adultos:

"Despois das lecturas, sempre celebramos xuntanzas literarias en diversos lugares do concello, todos eles locais con encanto para facer máis agradeble aínda as lecturas. Como colofón das actividades do club durante este curso, organizamos o día 21 de xuño un taller literario. Durante unha comida no campo, todos os membros do club leron en voz alta unha poesía e un fragmento dunha obra literaria elixidos por eles. Entre os autores elixidos estaban Miguel Hernández, Antonio Machado, José Saramago, José Martí, Fernández Paz, entre outros.
A acto rematou co agasallo dun libro de poesía a cada un dos membros do club."

DESCONTO "LECTOR"

Así nolo contan...

"Cada un dos compoñentes do club temos un carnet que acredita a nosa pertenza ao mesmo. Ademais, temos un acordo de colaboración coa Libraría _______________, do noso concello, de xeito que disfrutamos dun desconto do 5% en todas as compras que realizamos neste establecemento comercial sempre que presentemos o carnet."

Unha idea a propagar!

Xa levamos moito falado da necesidade de incentivar aos consumidores culturais, a todas aquelas persoas (da idade que sexa) que mercan libros e/ou música e que tamén acuden ao cine, aos concertos, ás presentacións de libros ou ás representacións teatrais. Teremos que ir vendo, en cada lugar, en cada centro, como apoialos.

Seguro que cada un de nós atopará a maneira!!

RECOLLEMOS UNHA OBRA de creación propia.

Así pon na memoria: DE CREACIÓN PROPIA.

Vexamos:

EU NON LEO UN LIBRO NIN TOLO!!!

EU NON LEO UN CÓMIC NIN TOLA!!!

EU NON LEO UN POEMA NIN TOLO!!!

PERO, POR QUE? PORQUE,

SE LEO, TOLEO

SE LEO, TOLEO

SE LEO, TOLEO

TOLEAMOS no CLUB DELERIA

ADEMAIS DAS REUNIÓNS ORDINARIAS...


Hai quen celebra os mércores de cada mes:

". O primeiro mércores do mes leremos en directo no corredor de biblioteca.
. O segundo mércores escoitaremos música ou veremos unha peli no corredor da biblio.
. O terceiro mércores gravaremos un programa na radio sobre o libro de lectura do club.
. O cuarto mércores poñeremos comentarios no blog do club.
. O quinto mercores do mes descansamos.
. O sexto mércores do mes farémolo desde o bar que elixades, a conta da empresa."

COMO SEGUIR... unha vez que temos escollido o libro


"Os debates sobre as lecturas preparábanse con antelación. Ademais de ler o libro, os membros do club debían traer anotacións no seu caderno de lectura, onde transcribían os fragmentos que máis lles gustaran, así como as dúbidas que xurdiran durante a lectura, as preguntas que se lles ocorrían, finais alternativos, etc. No caderno tamén podían anotar outros títulos similares para unha lectura posterior, suxestións para o club, ou pegar recortes de prensa relacionados coa lectura, as fotocopias repartidas con información do club, tamén facer debuxos e, en xeral, acrecentalos con calquera contido relacionado co club ou coa lectura. Ao remate do curso todos asinamos nos cadernos dos demais e cadaquén conserva o seu como recordo."

COMO ESCOLLER OS LIBROS


Así o fai un dos clubs:

"As lecturas realizadas escollíanse entre todos os membros. Tanto o alumnado coma os profesores levaban as súas propostas e unha información introdutoria así como os motivos da escolla desa lectura. O proceso de elección consistía en entregar fotocopias coas información sobre esas obras aos membros do club, debater o seu interese e votar cada unha das propostas. Houbo polo tanto un interesante traballo de pescuda para elaborar propostas e foron moitas máis as obras das que se falou no club que as que logo leron todos."

A MEMORIA DUN CLUB


Entrasacamos as finalidades dun dos clubs:

*Mostrar a lectura como fonte de pracer: algúns membros do club por primeira vez leron sen obrigas descubrindo que lectura e diversión non son realidades opostas.

*Mellorar a capacitación nas ferramentas lingüísticas: a práctica lectora amañou algunhas das deficiencias lecto-escritoras de certo alumnado.

*Incrementar a imaxinación e a sociacilidade: as distintas sesións de convivencia, a partir de lecturas individuais ou comúns, melloraron a compenetración e as relacións no grupo, limándose iniciais reticencias e medos escénicos.

* Favorecer o traballo en equipo: a dinámica da actividade potenciou as postas en común e o reparto de tarefas.

*Coñecer mellor o contorno histórico e literario: as actividades programadas facilitaron un mellor coñecemento do mundo l8iterario xuvenil e da relación de Tui coa literatura (escritores que escribiron sobre Tui e literatos tudenses).

29/7/10

Lemos na memoria dun club de lectura

Na memoria dun club de lectura podemos ler:
"O noso obxectivo segue a ser obvio e modesto: gozar coa lectura. A observancia estrita deste único "mandamento" do noso club e considerando que a pertenza a el é absolutamente libre e voluntaria -e que tamén o é a participación nas actividades paralelas- axúdanos a conseguir esa meta. Por suposto, a través dese goce ímonos facendo lectores cada vez máis conscientes, máis esixentes e máis críticos. Tamén procuramos compensar a tendencia a continuar un mesmo tipo de lectura ou esgotar unha saga, cunha certa variedade na escolla das obras. Así, damos entrada nas nosas listaxes aos distintos xéneros para abrirmos o campo das lecturas."

LER "O PASATEMPO"


Unha accción, programada a medias por dous IES, para poñer en contacto aos lectores a través dunha actividade de bookcrossing. Leámolo nas súas palabras...

"O club de lectura Pata Sana do IES de Mugardos, en colaboración co IES As Mariñas, programamos unha variante do bookcrossing co obxectivo de coñecer mellor este agradable espazo de lecer e para poñer en contacto, de cara ao vindeiro curso, ao alumnado de primeiro ciclo de ESO dos dous centros.
A partir do comentario dunhas imaxes deste parque vistas no volume Galicia en cen prodixios planificamos que os alumnos e alumnas betanceiros "liberasen" para nós algúns libros no Pasatempo, "parque enciclopédico". Desprazámonos en tren ata alí no mediodía do último luns lectivo do curso e na tarde puidemos "rescatar" satisfactoriamente os agasallos agochados (un libro e un caderno de viaxe para cada un), coas indicacións laboriosamente ocultas en tres pistas que debiamos desvelar primeiro.
A comezos do curso que vén faremos a segunda parte desta ectividade e será o alumnado de Betanzos o que se achegue ata o noso territorio."

ARGALLANDO COA NOVELA GRÁFICA


Así nos contan os de Argalleiros das palabras a súa lectura da novela gráfica Emigrantes de Shaun Tan:
"Todos ían elaborando o texto, creando a historia, dándolle máis vida aos personaxes que aparecían (non esqueceremos que bautizaron de "picachus" aos animaliños que acompañaban a todos os protagonistas...) en fin..., que cando rematamos esta viaxe todos e todas nos sentimos satisfeitos e enriquecidos con esta lectura e cunha forma de ler que nos fixo achegarnos a máis novelas gráficas.
A opinión dun alumno participante:
Un libro no que o autor che dá a oportunidade de inventar a túa propia historia a partir das viñetas. Tamén é unha forma de coñecer polo que pasaron unha gran cantidade de persoas de todos os países: vese como o protagonista ten que deixar todo atrás para ir a un lugar descoñecido co fin de sacar a súa familia cara adiante. Pasa anos sen velos, eu deime conta disto cando no medio do libro había dúas páxinas nas que se vían transcurrir as estacións, o que simbolizaba que nese tempo estaba fóra da súa casa. A min chamoume a atención ver unha especie de "pokemons" que acompañaban sempre aos habitantes do outro país. Ao final da lectura soubemos que misión cumprían. Recoméndovolo!

Viaxar en compañía: ler en público e crear un poema colectivo


O club de lectura Salicornia realizou a súa viaxe anual, con motivo do Día do Libro, a un "templo do libro" (neste caso a libraria Lello e irmao en Porto) para realizar unha lectura pública, escoller unha palabra do texto lido por cada un e, na viaxe de volta, construír un poema con todas esas verbas e algunha máis.

Nesta ocasión a libro era Seda de A. Barico e ía na compañía dos compañeiros e compañeiras do club de lectura Argalleiros das palabras do IES Castro da Uz.

Compartir lecturas, gastos, viaxe, aventuras; compartir tempo, viaxar xuntos a través dos libros e da xeografía ...por terras irmás.

28/7/10

CREANDO RUTAS LITERARIAS


Os membros dun club len libros, comentan as súas lecturas, escriben, investigan, ... e incluso crean rutas literarias, como nos contan os de Camiños.

O punto de partida, o fragmento dunha carta que Castelao envía ao Presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires, en 1947, e que dará pé ao percorrido pola cidade seguindo os pasos e as palabras do autor de Sempre en Galiza.

"Meu estimado compatriota:
Non teño ningún documento, nin sequera unha partida de nacemento para acreditar a miña calidade de pontevedrés; mais se non fun consultado antes de nacer, é ben sabido que despois de ter nacido escollín Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a cumprirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nacemento, que a veces isto é entrar pola porta falsa; e son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra."

8/7/10

Clubs de lectura viaxan a Portugal

Nesta entrada do blog da biblioteca do IES de Porto do Son podemos ler a súa crónica da viaxe conxunta que fixeron, ao remate do curso, as rapazas e rapaces integrantes dos clubs de lectura de tres institutos, procedentes de distintos puntos de Galicia: o Club de Lectura iESCALDaletras, do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), o Club de Lectura As Campaíñas, do CPI Aurelio M. Rey García (Cuntis, Pontevedra) e o Club de Lectura do IES de Porto do Son (Porto do Son, A Coruña). Un exemplo de colaboración entre clubs de lectura, unha interesantísima iniciativa dos seus integrantes... unha experiencia que vincula á lectura e á cultura dun xeito fundamental... parabéns!!!

5/7/10

Ámbitos de colaboración

Ábrense novos ámbitos de colaboración entre clubs de lectura. Un exemplo é este blogue, Cartafol do vento, compartido entre a rapazada integrante dos Clubs de Lectura do IES Montecaxado (As Pontes) e o IES Sanxillao (Lugo). Nel podemos ver que as colaboracións non rematan aquí, tamén comparten roterios de lectura con outros clubs, como podemos ver nesta crónica da visita ao Courel na que participaron rapazas e rapaces do IES Sanxillao e do IES urbano Lugrís, de Malpica...

3/7/10

As palabras máxicas

O Club de Lectura do IES de Porto do Son (xunto co Club de Lingua) andiveron a contar contos polas escolas do concello... e así nolo contan. Parabéns!!!