Mostrando entradas con la etiqueta colaboración entre clubs de lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta colaboración entre clubs de lectura. Mostrar todas las entradas

12/7/16

Crear vínculos coa lectura, desde a lectura, para a lectura



Desde o Club de lectura do CPI O Progreso, de Catoira, achégannos este vídeo-resume das actividades levadas a cabo durante o curso 2015/2016, así como da xornada compartida co Club de Lectura Os Trasnos dos libros, do IES de Poio. Un bo exemplo do moito e bo que se coce nos clubs de lectura de ámbito educativo de Galicia.

28/6/13

Clubs que se reúnen

Así nolo contan, desde o IES de Porto do Son:
"Xa vimos compartindo saídas e lecturas cos clubs de lectura do IES Aquis Celenis de Caldas. Primeiro foi Viana do Castelo, logo o Mosteiro de Carboeiro. Este ano, para despedir aos nosos queridos alumnos de 2º de bacharelato, a primeira fornada nesta andaina da lectura, decidimos facer unha viaxe a Porto. Compartimos a lectura - previamente leramos A casa das sombras nefeastas de Paulo Soriano e O embodeiro que sonhava passaros de Mia Couto- e en Porto, un paseo polo Douro, un xogo de pistas para coñecer un pouco máis a cidade e a cultura portuguesas, festa, a Casa da Música, a Biblioteca Almeida Garret... Seguimos na nosa teima de facer presence o que nos une a Portugal. Foi un luxo viaxar con estes mozos e mozas que asisten ano tras ano ás sesións dos clubs de lectura! Por suposto, magnífica a compaña do IES Aquis Celenis de Caldas. Repetiremos: unha boa forma de optimizar os cartos e de achegar pontes arredor da lectura!"

22/2/13

Rosalía viva na voz dos lectores, das lectoras

Rosalía de Castro é un bo motivo para xuntárense grupos de lectura de diversa procedencia que, no mesmo ámbito territorial, aúnan vontades arredor da Palabra, da palabra oral, da palabra escrita. Este é un exemplo máis das actividades nas que participan os clubs de lectura ao longo do país. Parabéns por esas iniciativas que axudan a construír sociedade lectora. Podemos coñecer esta actividade no blog do Club de lectura, Os Trasnos dos libros, do IES de Poio.

23/11/12

Irmandamento de clubs de lectura. Encontro en Poio

Irmandamento clubs de lectura: Biblioribeira, A pedra do acordo e os Trasnos dos libros on PhotoPeach

Non é a primeira vez que se atopan as lectoras e lectores destes clubs, nunha xornada de convivencia e de lecturas. Desta vez xuntáronse no concello de Poio  os mozos e mozas destes clubs (A pedra do acordo, do IES San Paio, de Tui; Biblioribeira, do IES Ribeira do Louro, de O Porriño e Os Trasnos dos libros, do IES DE Poio, que exercían de anfitrións. Visitaron, entre outros lugares, o mosteiro de Poio, a vila de Combarro e a biblioteca do IES de Poio, sede dos "Trasnos dos libros". No blogue destes últimos podemos ver varias entradas referidas a este encontro e disfrutar canda eles desta posta en valor do feito de ler. Os clubs de lectura están favorecendo realidades coma esta nas que se desmontan tantos e tantos conceptos falsos arredor dos intereses de mozos e mozas. Todo isto é posible grazas ao seu entusiasmo e participación, pero especialmente grazas ao compromiso profesional e social dos profesores que coordinan estes clubs, e que deseñan e botan a andar este tipo de actividades: Paz, Xose María e Anxos. Parabéns!

25/5/12

IRMANDADE DE CLUBS

Irmandade "Pedra do acordo" (Tui) - "Os trasnos dos libros" (Poio) on PhotoPeach

Así nolo contan desde O trasno dos libros:
"Rodeados de poemas, textos narrativos e do gozoso murmurio dos adolescentes, fomos acollidos na biblioteca do IES San Paio polo coordinador do club José María Lores e os seus alumnos; no medio dos libros novos cun poema de Marga do Val (amor non teñas medo se estou soa...) e un limiar de Julio Llamazares ( Por fin aparece Tui... la vieja capital sueva...) emprendemos a visita da man das musas da poesía, da arte e da literatura ao mundo gótico-medieval dos libros e das pedras tudenses.
Envoltos polas loairas, que de certo saíron para nós despois dos días de choiva, alegremente fixemos o percorrido deseñado por José María e os seus alumnos para nós, chegados do Escorial galego en palabras do "pater" do seminario.
Monumentos, bibliotecas, paisaxes, igrexas, catedral e convento das monxas encerradas (Coas súas mans fan as monxas encerradas peixiños de améndoas que as devolven ao río...), e o Río e Portugal a saudarnos, sempre envolvéndo os versos, a palabra poética e os sorrisos da xente nova.
Un merecidísimo xantar no cume do ceo, no monte Aloia foi o colofón de remate a este fermoso irmandamento.
Despedidas, intercambio de enderezos de Twenty e un ata logo, vémonos en Poio acompañados dun poema de Marga do Val (Caricia case imperceptível...).
Graciñas a todos eles polo agarimoso encontro, polos textos e polos peixiños das monxas encerradas."

2/5/12

Centros galegos nos proxectos ARCE a propósito da lectura.

Os mozos e mozas do Club de lectura AS ZOCAS FALADORAS, do IES de Poio (Pontevedra) levan xa dous anos participando nun programa ARCE con outros centros de Murcia, Madrid e Canarias. Recentemente xuntáronse todos os clubs de lectura destes centros en Barcelona, para vivir en directo o San Jordi, a grande festa do libro e da  lectura. No seu blogue podemos ver diferentes momentos desta actividade de colaboración cos libros e a lectura como materia de traballo conxunto.
Sant Jordi 2012: Os escritores asinan as súas obras no Día do libro. on PhotoPeach



Barcelona  foi espazo de encontro para outros centros participantes no programa ARCE. Os mozos e mozas do IES Sanxenxo aproveitaron tamén estas datas para se atopar cos seus centros colaboradores, e coincidiron coas "zocas faladoras" en actividades comúns. Así nolo contan no seu blogue

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, aproveitando a celebración do Día Mundial do Libro, deu a coñecer, no seu portal do programa ARCE, os proxectos relacionados coas bibliotecas escolares e a lectura, entre os que se encontra como destacado o proxecto NAVEGANDO ENTRE LIBROS, outro agrupamento no que participa un centro galego, neste caso o IES DAVÍD BUJÁN de Cambre (A Coruña) 

13/7/11

Dous clubs de lectura en videoconferencia

As distancias non son problema para falar de libros cando hai ganas e profesorado disposto a favorecer o intercambio entre alumnado que le. Velaquí unha experiencia de videoconferencia entre as lectores e lectores do club de lectura Lerias, do IES 1º de Marzo, de Baiona, e o club de lectura do IES Val do Tea, de Ponteareas. Información detallada e imaxes. Tamén aquí

29/6/11

ACTIVIDADES CONXUNTAS DUNS CLUBS CON OUTROS



O club de lectura Lecturas Leirantes realiza actividades conxuntas con outros clubs.

O 31 de marzo reuniuse co club "O xograr lector de Sarria" para realizar un roteiro de senderismo e comentar o libro A miña planta de laranxa lima de J. Mauro de Vasconcellos.

O 20 de maio actuaron como anfitrións e convocaron aos integrantes de "A vacaloura" do IES de Monterroso e ao alumnado de "O xograr lector" para realizar un roteiro literario polo adarve da muralla cun guía de luxo, Antonio Reigosa, autor de Lu e Go pola muralla. Á volta, na biblioteca, tivo lugar unha comida e, entre bocado e bocado, houbo tempo para charlas deste e outros libros.

5/5/11

Toman as rúas de Ourense co gallo do Día do Libro

Os mozos e mozas de dous clubs de lectura da provincia de A Coruña (IES Castro da Uz, de As Pontes, e CPI Castro Baxoi, de Miño) xuntáronse unha vez máis nunha actividade compartida de lecturá pública... decidiron visitar Ourense e facer na Praza Maior unha lectura "plurilingüe" de O Principiño.
Leron e crearon, entre todos, un poema a partir das palabras do Principiño, que podemos ver no díptico
que editaron.
Os clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, espazosde convivencia, de creación, de imaxinación, de aprendizaxe, de cidadanía...

Parabéns ao profesorado que o fixo posible, parabéns ás rapazas e rapaces participantes...



11/10/10

"Habemos de ir a Viana"

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Crónica dunha experiencia compartida: a viaxe a Viana que fixeron os clubs de lectura de tres institutos galegos: O IES de Porto do Son, o IES Aquis Celenis, de Caldas e o CPI de Cuntis. Recollida no blogue Etiqueles, da biblioteca do IES de Porto do Son

29/7/10

LER "O PASATEMPO"


Unha accción, programada a medias por dous IES, para poñer en contacto aos lectores a través dunha actividade de bookcrossing. Leámolo nas súas palabras...

"O club de lectura Pata Sana do IES de Mugardos, en colaboración co IES As Mariñas, programamos unha variante do bookcrossing co obxectivo de coñecer mellor este agradable espazo de lecer e para poñer en contacto, de cara ao vindeiro curso, ao alumnado de primeiro ciclo de ESO dos dous centros.
A partir do comentario dunhas imaxes deste parque vistas no volume Galicia en cen prodixios planificamos que os alumnos e alumnas betanceiros "liberasen" para nós algúns libros no Pasatempo, "parque enciclopédico". Desprazámonos en tren ata alí no mediodía do último luns lectivo do curso e na tarde puidemos "rescatar" satisfactoriamente os agasallos agochados (un libro e un caderno de viaxe para cada un), coas indicacións laboriosamente ocultas en tres pistas que debiamos desvelar primeiro.
A comezos do curso que vén faremos a segunda parte desta ectividade e será o alumnado de Betanzos o que se achegue ata o noso territorio."