29/9/09

De clubs e arredores

Nacen os clubs partindo cada un do seu medio, ás veces, baseándose noutras experiencias, como o club de lectura de inglés da EOI de Vigo (“Books up! Reading club”) que di inspirarse nun curso que se realiza cada agosto en Edimburgo con este título. Explican: “O devandito curso propón a lectura de cinco libros, novelas na súa maioría, de distintos tipos de xéneros, coa enorme gratificación de poder coñecer e falar cos autores destes libros “in situ”, autores de renome nacional e internacional”.

Outros aproveitan actividades con tradición na cidade, como sucede con varios de Ourense (entre os que podemos citar o Club “As catro esquinas do quinto” do IES Ferro Couselo) que se apoian nas “Tertulias literarias” que organiza o concello no Liceo. Valoran estes clubs o feito de que nelas se reúnen alumnos e alumnas de diferentes centros o que constitúe un aliciente máis ao coñecerse e establecer vínculos entre eles.

Nesta orde cousas, cada vez máis os integrantes dos clubs tenden a reunirse cos doutros para compartir espazos ou autores. Os de Balbordo cos da biblioteca pública de Sober nunha xornada de souto e camiños, ou os do CPI Virxe da Saleta que colabora co club de lectura da biblioteca do concello de Piñor...

Algún club, establece relacións con outras organizacións. Os do IES de Allariz forman o Club de Lecturas Solidarias na Biblioteca Social Integratex (pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e situada na primeira planta de “Máximo Dutti For & From Special People) traballando arredor de temas sociais.

No hay comentarios: