21/3/14

Concurso "¿Qué estás leyendo?" da OEI


A Organización de Estados Iberoamericanos publicou xa a convocatoria do concurso ¿Qué estas leyendo? correspondente ao ano 2014. Nesta ocasión, convidan aos lectores e ás lectoras de entre 15 e 17 anos, para que inscriban blogues persoais, arredor dos libros e das lecturas, neste concurso que ten como premio unha viaxe a Bos Aires, onde se realizará un encontro con todos os galardoados dos diferentes países iberoamericanos. Unha ocasión única para compartir experiencia lectora con outros rapaces e rapazas. Os bloques poden estar en calquera das linguas oficiais, dos países participantes na OEI polo que o galego podería estar presente tamén neste encontro, pois ao igual que este ano 2013, agardamos que a participación galega sexa alta. O prazo de inscrición remata o 30 de xullo.

En efecto, o pasado 19 de marzo fíxose entrega en Compostela dos premios queestasleyendo.org aos blogues gañadores e finalistas do Estado Español na convocatoria 2013. Tanto os gañadores como 4 dos 10 blogues finlistas eran galegos.

Esta convocatoria é unha oportunidade para que os rapaces e as rapazas dos clubs de lectura, xa suficientemente motivados, poidan poñer en marcha unha iniciativa persoal (ou grupal) que sirva de plataforma para a expresión da súa creatividade tanto na escrita como no audiovisual, tendo sempre como fondo os libros e as lecturas, pero tamén a música, o videoxogo, o cine...`É oportunidade tamén para desenvolver competencias dixitais e de produción de información (ALFIN en estado puro).