21/7/11

Da memoria dun club de lectura

A educación impregnándoo todo...
"(...) O elemento gastronómico, o doce caseiro compartido ao comenzo das xuntanzas, continúa tendo a súa importancia na dinámica dos clubs, e xa empezamos a poensar en elaborar o noso recetario de sobremesas para clubs. A modo de anécdota comentar que este curso unha das nenos dos clubs era celíaca, polo que tras a primeira xuntanza na que descoñecíamos ese feito, pasamos a aportar doces sen gluten e a descubrir a grande variedade de posibilidades que podíamos ofertar. Foi moi gratificante para esta nena e moi interesante para todos os demais. Nas comidas dos clubs adoptouse de xeito espontáneo o costume de que sexan os nenos ou as nenas, e non as profesoras, quen aporten os doces. Queremos destacar o valor destes pequenos detalles no funcionamento dos clubs, pois lles confiren ese carácter de complicidade, de grupo de iguais gozando xuntos dunha afección común, que é un dos obxectivos fundamentais da actividade."
T
rátase dos clubs "Os Artistas lectores" e "A Cabana dos Libros" nos que aprticipan trinta e dous alumnos e alumnas do CEP Brea Segade de Rianxo

13/7/11

Dous clubs de lectura en videoconferencia

As distancias non son problema para falar de libros cando hai ganas e profesorado disposto a favorecer o intercambio entre alumnado que le. Velaquí unha experiencia de videoconferencia entre as lectores e lectores do club de lectura Lerias, do IES 1º de Marzo, de Baiona, e o club de lectura do IES Val do Tea, de Ponteareas. Información detallada e imaxes. Tamén aquí

1/7/11

Roteiro pola Ribeira Sacra lembrando Lois Pereiro

Camiñada, lecturas, lembranza de Lois Pereiro, recitais ao aire libre, conversa, convivencia, lecturas, camiñadas... aprender a vivir e aprender o País. Unha forma ben fermosa de dar remate a un curso escolar. Velaquí unha experiencia dun club de lectura, o BIBLOSVIVOS, do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas.

29/6/11

ACTIVIDADES CONXUNTAS DUNS CLUBS CON OUTROS



O club de lectura Lecturas Leirantes realiza actividades conxuntas con outros clubs.

O 31 de marzo reuniuse co club "O xograr lector de Sarria" para realizar un roteiro de senderismo e comentar o libro A miña planta de laranxa lima de J. Mauro de Vasconcellos.

O 20 de maio actuaron como anfitrións e convocaron aos integrantes de "A vacaloura" do IES de Monterroso e ao alumnado de "O xograr lector" para realizar un roteiro literario polo adarve da muralla cun guía de luxo, Antonio Reigosa, autor de Lu e Go pola muralla. Á volta, na biblioteca, tivo lugar unha comida e, entre bocado e bocado, houbo tempo para charlas deste e outros libros.

24/6/11

Roteiro literario pola Devesa da Rogueira






Desde o CPI Luís Díaz Moreno (Baralla, Lugo), infórmannos do roteiro literario que veñen de realizar os integrantes do Club de Lectura pola Devesa da Rogueria, no Courel, logo da lectura do libro "El hombre que plantaba árboles" de Jean Giono, neste Ano Internacional dos bosques.






+ Información no seu blogue, Barallando saberes, na sección do Club de lectura.

12/6/11

IV Xornada dos Clubs de lectura. Materiais

Neste enlace están dispoñibles os materiais da IV Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada o pasado venres 10 de xuño, en Santiago de Compostela, coa asistencia de 205 profesores e profesoras de toda Galicia que, no presente curso, coordinan clubs de lectura en centros de ensino secundario e de réxime especial (acceder como "convidado")

Están tamén dispoñibles, no mesmo enderezo, os vídeos das diferentes sesións.

Algúns dos blogues que informan tamén:
Os trasnos dos libros


Vídeo resume:


IV Xornada dos Clubs de lectura. Xuño 2011 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

24/5/11

Proxecto europeo e-twinning para COMPARTIR LECTURAS




Do Club de lectura do IES de Poio chéganos unha información da que entresacamos o seguinte texto:
Durante este curso académico o noso grupo de 1º de bacharelato de Club de lectura está desenvolvendo un
proxecto europeo e-twinning centrado en COMPARTIR LECTURAS cun grupo da mesma idade do Lycée Maurice Ravel de Paris.
As tarefas permítenlles formarse como lectores activos xa que simultaneamente reciben e xeran informacións, adquiren e intercambian coñecementos lingüísticos das súas respectivas linguas e practícanas.
Consideramos moi innovador dende o punto de vista pedagóxico a interacción no proceso de ensino-aprendizaxe entre alumnos franceses e españois, eles son os receptores e a un tempo os directores do proceso; o profesorado só coordina, o alumnado interactúa, prepara os seus materiais, realiza as lecturas, elabora e publica os seus comentarios nos blogs, paralelamente son os correctores dos seus propios compañeiros e dos compañeiros europeos a través do chat do twinspace.
Tambien resulta novidoso que o intercambio de contidos literarios, lingüísticos, etnográficos, culturais se realice por medio de medios dixitais e de soportes como presentaciónes, vídeos, revistas creadas en: Power-point, Calaméo, Animoto, Prezzi, etc medios que nos axudan a salvar barreiras xeográficas doutra manera insalvables.
As coordinadoras seleccionan as lecturas de cada trimestre adecuándoas ao nivel de francés-español do alumnado, escollen e organizan as tarefas a realizar durante este, deciden as linguas a empregar dependendo do contexto comunicativo: así os alumnos franceses usan o español en todas as lecturas, nas tarefas e no chat, e o francés para corrixir os seus colegas españois; os alumnos españois usan o galego nas súas lecturas, o español para as súas tarefas e para corrixir aos seus compañeiros franceses, utilizan o francés nas súas publicacións e no chat.
Dependendo das datas senaladas en cada país – celebracións académicas, festividades populares…- publicáronse presentacións de imaxes: O ano novo chino en París, o entroido en Galicia, celebramos conxuntamente o Día da Poesía coa creación e intercambio de pequenos poemas (haikus), o alumnado escolleu este subxénero poético en homenaxe ao pobo xaponés. Lembramos tamén a poetas españois nas datas sinaladas. Traballamos a historia dos nosos países a través das nosas lecturas, en concreto a Guerra Civil española cos poemas de Miguel Hernández y la novela de Manuel Rivas “El lápiz del carpintero”, por este motivo enlazamos en nuestro espacio la exposición de la Biblioteca Nacional sobre Miguel Hernández. Traballamos o cine co visionado de filmes sobre as nosas lecturas (“El lápiz del carpintero”) e o comentario dos mesmos y música escoitando poemas musicados de autores como Miguel Hernández.

20/5/11

Haikus no CPI Tomás de Lemos (Ribadavia)


O Club de Lectura do CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, fainos chegar información dunha actividade ben interesante:
"O noso club organizou un achegamento da comunidade educativa ao mundo dos haikus, e a resultas da mesma, e co material recollido, realizamos no centro unha exposición e botamos a andar un proxecto editorial que buscará ter continuidade outros cursos. Este proxecto ten forma de libro de poemas, que consta dunha recopilación dos haikus realizados, de imaxes da exposición (os haikus foron traducidos ao xaponés e ilustrados mediante técnicas parecidas ao sumi-e, a pintura aguada tradicional xaponesa) e dunha exposición didáctica que pensamos pode resultar intesante para trasladar esta actividade a outros centros. Para facilitar a difusión da experiencia calquera persoa interesada pode pedir un exemplar da publicación en arquivo informático á dirección do coordinador do club (MACNAVELarrobaedu.xunta.es) ou solicitar para préstamo dez volumes a toda cor que poñemos a disposición dos clubs interesados".

Do texto que presenta o libro editado, salientamos:
A realización desta primeira experiencia de achegamento á poesía Haiku tivo lugar no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia (Ourense) durante o curso 2010 – 2011, e foi promovida polo club de lectura do centro. En colaboración cos departamentos de Ciencias Sociais, Plástica e as diferentes linguas, o club de lectura propuxo aos alumnos un concurso de Haikus. A finalidade era que os alumnos que estudaban os elementos da paisaxe e a climatoloxía (na materia de Xeografía) realizasen un achegamento sensorial, emocional e sentimental á paisaxe, máis alá dos elementos físicos. Consideramos que o haiku era unha forma especialmente axeitada para conseguilo. Un haiku é unha composición poética tradicional do Xapón. Ten tres versos sen rima, cunha extensión de cinco, sete e cinco sílabas . A temática aborda a natureza, o paso do tempo e as emocións. Para a súa realización procedeuse ao reparto das normas que deben seguirse na composición dos haikus. Estas han de ser moi sinxelas: Realización de tres composicións de tres versos cada unha; Os versos terán que ter 4 – 6 sílabas o primeiro e terceiro, e 7 – 9 o segundo; Nun dos versos terá que aparecer unha referencia ás estacións ou ao paso do tempo, noutro unha referencia á paisaxe.... Entregouse ao alumnado un alfabeto katakana (un alfabeto de ideogramas xaponeses coas súas equivalencias fonéticas no noso idioma), para que realizasen a transcrición fonética aproximada das súas composicións poéticas. Con estes elementos cada alumna e alumno (e aqueles membros da comunidade escolar que se animasen) realizarán un cartelón que combine un poema en calquera dos idiomas impartidos no centro, coa súa correspondente transcrición fonética (aproximada) e unha ilustración inspirada nos técnicas orientais. A nivel persoal, foi emocionante ver aos alumnos, especialmente aos de primeiro curso da ESO, esforzarse por entender outra cultura, outro idioma e por facer os seus primeiros achegamentos á poesía. O resultado do seu traballo encheunos de orgullo e ensinounos unha dimensión que descoñeciamos do noso alumnado. Foi, ademais, unha experiencia interdisciplinar, xa que nela participaron profesores de Ciencias Sociais, Plástica, Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Inglesa.

6/5/11

IV Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 10 de xuño reunirase en Santiago de Compostela o profesorado que coordina os 200 clubs de lectura que, neste curso, están a funcionar en centros de ensino secundario de Galicia.

Esta actividade está contemplada na convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para incentivar o funcionamento de clubs de lectura, e busca o encontro entre profesores de distintos puntos de Galicia que están poñendo o seu tempo e a súa profesionalidade ao servizo da formación do seu alumnado como lectores e como cidadáns sensibles á cultura e ás súas manifestacións. A rapazada que participa das actividades dos Clubs de lectura aprende, ademais, a intecambiar opinións e a argumentar as propias ideas, competencia fundamental para vivir en democracia.

Esta IV Xornada dos clubs de lectura contará coa presenza de Ana Díaz-Plaja, profesora da Universitat de Barcelona e o escritor Fernando Marías. Haberá unha mesa de experiencias (Un club de lectura é algo máis) e tempos para o intercambio de iniciativas, por zonas.

5/5/11

Toman as rúas de Ourense co gallo do Día do Libro

Os mozos e mozas de dous clubs de lectura da provincia de A Coruña (IES Castro da Uz, de As Pontes, e CPI Castro Baxoi, de Miño) xuntáronse unha vez máis nunha actividade compartida de lecturá pública... decidiron visitar Ourense e facer na Praza Maior unha lectura "plurilingüe" de O Principiño.
Leron e crearon, entre todos, un poema a partir das palabras do Principiño, que podemos ver no díptico
que editaron.
Os clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia, espazosde convivencia, de creación, de imaxinación, de aprendizaxe, de cidadanía...

Parabéns ao profesorado que o fixo posible, parabéns ás rapazas e rapaces participantes...



14/4/11

Clubs que miran arredor




Hoxe queremos pararnos co Club de lectura do IES Manuel Antonio de Vigo.
Un club "que mira arredor" porque conta cos residentes do centro de persoas maiores que hai ao ladiño do instituto. Con eles comparten lecturas e tempos.
Podemos velo a través do seu blogue do club de lectura que está enlazado co de biblioteca, e no que se atopamos varias categorías coas normas do club e os avisos, reseñas dos libros que se están a ler, a convocatoria das xuntanzas e un resumo do tratado, ... e os comentarios dos lectores e lectoras.
Este blogue tamén está enlazado co club de lectura virtual, "creado coa idea de que aquelas persoas que quixesen ler un libro e facer comentarios sobre el, pero non dispuxesen do tempo necesario para as sesións do club "le +" puidesen participar e compartir as súas opinións a través da rede, por iso recibe o nome de "le + na rede". Este club está dirixido a toda a comunidade educativa e a súa contorna, na que tamén tentan incluír aos traballadores do hospital e aos institutos próximos.

23/3/11

ENTRE CLUBS


O club de lectura "Árbore vermella" do IES Xesús Taboada Chivite en colaboración co IES Ribeira do Louro puxeron en marcha o concurso "Adiviña quen é". Trátase, como o seu nome indica, de adiviñar a identidade dun autor misterioso, a partir dunha imaxe difuminada e unha serie de datos non demasiado evidentes.
Xa foron autores e autoras misteriosas Saramago e Mª Xosé Queizán.

16/2/11

Raiolectores, un club de lectura en Primaria

Os clubs de lectura nas bibliotecas escolares galegas non son flor dun día... comezan a modo e vanse estabilizando grazas ao compromiso do profesorado e á motivación de todas as lectoras e de todos os lectores participantes.

Velaquí temos un exemplo nun centro de Primaria, o CEIP Andrade (Pontedeume, A Coruña), que conta cun club de lectura ben numeroso, e ben activo. Aquí temos aos Raiolectores en plena acción.

15/2/11

Aquí le todo o mundo!


Por exemplo, compañeiras que traballan como persoal administrativo nos centros. Velaquí unha interesante entrada no blogue do IES Pedro Floriani (Redondela, Pontevedra), por parte dunha das participantes no Club de Lectura, Rebeca, a propósito da lectura da biografía de Marie Curie.

3/2/11

Dándolle ao zoco... para avanzar

Entre as experiencias de colaboración con centros doutras Comunidades Autónomas, integradas no programa ARCE, salienta a participación dun Club de lectura, As zocas faladoras, do IES de Poio, que están a traballar conxuntamente con centros de Murcia, Canarias e Badajoz no programa EL PAÍS DE ALICIA.
Recentemente reuníronse en Canarias nunhas xornadas de traballo que, segundo se desprende da crónica realizada por Anxos Ríal, a coordinadora de As zocas faladoras e da Biblioteca do IES de Poio, foron intensas, e moi enriquecedoras a nivel persoal e profesional.

24/12/10

Resolta a convocatoria de Clubs de Lectura 2010/2011

A través do Portal Educativo publicouse o pasado 22 de decembro a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan as axudas para os Clubs de Lectura que presentaron solicitude en tempo e forma. A distribución dos 130.000€ dispoñibles para esta acción, encadrada no programa HORA DE LER, fíxose atendendo á calidade do proxecto presentado, á traxectoria demostrada polo club en anos anteriores, e ao número de grupos de lectores implicados.
Lémbrase a posibilidade de empregar LIBROS A EITO para o intercambio de lotes de libros. + Información

17/11/10

VARIOS CLUBS...


VARIOS clubs comezan as súas reunións compartindo poemas para abrir boca (espertando o gusto pola poesía. Outros aproveitan algunha sesión para comentar libros que non leron en común pero que recomendan.
VARIOS clubs len EN GALEGO para apoiar a normalización lingüística, provocando que se acheguen á lingua e á literatura galega, que acepten a súa cultura, de forma natural.
VARIOS CLUBS coordinanse entre eles e o que se comezou a facer para aproveitar recursoos intercambiando os libros e películas, compartindo encontros con creadores/as... xa pasou a constituir unha mellora no desenvolvemento do club de lectura.
VARIOS CLUBS percorren rutas literarias e incluso hai algún que a crea arredor do autor ou autora máis próximo.
VARIOS clubs van introducindo a música como cultura compartida: a banda sonora do libro, as músicas da historia, os poemas musicados, as músicas que nos gustan...
... Porque de todo hai e gran a gran vaise enriquecendo o camiñar lector.

10/11/10

ASI SE DESPEDÍAN ... por Ponteareas


DESPEDIDA E ROTEIRO LITERARIO POLO TEA
No club de lectura de despedida, ata a volta do verán, disfrutamos dun roteiro literario polo río Tea. Lemos un poema de Pablo Neruda, "El río" e inspirándonos no ambiente creamos unha historia entre todos.
E... o bizcoito de chocolate tampouco podía faltar, pero esta vez houbo intercambio gastronómico de postres, como ben dixo Pedro. Empezamos a avaliación do curso e os comentarios sobre o que supuxo para eles formar parte deste club de lectura. A continuación deixámosvos algúns dos comentarios:
"A oportunidade de ler libros que doutro xeito non se me ocurrirían"
"Unha nova experiencia que me aportou máis sabiduría"
"Relacionarme con xente nova, cos mesmos intereses "
"Falar de temas interesantes e enriquecedores"
"Unha experiencia xenial, onde podes expresar a túa opinión abertamente e compartila cos demáis"
"Te permite expresar a túa opinión sen medo a que a xente se ría de ti"

9/11/10

PECHE


Do que se di ao despedirse, nesa sesión final na que, querendo ou sen querer, se avalía o traballo feito en cada un dos clubs:
“Para o ano que ven tamén hai club?”
“Polo tanto non sobra dicir que o vindeiro curso repetiremos a experiencia… isto é a mellor avaliación que se pode facer.”
“O club é a realidade-ilusión que ten máis presenza no centro. E para o ano máis e mellor, porque cremos que a lectura fainos medrar a tod@s.”

Veñen "lendo" forte....


As nenas e os nenos do CEIP de Andrade, ao igual que os doutros centros de Primaria de Galicia, veñen pisando forte, e participan dunha forma entusiasta nos clubs de lectura que se organizan nos seus centros. Engadimos hoxe o Club de Lectura RAIOLECTORES á relación de Clubs de lectura, por dereito propio... Benvid@s!

21/10/10

LIBROS A EITO


Este curso, o mesmo que o pasado, seguimos a utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario a través de “libros a eito” con distintas bibliotecas escolares como o IES Fernando Esquío (Neda), IES Catabois (Ferrol), CPI A Baña, IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES de Mugardos e IES Antonio Fraguas (Santiago).
Quixéramos facer fincapé no positivo desta experiencia, porque no só se trata de optimizar recursos, co que isto implica de darnos a posibilidade de facer máis lecturas das que nun principio nos permiten os fondos obtidos a través da convocatoria, senón que nos dá a oportunidade de compartir lecturas cos membros de clubs amigos e mesmo organizar actividades conxuntas”

Nestas datas, coincidindo cos III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia 2010, varios centros están "quedando" para intercambiar libros. Quen máis se anima?

15/10/10

UNHA AVOA NO CLUB

A avoa conta...
“No club de lectura estou a facer unhas lectura impensables para min hai só uns meses.”
“Estou a disfrutar enormemente coa vosa compañía e coa lectura, que sempre me gustou moitísimo.”

Porque a comunidade escolar é moito máis ampla do que se podería pensar
Porque os avós son un grupo de idade a ter en conta.

14/10/10

LAZOS ENTRE OS MEMBROS DO CLUB


“Este grupo de lectores pertencen a diferentes pandillas do pobo; son de cursos educativos diversos; teñen caracteres, mesmo moi diverxentes, pero sábense membros dunha comunidade participativa e intercambian miradas de complicidade no vestíbulo ou nos corredores. Os lazos afectivos creados ao redor das lecturas van dando os seus froitos, e alumnos que antes se sentían raros polos seus intereses, saben agora que teñen con quen compartir afección.”

11/10/10

"Habemos de ir a Viana"

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Crónica dunha experiencia compartida: a viaxe a Viana que fixeron os clubs de lectura de tres institutos galegos: O IES de Porto do Son, o IES Aquis Celenis, de Caldas e o CPI de Cuntis. Recollida no blogue Etiqueles, da biblioteca do IES de Porto do Son

8/10/10

CLUB DE LECTURA, UNHA E OUTRA VEZ...


“A participación dos mediadores consistiu fundamentalmente en xestionarmos ou ofrecermos os turnos de palabra; só cando ninguén quería empezar o comentario, enchermos os posibles silencios, propormos outras interpretacións que aínda no se barallaran ou incorporarmos referencias persoais e afectivas respecto desas obras.
A comodidade coa que se sentían todos os membros dentro do club posibilitou comentarios moi persoais e interesantes sobre a experiencia lectora e a personalidade de cada un de nós. Ao final, todos e cada un dos participantes coñecían os gustos e preferencias lectoras dos demais.”