4/10/10

O club no proxecto educativo do centro

“En certo modo, este ano, tan significativo na curta vida dos Clubs de Lectura, supuxo un punto de inflexión, o fin dun ciclo laborioso e entusiasta, a partir do cal nos agardan outros cumes, coa seguranza de os poder acadar en base a unha maior formación, rigor e experiencia. (...)
Coidamos que esta experiencia está xa integrada no proxecto pedagóxico do instituto, instalada no seu imaxinario educativo, e no corazón de boa parte do alumnado e profesorado da nosa comunidade. Este é un feito transcendente, dun enorme valor pedagóxico, e sobre esta base teremos que seguir construíndo a nova sensibilidade lectora que anceiamos.
Nese “camiño de construción” dun sólido proxecto lector para o noso centro, o traballo do Club de lectura está resultando moi estimulante. Quizais sexa este feito, así como o pouso que deixa nos que participan da súa dinámica lectora e creativa, o seu maior logro, o seu maior motivo de orgullo.
Cómpre agardar, deixar madurecer o froito, pois no horto escolar a árbore da aprendizaxe sempre é xenerosa, e o desexo lector medra a base de paciencia e esperanza.”

No hay comentarios: