8/9/10

Os clubs, tamén, fan festa coas familias

Así nolo contan:

"Realizouse unha festa cos pais do alumnado do club de lectura, case a final de curso, na praia fluvial e en colaboración con outro club de lectura.
Tratamos de que fose unha xornada distendida e de convivencia entre uns e outros, pero sen esquecer o carácter literario que tivera a actividade ao longo do ano e introducindo outras mostras outras mostras da nosa cultura.
Acompañounos un grupo musical, nun intento máis de valorizar as nosas raíces e o noso patrimonio.
Os rapaces e rapazas estaban felices ao final do día e as familias aínda máis. De feito todos propoñían que a actividade tiña que continuar en cursos sucesivos e que había que ofertala a todo o grupo ou incluso a todo o centro."

MÁIS CINE E LITERATURA nos clubs de lectura

No club de lectura Bibliarousa fixemos o curso pasado varias sesións co título De Cine, Amor e Poesía. Escollemos varias escenas de películas para tratar o tema do amor. Paralelamente comentamos diferentes poemas. Para máis información, mira as entradas no blog http://bibliarousa.blogspot.com/ cos títulos "De Cine, Amor e Poesía I, II, III"

No ciclo de Ciencia ficción, tamén escollemos algunha escena de Farenheit 451 e a curtametraxe As cousas de Kulechov para ilustrar algunhas lecturas. Busca as entradas "Ciencia ficción I, II, III"

7/9/10

CINECLUB LECTOR


RECOLLEMOS DUNHA MEMORIA...

“O visionado de adaptacións cinematográficas dalgún dos títulos propostos como lectura e doutras películas, curtametraxes ou documentais relacionados cos libros foi outra das actividades que o clube desenvolveu arredor da lectura con certa regularidade.
Despois de ver unha curta, Laila, quixemos poñer por escrito no papel, nunha escrita colectiva e automática mediante a técnica do cadáver exquisito, as sensacións que nos impregnara mentres nos adentrábamos no Sahara da súa man."

6/9/10

O desenvolvemento dun CLUB


"Lemos (...), vimos unha película, falamos e escoitamos. Non hai moito máis, tampouco menos. O clima que se foi creando ao longo das reunións é testemuña dunha evolución que nos permitiu abandonar a timideza dos primeiros momentos cara unha atmosfera máis espontánea, máis libre, que foi transformándose precisamente na delicada mecánica de falar e escoitar, de falar e sentirse escoitadas.

O encontro cun autor abriunos novas posibilidades. Tamén o interese polo cine nos levou a pensar nun cine club. A pasión que o alumnado amosou pola creación de textos fixo que nos plantexaramos un obradoiro de creación literaria...

A experiencia deste ano, como calquera actividade humana, proxéctase cara ao futuro. Do noso pasado, o que interesa realmente son as reflexións que tiramos e que orientan os novos proxectos. Dentro das dinámicas dos centros de ensino, os clubs de lectura son, sen dúbida, unha extraordinaria aportación."

2/9/10

XEITOS de facer PUBLICIDADE


Recollemos:

"A coordinadora do club tivo a oportunidade de asistir a unha das reunións de titores ede ESO e bacharelato que organiza xefatura de estudos e alí dar a coñecer as experiencias do club, para que todos os titores e titoras puidesen transmitir a información e o convite ao seu alumnado.

Enviáronse ás familias do novo alumnado unha carta de presentación da biblioteca asinada pola dirección do centro á que se adxuntaba un tríptico con información do club de lectura.

Ao resto do profesorado déixouselle a información nas súas correspondentes casillas.

Colocáronse carteis nos lugares máis destacados do centro e, ademais, presentouse un power point na entrada principal do instituto xunto con outra publicidade da biblioteca."

A ESTRUTURA de funcionamento dun dos clubs


Dísenos:

Mantivemos a mesma estrutura que utilizamos no curso anterior, para o desenvolvemento dos nosos encontros:

* Unha primeira sesión de presentación do libro e do autor/a. nesta acostumabamos levar algunha reseña crítica sobre a obra ou o autor/a, ou unha pequena entrevista. En ocasións tamén aproveitamos para consultar a súa páxina web. Foi frecuente que lles deramos tamén algunhas pautas sobre a lectura (localización, dificultade...), e instruci´´ons para realizar algunhas anotacións que considerabamos interesantes (citas, descricións, comentarios, dúbidas, cousas que lles gustaban ou que non...). Con este fin todos os membros contaban cun "Caderno de Bitácora", no que recollían todas as súas inquedanzas no proceso de lectura. Nel podían relatar as súas experiencias lectoras, os libros lidos, copiar anacos, apuntar dúbidas ou preguntas, pegar fotos...

* A seguinte sesión era de seguimento, na que se daba un intercambio de opinións e impresións. Cada un comentaba os aspectos que lle resultaban máis interesantes e a súa visión ou interpretación sobre a lectura.

* Por último na sesión final presentabamos as conclusións e levabamos a cabo algunha actividade máis lúdica relacionada coas lecturas. Actividades como proxección de películas baseadas nas novelas ou cunha temática similar (vinculación entre cine e literatura, comparación das distintas visións e versións...), saídas a librarías , bibliotecas públicas, itinerarios literarios, creacións escritas en torno ás lecturas, suxerencias de lectura para os compañeiros e compañeiras, anuncios por palabras recomendando libros,...

Entre os OBXECTIVOS dun club


Cítanse...
*Formar lectores e lectoras que disfruten coa lectura e a incorporen ao seu tempo de lecer.
* Contribuír á paulatina capacitación do alumnado nas competencias básicas (competencia en comunicación lingüística, cultural, artística, tratamento da información e competencia para aprender a aparender)
*Achegar orientación ao alumnado relacionada coas lecturas e a procura de información.
*Colaborar coa proposta de lecturas escollidas a crear unha conciencia crítica e fomentar valores como a igualdade de xénero, o respecto, a tolerancia, a solidariedade e a defensa do medio ambiente.
* Favorecer a comunicaicón e a convicencia entre os integrantes do club, dándolles a oportunidade de compartir ideas, emocións, experiencias...

OUTRAS actividades do Club


Hai veces nas que os membros do club forman parte do xurado de concursos literarios convocados no centro
Noutras ocasións as reseñas literarias realizadas polos membros do club son enlazadas nos blogues das editoriais como se nos conta no da biblioteca do IES de Porto do Son.

1/9/10

CLUB DE LECTURA E BIBLIOTECA ESCOLAR


Así de simple se recolle nunha memoria...
"O lugar de reunión para o "Club de lectura" foi sempre a biblioteca. É lugar de encontro coa palabra e espazo para a lectura en todo tipo de soportes e intercambio de experiencias lectoras.
(...) Coincidimos todos en indicar que a lectura converteuse nun medio de coñecemento, de pracer e de relación cos demais."

OS CLUBS DINAMIZAN


Ademais de facelo creando ambientes lectores nos centros, mostrándose -simplemente- como unha realidade, dando exemplo da práctica dun ocio cultural… ás veces convérsense nun motor auxiliar que dinamiza a biblioteca no centro e plasma o proxecto lector moito máis alá do propio documento.
Así é, neste caso, onde crean unha biblioteca dos libros preferidos da comunidade educativa a través dunha biblioteca recreada con lectores/as, títulos e autoras/es.

3/8/10

OS CLUBS DE LECTURA POÑEN EN MARCHA...


Así nolo contan...

"Puxemos en marcha a actividade do Fareir@ de Aula. Este membr@ do Club informa, cada mes e na hora de titoría, da lectura que fixemos e le un fragmento da mesma aos compañeiros e compañeiras de aula."

"O Día do Libro os membros do club tiveron traballo. A profesora colgouse un cartel coa seguinte lenda: REGALO CONTOS DE CORES. Algúns membros do club levaron así mesmo un cartel coa lenda: DIAGNOSTICADOR DE CONTOS, e unha pequena libretiña. O alumno ou alumna que quería que lle regalasen un conto tiña que ser diagnosticado: de cor azul para os soñadores, verde para os que manteñen a esperanza, amarelo para os surrealistas, negro para os derrotistas, branco para os inocentes,... e o membro do club apuntaba na súa libreta e viña coas peticións á moderadora, que lle proporcionaba o agasallo.
Os contos elixidos foron impresos en folios de cores e a súa temática e estilo correspondíase co diagnóstico. En principio non tiñamos moita fe na actividade polo seu carácter poético e porque conxugaba tamén a idea da literatura como reconstituínte da alma... unha idea complexa. Sorprendeunos a participación e o motivados que estaban diagnosticadores e diagnosticados, ao final foron moi poucos so alumnos e alumnas que non pediron o seu conto... ´
Esa repetirémola o curso que ven."

MÁIS OPINIÓNS


Dun participante:
"Descubrín que leo con máis ilusión por poder contar a miña idea do libro e escoitar o que del pensan outros e outras."

Das profesoras:
"Facemos unha alta valoración; o alumnado mostra moito interese no Club e está comprometendo ás súas familias, que len para comentar con eles e elas.
No centro, pensamos, que aumentou o interese pola lectura, paseniñamente, e por comentar o que lemos, algún profesorado que aínda non está implicado, suxire lecturas para o club."

ESCRIBEN AS LECTORAS


"O club de lectura Ptolomeo constituíu un refuxio para min, un lugar no que poder compatir ou diferir opinións sobre libros e coñecer rapaces e rapazas que comparten os meus intereses, que non sempre son tan doados de atopar. Pero tamén foron uns encontros no que reflexionamos sobre os distintos aspectos da vida que iamos atopando nos libros; dedicabámonos a espremer a historia buscando os temas máis importantes, as historias ocultas, o porque dos comportamentos dos personaxes... Algo que me resultou moi interesante e que en varias situacións me deu que pensar.

O inconveniente foi que os libros non sempre contentaban a todos os lectores, algo que eu penso que é inevitábel, e que daba lugar á contribución de novos puntos de vista negativos que se enfrontaban cos positivos, dando lugar ao enriquecemento das conversas. Tamén xurdían outro tipo de diferenzas, dado que ás vecs a algúns membros non lles daba tempo a rematar a lectura, mentres que outros lían dous ou tres no mesmo tempo, pero iso é algo que tampouco se pode solucionar, xa uqe os traballos e os exames roeábannos constantemente."

ACTIVIDADES ESPECIAIS

"(Despois de ler relatos de misterios e asesinatos) A derradeira reunión do Club de Lectura consistiu nunha festa un tanto orixinal. Organizamos un xogo de rol "Como organizar un asesinato" co episodio "El caso de la mansión Watersdown". Un xogo no que cada participante ten que descubrir quen é o asesino. O alumnado veu disfrazado para o evento, comemos algúns aperitivos e disfrutamos moito. Ao final do xogo, entregamos un diploma conmemorativo da participación no club e regaláronse uns libros - caderniños aos participantes."

DE NOMES E MANEIRAS


Recollemos:
"O club de lectura do CPI Cabo da Area leva por nomes LIBROS AO CABO, xogando co nome do centro e a dobre acepción da palabra e expresión ao cabo. Trátase de reflexar no nome tres das ideas máis importantes do club: traer libros ao Cabo (ao centro), xogar coa idea romántica de que ao cabo (ao fin) sempre están os libros e por último, ter en conta que ao cabo, os nenos de Laxe e deste CPI estamos a ler e que esta é a actividade na que se basea o noso club."

"Para buscar unha interrelación entre os dous grupos (do club) organizáronse as lecturas dacordo con nucleos temáticos de maneira que o tema foi compartido por ambos aínda que as obras eran distintas. Cada núcleo temático abarcou un mes.

(...) Os membros de cada club lerían un libro ó mes en común. Para os que terminaran axiña e quixeran ler máis, a moderadora proporíalles outras lecturas que xirasen en torno ao mesmo tema. Por iso deseñamos trípticos que recollesen os libros da biblioteca máis apropiados, tendo en conta a idade."

ENCONTROS PRESENCIAIS E VIRTUAIS


Unha das actividades máis comúns nos clubs de lectura son os encontros cos autores e autoras dos libros que se len.

Non sempre é doado conseguir que o creador se desprace... pero quen le está disposto a todo, a ir a "encontrarse" con el ou ela alá onde estea ou a realizar un encontro virtual a través dos novos medios.

Nos fotos vemos mostras dunha viaxe a Vigo (desde o Carballiño) para comentar con María Reymóndez O club da calceta ou da visita a través das NNTT de Agustín Fernández Paz.

Nada se pon por diante das ganas de facer!!!!!!!!!!!!

2/8/10

ASÍ SE PODE COMEZAR...


"É primeira vez que afrontamos a tarefa dun club de lectura. En cursos anteriores, sempre contamos na biblioteca cun grupo de alumnos entusiastas e grandes lectores e, aínda que sempre falamos das lecturas e había intercambio de opinións e suxestións de libros para ler e comprar, foi neste curso cando a idea tomou forma.

Fixemos os carteis publicitarios pertinentes, convocamos xuntanza... e naceu o noso club.

O noso lugar de encontro é sempre a biblioteca e decidimos tela un día en exclusiva: os venres, no segundo recreo sería o noso momento e así llelo fixemos saber á comunidade educativa: se alguén quería vir á biblioteca nese momento, tería que ser coas nosas condicións."

INCENTIVOS... AGASALLOS

Hai clubs que agasallan, cun dos libros do autor ou autora que vai vir ao centro, a aqueles membros que leron un ou varios dos seus libros.
Outros ... "Para fomentar a lectura desta obra fixemos un concurso durante dúas semanas no que preguntabamos cuestións sobre diferentes capítulos da novela. Aos gañadores respectivos de cada semana entregabámoslle un cheque para gastar nunha libraría que se atopa próxima ao centro."
E outros van de visita a librarías: "Finalmente terminamos a xornada indo a unha libraría na que cada un podía elixir o libro que quixera para ler no verán e á volta, no inicio do seguinte curso, intercambiar impresións; esta actividades foi moi interesante porque para os máis deles, er a primeira vez que ían a unha libraría a mercar un libro que nn fose de texto ou de lectura obrigatoria; tiñan pois que buscar entre as distintas seccións e tiveron que tomar a decisión de que libro lles apetecía para levarse á casa para ler."

ACTIVIDADES PROPOSTAS NUN CLUB


"Unha actividade proposta, tamén de carácter voluntario, foi a elaboración dun Diario de lecturas, no que cada lector recollería por escrito, tanto o seu parecer como os comentarios e impresións compartidas nas distintas reunións sobre cada libro; podería completarse con ilustracións, comentarios sobre personaxes favoritos, outro final posible, etc... Insistindo na voluntariedade desta actividade, como motivación para a súa realización, acordamos -entre todos- que o diario de lectura máis completo, sería premiado. Ese diario podería materializarse nun caderno ou no blogue do club."

OBXECTIVOS ACADADOS nun dos clubs


Así o escriben:

"Conseguiuse a finalidade perseguida polo grupo de profesorado colaborador do Club:

*O ludismo na lectura para tentar o achegamento ao libro desde outras vías: os xogos, a dramatización, a literatura escoitada...

*Ser protagonistas do feito lector, non só receptores pasivos.

*Motivar aos futuros lectores a través das representacións de contos aos pequenos e pequenas.

*Coñecer, no encontro co ilustrador, aos axentes do proceso creador.

*Disfrutar das Rotas Literarias e dos espazos dedicados aos libros como fonte enriquecedora das súas lecturas.

*Diversificar as lecturas.

*Observar a biblioteca como un espazo onde a lectura convive co lecer.

*E, obviamente, o fomento do hábito lector como unha necesidade básica do ser humano.

Ao tempo incidiuse no centro:

+ Dinamizando a biblioteca

+ Difundindo as súas actividades nos taboleiros, no blogue, na revista...

+ Implicando a outro profesorado no deseño e desenvolvemento de actividades.

+ Implicando a alumnado, profesorado, persoal non docente... nos programas."

DIFERENTES ACTIVIDADES PARA DIFERENTES LECTURAS


Nun club traballouse con "Labirintos e adiviñas lóxicas".

Así o explican:

"A través dos textos de Jorge Luis Borges (O Aleph), Malba Tahan ( O home que calculaba) e Raymond Smullyan (Como se chama este libro?) realizouse unha sesión baseada na concatenación de pequenas actividades nas que solucionamos adiviñas, lemos relatos e ffalamos dos distintos labirintos (os petroglifos celtas, o xogo da oca), reflexionamos sobre a metáfora do labirinto da vida que podía supor o xogo da oca e a metáfora do deserto, no texto de Borges, onde aprendimos as tres formas de repartir o pan, do libro de Tahan."

Pódese acceder á selección de texto a través do blogue.

OS CLUBS DE LECTURA TAMÉN...




Hai veces nas que os clubs de lectura, ademais das actividades propias dun club (no que len e se reúnen para falar de libros) organizan outros actos dirixidos a captar lectores, converténdose nun verdadeiro motor de fomento da lectura no centro.


Así...


Realizan presentacións de libros dirixidas aos compañeiros


Convértense en contadores de historias


Fan lecturas públicas


Promoven e coordinan encontros con creadores


Interveñen na radio escolar falando de libros


Investigan e difunden información de interese


Están atentos á celebración de conmemoracións e noticias relacionadas con autores e autoras

Realizan recitais poéticos
Organizan feiras do libro

Convocan concursos

Elaboran murais

...

Máis ben temos que preguntarnos que non fan por crear lectores.

30/7/10

MÁIS REFLEXIÓNS

Seguimos recollendo...

"En canto á cantidade de rapaces que forman parte do club... non temos problemas de "clientela" nova, xa que en primeiro de ESO sempre hai animosos lectores e apúntanse a todas as actividades que propoñemos. Pero o problema é o mantemento deses rapaces que empezaron moi ilusionados en primeiro, que en segundo montaron actividades impresionantes, pero xa empezaron a dispersarse, e que en terceiro desapareceron. Falando con eles do por que xa non queren vir, hai dúas tendencias: os que (coma sempre) eluden responsabilidades e din que "non era o que pensaban" ou "que están decepcionados" (normalmente cando unha lectura ou traballo reviste dificultade) e os que din que "o patio é o patio" e non o van sacrificar. Ó fin e ó cabo é aparcar o seu momento de reunión para ir a unha biblioteca."

AVANZAMOS?

Unha reflexión recollida na memoria dun club de lectura:

"Avanzamos?
Esta é a nosa pregunta nestes intres.
Non sempre se ve a realidade da mesma cor ou quizá é que entre a xente que nos apaixonamos con algúns temas, como a educación e a literatura (mestura moi perigosa), podemos tender a bipolaridades á hora de mirar cara atrás e ver cal é o froito do traballo realizado.
Queremos pensar, como no conto chinés que escoitamos hai un tempo, que o noso traballo é como a planta de bambú: durante anos medra cara abaixo e os marabillosos fíos verdes non saen ata tempo despois. Pero ese tempo é necesario, e as dúbidas sobre o noso traballo supoñemos que son normais."

RAZÓN DE SER

"O CLUB DE LECTURA do IES Álvaro Cunqueiro denominámolo "Merlín", nome que ta´mén recibe o blog do que dispoñemos. Un nome que nos remite ao mundo dos libros. Somos o Álvaro Cunqueiro e a nosa Miranda está na biblioteca, nos libros, na lectura."

Cal será a razón para que o do CPI O Cruce se chame Subela?

... E Salicornia o club do CPI Castro Baxoi?

... Camiños o do IES Luis Seoane?

... Engánchate o club do IES de Sanxenxo?

... Liber Amoenus o do IES Vilar Ponte?

... Deleria o club do CPI Vicente Otero Valcarcel?

... Pedra do Acordo o club de lectura do IES San Paio?

... Bibliolandia o do IES Poeta Díaz Castro?

... As pintoras daltónicas o do CPI dos Dices?

... Pata Sana o do IES de Mugardos?

... Argalleiros das palabras os do IES Castro da UZ?

... Coristranca o do CPI Alcalde Xosé Pichel?

...

E non fará falta preguntar por cal será o IES do club Bibliomariacasares nin o do Bibliotero!!!!