9/11/10

PECHE


Do que se di ao despedirse, nesa sesión final na que, querendo ou sen querer, se avalía o traballo feito en cada un dos clubs:
“Para o ano que ven tamén hai club?”
“Polo tanto non sobra dicir que o vindeiro curso repetiremos a experiencia… isto é a mellor avaliación que se pode facer.”
“O club é a realidade-ilusión que ten máis presenza no centro. E para o ano máis e mellor, porque cremos que a lectura fainos medrar a tod@s.”

Veñen "lendo" forte....


As nenas e os nenos do CEIP de Andrade, ao igual que os doutros centros de Primaria de Galicia, veñen pisando forte, e participan dunha forma entusiasta nos clubs de lectura que se organizan nos seus centros. Engadimos hoxe o Club de Lectura RAIOLECTORES á relación de Clubs de lectura, por dereito propio... Benvid@s!

21/10/10

LIBROS A EITO


Este curso, o mesmo que o pasado, seguimos a utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario a través de “libros a eito” con distintas bibliotecas escolares como o IES Fernando Esquío (Neda), IES Catabois (Ferrol), CPI A Baña, IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES de Mugardos e IES Antonio Fraguas (Santiago).
Quixéramos facer fincapé no positivo desta experiencia, porque no só se trata de optimizar recursos, co que isto implica de darnos a posibilidade de facer máis lecturas das que nun principio nos permiten os fondos obtidos a través da convocatoria, senón que nos dá a oportunidade de compartir lecturas cos membros de clubs amigos e mesmo organizar actividades conxuntas”

Nestas datas, coincidindo cos III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia 2010, varios centros están "quedando" para intercambiar libros. Quen máis se anima?

15/10/10

UNHA AVOA NO CLUB

A avoa conta...
“No club de lectura estou a facer unhas lectura impensables para min hai só uns meses.”
“Estou a disfrutar enormemente coa vosa compañía e coa lectura, que sempre me gustou moitísimo.”

Porque a comunidade escolar é moito máis ampla do que se podería pensar
Porque os avós son un grupo de idade a ter en conta.

14/10/10

LAZOS ENTRE OS MEMBROS DO CLUB


“Este grupo de lectores pertencen a diferentes pandillas do pobo; son de cursos educativos diversos; teñen caracteres, mesmo moi diverxentes, pero sábense membros dunha comunidade participativa e intercambian miradas de complicidade no vestíbulo ou nos corredores. Os lazos afectivos creados ao redor das lecturas van dando os seus froitos, e alumnos que antes se sentían raros polos seus intereses, saben agora que teñen con quen compartir afección.”

11/10/10

"Habemos de ir a Viana"

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Crónica dunha experiencia compartida: a viaxe a Viana que fixeron os clubs de lectura de tres institutos galegos: O IES de Porto do Son, o IES Aquis Celenis, de Caldas e o CPI de Cuntis. Recollida no blogue Etiqueles, da biblioteca do IES de Porto do Son

8/10/10

CLUB DE LECTURA, UNHA E OUTRA VEZ...


“A participación dos mediadores consistiu fundamentalmente en xestionarmos ou ofrecermos os turnos de palabra; só cando ninguén quería empezar o comentario, enchermos os posibles silencios, propormos outras interpretacións que aínda no se barallaran ou incorporarmos referencias persoais e afectivas respecto desas obras.
A comodidade coa que se sentían todos os membros dentro do club posibilitou comentarios moi persoais e interesantes sobre a experiencia lectora e a personalidade de cada un de nós. Ao final, todos e cada un dos participantes coñecían os gustos e preferencias lectoras dos demais.”

7/10/10

NOS COMEZOS


“Nos primeiros días de setembro algúns membros do club preguntaron cando comezaban as reunións, dando por suposto que este ía convocarse de novo. Para implicalos máis, propúxoselles que fosen eles os que convencesen aos posibles participantes: nós só lles proporcionamos unha listaxe dos requisitos que debían cumprir. Vestiron as camisetas do club e visitaron as aulas de todo o centro explicando cal era a proposta, a periodicidade, as vantaxes de pertencer a el...”

6/10/10

DE CONCLUSIÓNS


“Unha das conclusións que tiramos estes tres cursos é a de que na medida en que se dan tempos e espazos para a lectura, o desexo lector se abre, se contaxia... Para moitos é unha verdadeira revelación.

Alguén dixo da poesía que era un anxo que nos toca e xa non nos abandona. O mesmo podemos dicir da lectura.”

5/10/10

CONTA O ALUMNADO


“Neste tempo lin moitas obras diferentes. Achegueime á literatura galega, lin máis poesía e teatro do que acostumaba e coñecín un montón de autores novos. Quizás o club de lectura foi o empurrón que necesitaba para mergullarme nunha literatura máis complexa e adulta, á que por min soa quizais non tivera accedido.”

4/10/10

O club no proxecto educativo do centro

“En certo modo, este ano, tan significativo na curta vida dos Clubs de Lectura, supuxo un punto de inflexión, o fin dun ciclo laborioso e entusiasta, a partir do cal nos agardan outros cumes, coa seguranza de os poder acadar en base a unha maior formación, rigor e experiencia. (...)
Coidamos que esta experiencia está xa integrada no proxecto pedagóxico do instituto, instalada no seu imaxinario educativo, e no corazón de boa parte do alumnado e profesorado da nosa comunidade. Este é un feito transcendente, dun enorme valor pedagóxico, e sobre esta base teremos que seguir construíndo a nova sensibilidade lectora que anceiamos.
Nese “camiño de construción” dun sólido proxecto lector para o noso centro, o traballo do Club de lectura está resultando moi estimulante. Quizais sexa este feito, así como o pouso que deixa nos que participan da súa dinámica lectora e creativa, o seu maior logro, o seu maior motivo de orgullo.
Cómpre agardar, deixar madurecer o froito, pois no horto escolar a árbore da aprendizaxe sempre é xenerosa, e o desexo lector medra a base de paciencia e esperanza.”

1/10/10

Seguimos na colleita


Recollemos, anaquiño a anaquiño, para ir facendo camiño...

"Algúns conciben o club de lectura como “rede de lectores”, un espazo de discusión no que puidesen compartir as súas lecturas que fomentasen neles a conciencia de pertencer a unha comunidade de lectores, isto é, sentirse parte dun grupo de iguais a través do gusto compartido pola literatura, ou, noutras palabras, converter a literatura nunha vía para a integración.
(...)
Posto que o proxecto se concibe como unha actividade á marxe do estritamente académico, do obrigatorio, pareceunos fundamental respectar os ritmos do alumnado na súa maior ou menos vinculación ao proxecto.
(...) Incrementouse notablemente o alcance da actividade do club ao vencellala ao desenvolvemento paralelo dunha rede de blogs, concibidos como unha revista dixital, na que, desde un enfoque interdisciplinar, profesorado e alumnado puidesen traballar diferentes contidos e ferramentas; así como á radio na que se inclúen recomendacións lectoras, programas sobre literatura e anuncios nos que se informa das actividades do club. (...) Comezouse a trasladar boa parte da actividade do blogue ás redes sociais, especialmente Tuenti, ao ser a plataforma dixital máis empregada polo alumnado.
(...)Os nosos obxectivos foron contribuír á constancia lectora, isto é, valorar a lectura como unha actividade cotiá, non excepcional, presente non só en determinados espazos e momentos e, en particular, educar para o ocio."

30/9/10

COMPARTIR O LIDO. COMPENSAR DIFICULTADES


Así contan, o que se fai nun club...

"COMPARTIR O LIDO con outros compañeiros: a experiencia cultural compartida, o contaxio de entusiasmos, a xeración dunha rede de afectos, o intercambio de opinións e experiencias lectoras... a produción de grupos amistosos, o afianzamento do interese persoal pola lectura e a axuda á construción da propia identidade. Establecemento de afectividades ao compartir lecturas, espazos e tempos.
Realización de actividades que axudan a COMPENSAR DESIGUALDADES de tipo social e económico (suplindo carencias como a existencia de libros na casa, o feito de que os pais non saiban aconsellar lecturas ou non o fagan de acordo coa escola). A lectura pode servir como eixe para revertir espectativas negativas xeneradas polos factores sociais."

27/9/10

DE CLUBS E HORA DE LER


Así nolo contan...

"NO NOSO CENTRO o feito de desenvolver desde hai anos a actividade Hora de ler favorece o éxito do Club porque o alumnado está acostumado a manexar libros, ler por pracer e falar de libros. O club é outra vía máis para consolidar o hábito lector, favorece que os adolescentes continúen lendo e permite que profesorado e alumnado dialoguen e se coñezan mellor.
Pensamos que non se trata de ler moitos libros senón de gozar e aprender moito cos que se len. Para o profesorado é interesantísima esta actividade que permite coñecer ben os lectores e favorece unha relación afectiva entre todos os membros."

23/9/10

¡NUNCA NOS CANSAREMOS DE DICILO!


“Nun dos grupos participaban tamén estaban as profesoras de Audición e Linguaxe (AL) e a de Pedagoxía Terapéutica (PT). Foi moi interesante porque serviu para que o profesorado implicado na atención á diversidade participase e se abrise a unha nova liña de traballo que podía servir para apoio a alumnado con dificultades de aprendizaxe. Antes de comezar as sesións reunímonos todo o profesorado e comentamos un pouco o libro Dime de Aidan Chambers e como iamos facer: en ningún momento o alumnado tiña que sentir que a nosa opinión estaba por encima da deles senón que todos formabamos un grupo unido en torno aos libros e que todas as opinións eran válidas. Para o profesorado esta foi unha experiencia moi grata e da que aprendemos moito. (...)
Estamos moi satisfeitas sobre todo de que o noso Club permitise a atención á diversidade, que servise para a compensación de desigualdades."

21/9/10

VOCES FEMININAS NA BIBLIOTECA


As nais escriben...

“Nunha reunión tan agradable como é a da nosa cita na biblioteca, cada ano asistimos a un encontro, que é unha ledicia, e que coincide co inicio da nosa aventura de descubrir o mundo a través das páxinas dos libros.
Este encontro vai seguido da despedida dalgunhas compañeiras e da chegada doutras. De todas formas, entre todas nace un vínculo, o dos libros.
De novo a viaxe literaria toca ao seu fin, pero só polo de agora, Ana, non te libras de nós tan facilmente, cando nos invitaches a ler o mundo.”

20/9/10

REUNIÓN FINAL DE VALORACIÓN


"Celebramos unha reunión final á que asistimos todos os membros dos diferentes grupos do Club. Trátase dun momento de valoración da actividade e de reflexión sobre os obxectivos acadados. O 95% dos lectores repetirán no club o vindeiro curso.

En xeral, todos destacaron a importancia de compartir con outras persoas a paixón pola lectura para, deste xeito, aprender a interpretar os textos de diferentes maneira e atopar segundos significados ás historias lidas.

Outros salientan a importancia das reunións para entender mellor os libros e a súa temática, e achegarse a lecturas que por si sós nunca realizarían."

A IDEA ...


"A idea de levar a cabo esta actividade xorde no curso 2007-2008 coa intención de fomentar a lectura nun grupo de lectores que decide, por gusto e non por deber, reunirse periodicamente para falar e compartir lecturas, experiencias, gustos, inquedanzas e opinións.
Esta actividade pretende potenciar o criterio persoal para que sexan os propios lectores os que desenvolvan a curiosidade polos libros, sen necesidade de intermediarios, procurando na lectura entretemento e coñecemento, pracer e cultura.
Por outra banda, a nosa intención tamén foi colaborar na adquisición da competencia básica no emprego das TIC como fonte de obtención de información e como soporte de divulgación das propias creacións, como un instrumento máis para "aprender a aprender".
O punto de partida para acadar estes obxectivos é a propia biblioteca como espazo de lectura imprescindible e como lugar ao que eles mesmos sintan a necesidade de acudir."

CINEFÓRUM no CLUB


"Celebrouse unha tarde por trimestre. As películas estaban vinculadas aos contidos dos libros que se leron. esta novidade pretendeu conciliar o cine coa literatura, e espertar así a súa sensibilidade. Que vexan que tamén se pode analizar o comportamento de personaxes e temáticas, no cine igual que na literatura. Para facerlles máis atractiva a actividade, que xa de por si o é, permitíuselles asistir ao cinefórum acompañados de amigos, coñecidos ou mesmo familiares de calquera idade, co obxectivos de acadar máis membros para o club. Sería enriquecedor que os pais se involucrasen dalgún xeito."

O NOME DO CLUB


"O nome do noso club, Avelaíña, explícase porque as avelaíñas son as bolboretas nocturnas que voan ao redor da luz, e o primeiro curso que se desenvolveu o club gustounos este nome pois nos pareceu unha boa metáfora, elas voan ao redor da luz coma nós nos reunimos ao redor dos libros para falarmos deles."

17/9/10

OS XOVES ÁS CATRO


Escribe unha alumna participante:
“Coas mans cheas de libros
Así é como abandonamos esta aventura, e digo aventura porque non se me ocorre outro termo no que conflúan todas as reunións que tivemos durante estes dous cursos. Todas e cada unha delas conformaron este pequeno universo literario que nos rodea, porque, ao fin, foron os propios libros os que nos emocionaron, os que nos ollaron, os que nos releron, os que nos analizaron. Foron eles os que alimentaron cada historia, todas en ringleira, como agardando por nós.
Neste remate, tan só me queda un sentimento profundo de devoción pola literatura, e xunto a el, unha grandísima gratitude a todo o que representa este club. A todas as relacións que, dentro del e a través das páxinas escritas, naceron en cada comentario, en cada risa, en cada historia e nesta paixón común reavivada os xoves ás catro.”

16/9/10

COMENTARIOS DO COORDINADOR DUN CLUB


“Desde a coordinación só podemos ter palabras de gratitude por tod@s @s integrantes do club. Foron unha ducia de sesións nas que compartimos debate intenso, amor pola literatura, ideas, risos... E sabemos que nada disto sería posíbel sen o tesón que supón combinar o rendemento académico coa paixón pola lectura. Eramos conscientes de que o ritmo que se propuña era elevado e, sen embargo, souberon responder con sorprendente madurez. Os seus comentarios nas sesións en común sempre foron acertados. Aprendemos tod@s. Este coordinador ten que recoñecer que a lectura de obras consagradas, pasadas pola peneira dunhas novas olladas, sempre lle aportou sensacións diferentes.”

15/9/10

ENQUISAS aos membros do CLUB


Recollemos...

"Os resultados foron moi satisfactorios e o conxunto da experiencia foi altamente positivo.
Resulta tamén alentador as respostas ás preguntas nas que se pedía o aspecto máis positivo e o aspecto susceptible de mellorar, porque en ambos se incide na importancia de compartir, de escoitar, de aprender do compañeiro, de descubrir... en definitiva, de gozar da experiencia da lectura compartida.
No último apartado de observacións, o agradecemento e a vontade de seguir pertencendo ao club foron os aspectos máis repetidos."

COINCIDINDO...?


"Os obxectivos marcados polo club de lectura estaban directamente relacionados coa necesidade de fomentar a lectura entre o alumnado do centro e crear novos espazos e vencellos de comunicación e afecto entre os membros da comunidade educativa.


O principal atranco co que nos encontramos foi a dificultade para establecer reunións periódicas de carácter presencial debido a que os nosos alumnos e alumnas se desprazan diariamente en transporte escolar."

SEGUIREMOS TRABALLANDO...




Así nolo contan...

"Seguiremos traballando, convencid@s como estamos de que ler é unha actividade interesante e divertida e que a tod@s @s que nos lemos nos gusta moito contar o que lemos, cando nos gusta e mesmo cando nos gusta menos, pero que sempre queremos contar algo e expresarnos dalgunha maneira. Este, os clubs de lectura, son un instrumento magnífico para conseguir este obxectivo."