7/5/09

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O 5 de xuño de 2009 terá lugar en Santiago de Compostela, nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública) a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA correspondente ao curso 08/09. Participará o profesorado que coordina os 149 clubs de lectura que resultaron seleccionados na convocatoria da entón Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 31 de outubro de 2008, para incentivar o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (Resolución do 30 de decembro de 2008).
Esta xornada formativa pretende ser un espazo para o intercambio de experiencias e a reflexión conxunta en relación coas fórmulas máis axeitadas para a consolidación de hábitos de lectura e a mellora da competencia literaria do alumnado xove. Está prevista a participación da escritora Rosa Aneiros, a profesora da UAB, Mireia Manresa, e Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana, as responsables do programa Leer juntos, experiencia aragonesa de longa traxectoria, amplo recoñecemento e notable influencia en moitas iniciativas posteriores de traballo de fomento da lectura coas familias. haberá tamén unha Mesa de experiencias con participantes de varios dos clubs de lectura de centros de ensino de Galicia.