24/1/19

50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura. Curso 2017/2018

Publícanse os 50 títulos máis lidos no conxunto dos clubs de lectura adscritos o programa CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante o curso 2017/2018, en centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Durante o curso 2017/2018 participaron desta iniciativa un mínimo de 231 clubs de lectura (que foron os que recibiron asignación específica para o seu funcionamento).Unha lectura detallada desta relación fala da diversidade de lecturas presentes nestes grupos de lectura.

4/1/19

Resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019

Club de lectura do IES Agra de Raíces (Cee, A Coruña)
O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019, segundo Resolución do Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 31 de decembro de 2018. Distribúense contías, por un importe global de 215.000€ para o funcionamento de grupos de lectura en 243 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Ensinanzas de Réxime Especial. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquiran pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librarías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistencia ao teatro, sempre en actividades relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.