31/10/13

Por que nos enriquecen os clubs de lectura?

                                                                                         No roteiro Sarmiento
"Foi enriquecedor escoitar as opinións do alumnado, moitas veces sorprendentes pero atinadas, comprobar a paixón dalgúns con algún dos libros e gozar dun ambiente relaxado arredor da lectura. Fóronse creando lazos entre nós que contribuíron ao noso enriquecemento persoal, facéndonos máis agradable a vida no Instituto. A lectura compartida engádelle valor e estimula o hábito lector. Estamos aprendendo, estamos pasándoo ben.(...)
A avaliación global non pode ser máis que positiva, o Club cumpre os obxectivos de fomento da lectura e de núcleo de integración e convivencia do alumnado. O Club é motor da difusión do hábito lector no IES, a porta de entrada á Biblioteca e aos seus fondos, un elemento central e de prestixio dentro da vida educativa."
Retelladores do galiñeiro. IES Antón Losada Diéguez (A Estrada)

30/10/13

Obxectivos acadados

                                                                                               Mercadiño de libroxs no CPI da Ribeira
 Despois de cinco cursos na coordinación do Club Lectour@s (CPI Fonte Díaz, Touro) fálase de obxectivos acadados:
 - A fidelidade do alumnado, que acudiu, puntualmente, nos recreos dos mércores. Constancia, fidelidade e sacrificio.

- A capacidade dos rapaces e rapazas, gradualmente, para intervir máis nas sesións. Trátase de potenciar a capacidade de intervención pública, apreciándose unha mellora na expresión.
- A potenciación do traballo en equipo.
- A posibilidade de abrir o ámbito escolar cara á vida mesma, cara á sociedade.
- A desmitificación da lingua poética e a súa paroximación aos rapaces, como algo vivo e que pode conectar coas súas inquedanzas.
A consecución da normalización ligüística e a integración participativa de profesorado e alumnado nas actividades do club.
- A posibilidade deunha escolarización en valores, dunha educación emocional e afectiva, algo que vai máis alá dos coñecementos e saberes e que aqtinxe á visión do alumnado como persoa, na súa dimensión integral.

29/10/13

Cómo escoller as lecturas...

                                                                                         IES Ramón Cabanillas
Cóntanos un club:
"Como facemos tódolos anos, este curso convocouse unha primeira xuntanza na que se abriu un debate para propoñer lecturas. Os participantes fan as súas achegas e, de xeito consensuado, decídese por cal se comeza. A partir de aquí, a selección das seguintes obras fíxose seguindo criterios moi diversos. Nalgúns casos, unhas lecturas levaron a outras: o feito de que unha determinada obra xurdira no debate sobre outra foi, en ocasións, o motivo de que se sucitase o interese por traballala no club. En outros, tratouse máis ben de cuestións circunstanciais, de seleccións motivadas polo interese particular dalgún membro por abordar a lectura e o comentario dalgunha obra específica. En algún caso retomouse algunha proposta feita xa no curso anterior e que nonb puidera, por cuestións de tempo, levarse adiante."
Nautilus. IES Fernando Blanco (Cee)
A maneira de conseguir estes libros tamén nos limita, ás veces. Entón é o momento de lembrar o blogue Libros a eito, porque en tempos de crise seguiremos a ler.

28/10/13

Clubs e normalización lingüística



                                                                                   IES Frei Martín Sarmiento
"Este curso, o club de lectura estivo coordinado, coma no curso anterior, en gran medida, polo Equipo de Dinamización Lingüística, que decidiu dende un principio implicarse, tanto na elección dos libros coma no deseño das dinámicas. Esta implicación veu dada polas conclusións sacadas da memoria final de actividades da biblioteca do curso 2009/2010, na que se recolleu que, para lectura libre, o alumnado escollía preferentemente obras en castelán, polo que os préstamos bibliotecarios de libros en lingua galega eran moi inferiores, en procentaxe aos de castelán.
Polo tanto cumpría planificar actividades que levasen a fomentar a lectura en galego e acadar un equilibrio necesario." 
Do Club Os Vios - bardos do IES de Viós

Finalidades dun club


                                                                               Foto: Club de lectura do IES Val do Tea
"O Club de Lectura Nautilus como ferramenta enmarcada dentro do Proxecto lector, ten como finalidade primordial a do fomento da lectura crítica e reflexiva en contextos de participación activa, desvinculados do estritamente académico. Tódalas actividades desenvolvidas dentro do ámbito de actuación do club teñen como principal obxectivo o de suscitar o interese polos textos literarios e anrir vías diversas de profundización no seu contido, ebn a través da discusión moderada, ben a través do acceso guiado a formas distintas de coñecemento."
(Club de Lectura Nautilus, IES Fernando Blanco, Cee)

25/10/13

Bibliotecas na rúa e lecturas do club

 

Así se nos conta, desde o Club "O buraco de Tobías" (IES Chamoso Lamas. O Carballiño):

Biblioteca na Rúa.

A través da Biblioteca do Chamoso convocouse a outras bibliotecas de Carballiño para poñer postos de libros na rúa e animar ó pobo para facerse socio das distintas bibliotecas. Ao mesmo tempo, un grupo de alumnos (participación da maior parte dos integrantes do Club Lector) lía fragmentos de autores representativos da literatura universal, intercalado cunha actuación dun grupo de música medieval. 
TODO UN ÉXITO!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Pode verse neste enlace.

23/10/13

Memorias dos Clubs (1)

                                                                              Club de lectura do IES Val do Tea
 Do club Tesmoitoconto (CPI A Picota)
"Queremos aportar unha valoración moi positiva con respecto á lectura posto que o alumnado deste Club disfrutaba tremendamente reflexionando sobre os libros lidos, por riba de calquera outro tipo de actividade relacionada coa mesma. Por outra banda, parécenos moi importante sinalar que algúns dos rapaces e rapazas que pertencían ao Club non son grandes lectores, polo que o xeito de participar neste tipo de actividades, por iniciativa propia ten para todos nós un valor moi positivo. Outros, os máis lectores aportaron os seus gustos e as súas suxerencias sobre posibles lecturas que lles gustaría que formasen parte da biblioteca do centro, e dende o equipo tivéronse en conta para renovar os seus fondos.
Sen dúbida, a participación deste alumnado no Club de Lectura contribuíu non só ao seu desenvolvemento persoal, aumentando a súa capacidade para sintetizar e expoñer as súas opinións... senón que tamén axudou a facer que este alumnado se integrase máis na vida do centro e especialmente na biblioteca do mesmo."

22/10/13

O que escriben os clubs


                                                                                                Voar cos libros. IES República Oriental do Uruguai
"En canto á consecución dos obxectivos marcados inicialmente, pensamos que. de forma xeral, cumpríronse. Os alumnos e alumnas disfrutaron coas lecturas e actividades elixidas. Participaron nos debates expresando opinións ou simplemente escoitando, e aprenderon a tolerar ideas moitas veces contrarias ás súas. (...)
Un dos nosos obxectivos principais era ser capaces de xerar un sentimento de "pertenza a un grupo" e pensamos que o conseguimos, entre outras cousas grazas ás actividades que englobaban a todo o Club como a visita á Biblioteca Pública, as saídas teatrais ou as comidas que compartiron maiores e pequenos misturados. Tamén notamos como rapaces e rapazas que non estaban no Club sentían interese polo que faciamos e animáronse a formar parte deste ao longo do curso."

15/10/13

Mercadiño de libros no IES Lama das Quendas (Chantada, Lugo)

 
"A biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas, en colaboración co club de lectura "A Quenda do libro", promove un Mercadiño de libros  que servirá para conmemorar  o Día Internacional das Bibliotecas Escolares e , ao tempo, favorecerá a convivencia  e a solidariedade entre as diferentes persoas que conforman a comunidade escolar e o gusto polos libros.
 

2/10/13

Comezan a andar os clubs de lectura

 
Nestes inicios de curso as bibliotecas escolares botan a andar os seus servizos e programas. Aquelas nas que funciona o club de lectura comezan a convocar ao alumnado co fin de organizar os diversos grupos de lectura, en función da demanda, dos niveis de idade, dos intereses, do profesorado implicado. Velaquí temos o exemplo do IES LAMA DAS QUENDAS, de Chantada (Lugo), e do éxito que acadou na primeira convocatoria entre o alumnado.