29/4/10

Os clubs de lectura galegos espertan interese fóra de Galicia

O martes 27 de abril, Cristina Novoa, en representación da Consellería de Educación, participou no VIII Encuentro Provincial de Lectura y Biblioteca Escolar, organizado por la coordinación provincial del Plan de Lectura y Biblioteca de la Consejería de Educación en Málaga. Pedíuselle desde a organización que explicase as políticas de incentivación de clubs de lectura en centros de ensino que se están levando a cabo desde a administración educativa galega, que tanto interese están espertando polos seus excelentes resultados. Ao tempo, pedíuselle unha colaboración sobre o mesmo tema para incluír no nº 40 da revista LIBRO ABIERTO que inicia con este número a súa andadúra plenamente dixital. O artigo títulase "Construyendo sociedad lectora: clubs de lectura en centros de enseñanza secundaria en Galicia". A publicación contén outros artigos e informacións ben interesantes sobre a lectura compartida, as tertulias literarias, a mediación... así como recensións de publicacións recentes sobre estas temáticas.
A presentación empregada na charla intentaba exemplificar a inxente actividade que levan a cabo os clubs de lectura dos centros galegos, así como dar fe da súa diversidade.

FALANDO DE LIBROS NA BIBLIOTECA ESCOLAR


Falamos de libros nos clubs de lectura, nas tertulias literarias, nas presentacións ou nas conferencias do autor arredor da temática do seu libro. Disto último trata a entrada do blogue (Bibliesada) da biblioteca Luisa Villalta do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.
Falar de libros, intercambiar información e opinións, compartir dúbidas, entrar no mundo que se crea no libro...

27/4/10

TERTULIAS LITERARIAS


Facémonos eco, desta outra maneira de reunirse para falar de libros.
O Liceo de Ourense convoca mozos e mozas de diferentes institutos arredor dun título; facíao o 14 de abril, e participaban o IES Lagoa de Antela, o IES Cidade de Antioquia e o IES de Allariz. O libro, unha xoia, Zara y el librero de Bagdad de Fernando Marías, co que acadara o premio Gran Angular.
Non era a primeira vez, o blogue da biblioteca do IES de Allariz recollía, tamén, unha tertulia anterior para falar do libro de Marilar Aleixandre ganador do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, A cabeza da Medusa.
E outras actividades complementan estes faladoiros, coma o roteiro literario da Esmorga.
Parabéns aos organizadores porque saben o que levan entre as mans.

19/4/10

CLUBS NA PRENSA


El Progreso” de Lugo, a través do titular “O pracer de compartir letras”, faise eco da andaina do club de lectura do IES Moncho Valcarce en colaboración coa biblioteca municipal.
Leamos:
"(...)Un grupo de vinte persoas das Pontes participan dende hai un ano no club de lectura, organizado pola biblioteca municipal e maila do IES Moncho Valcarce. A súa forma de traballo é sinxela: cada mes elixen unha obra e, unha vez rematada, reúnense tódolos membros para comentala, compartir opinións, falar da historia que pretende transmitir, do estilo do autor... nunha conversa entre compañeiros interesados no mundo da literatura.
(...)
As tertulias dos membros do club celébranse sempre na biblioteca, a partir das 20.00 horas, momento no que pecha as portas ó público. Aparte de comentar os libros, ás veces, fan actividades complementarias e nalgunhas ocasións convidan ao propio autor para que mostre a súa perspectiva da obra. Así, xa pasaron por As Pontes Teresa Moure, Anxos Sumai ou Santiago Jaureguizar.(...)"

6/4/10

NOS CLUBS TAMÉN ...




NOS CLUBS TAMÉN ... SE LE TEATRO. E se non preguntádelle aos de Balbordo, que andan a voltas coas obras dramáticas e os autores como Ibsen, Salgueiro e Cedena, ou os de trafegando ronseis 2 que len e falan de Shakespeare e o seu "Romeo e Xulieta".


NOS CLUBS TAMÉN se comparte blogue como sucede con Ex libris ... no que escriben os do IES Félix Muriel e do CPI Cernadas de Castro.


Outros semella que recomendan NON LER como os do IES Vilar Ponte de Viveiro.

Pero todos todos todos todos... que digo todos! todas todas todas!! len e escriben nos cadernos, nos blogues, no aire e na auga, na area e na terra, nas aulas e na biblioteca, na casa e na escola.