21/10/10

LIBROS A EITO


Este curso, o mesmo que o pasado, seguimos a utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario a través de “libros a eito” con distintas bibliotecas escolares como o IES Fernando Esquío (Neda), IES Catabois (Ferrol), CPI A Baña, IES Pedra da Aguia (Camariñas), IES de Mugardos e IES Antonio Fraguas (Santiago).
Quixéramos facer fincapé no positivo desta experiencia, porque no só se trata de optimizar recursos, co que isto implica de darnos a posibilidade de facer máis lecturas das que nun principio nos permiten os fondos obtidos a través da convocatoria, senón que nos dá a oportunidade de compartir lecturas cos membros de clubs amigos e mesmo organizar actividades conxuntas”

Nestas datas, coincidindo cos III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia 2010, varios centros están "quedando" para intercambiar libros. Quen máis se anima?

15/10/10

UNHA AVOA NO CLUB

A avoa conta...
“No club de lectura estou a facer unhas lectura impensables para min hai só uns meses.”
“Estou a disfrutar enormemente coa vosa compañía e coa lectura, que sempre me gustou moitísimo.”

Porque a comunidade escolar é moito máis ampla do que se podería pensar
Porque os avós son un grupo de idade a ter en conta.

14/10/10

LAZOS ENTRE OS MEMBROS DO CLUB


“Este grupo de lectores pertencen a diferentes pandillas do pobo; son de cursos educativos diversos; teñen caracteres, mesmo moi diverxentes, pero sábense membros dunha comunidade participativa e intercambian miradas de complicidade no vestíbulo ou nos corredores. Os lazos afectivos creados ao redor das lecturas van dando os seus froitos, e alumnos que antes se sentían raros polos seus intereses, saben agora que teñen con quen compartir afección.”

11/10/10

"Habemos de ir a Viana"

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Crónica dunha experiencia compartida: a viaxe a Viana que fixeron os clubs de lectura de tres institutos galegos: O IES de Porto do Son, o IES Aquis Celenis, de Caldas e o CPI de Cuntis. Recollida no blogue Etiqueles, da biblioteca do IES de Porto do Son

8/10/10

CLUB DE LECTURA, UNHA E OUTRA VEZ...


“A participación dos mediadores consistiu fundamentalmente en xestionarmos ou ofrecermos os turnos de palabra; só cando ninguén quería empezar o comentario, enchermos os posibles silencios, propormos outras interpretacións que aínda no se barallaran ou incorporarmos referencias persoais e afectivas respecto desas obras.
A comodidade coa que se sentían todos os membros dentro do club posibilitou comentarios moi persoais e interesantes sobre a experiencia lectora e a personalidade de cada un de nós. Ao final, todos e cada un dos participantes coñecían os gustos e preferencias lectoras dos demais.”

7/10/10

NOS COMEZOS


“Nos primeiros días de setembro algúns membros do club preguntaron cando comezaban as reunións, dando por suposto que este ía convocarse de novo. Para implicalos máis, propúxoselles que fosen eles os que convencesen aos posibles participantes: nós só lles proporcionamos unha listaxe dos requisitos que debían cumprir. Vestiron as camisetas do club e visitaron as aulas de todo o centro explicando cal era a proposta, a periodicidade, as vantaxes de pertencer a el...”

6/10/10

DE CONCLUSIÓNS


“Unha das conclusións que tiramos estes tres cursos é a de que na medida en que se dan tempos e espazos para a lectura, o desexo lector se abre, se contaxia... Para moitos é unha verdadeira revelación.

Alguén dixo da poesía que era un anxo que nos toca e xa non nos abandona. O mesmo podemos dicir da lectura.”

5/10/10

CONTA O ALUMNADO


“Neste tempo lin moitas obras diferentes. Achegueime á literatura galega, lin máis poesía e teatro do que acostumaba e coñecín un montón de autores novos. Quizás o club de lectura foi o empurrón que necesitaba para mergullarme nunha literatura máis complexa e adulta, á que por min soa quizais non tivera accedido.”

4/10/10

O club no proxecto educativo do centro

“En certo modo, este ano, tan significativo na curta vida dos Clubs de Lectura, supuxo un punto de inflexión, o fin dun ciclo laborioso e entusiasta, a partir do cal nos agardan outros cumes, coa seguranza de os poder acadar en base a unha maior formación, rigor e experiencia. (...)
Coidamos que esta experiencia está xa integrada no proxecto pedagóxico do instituto, instalada no seu imaxinario educativo, e no corazón de boa parte do alumnado e profesorado da nosa comunidade. Este é un feito transcendente, dun enorme valor pedagóxico, e sobre esta base teremos que seguir construíndo a nova sensibilidade lectora que anceiamos.
Nese “camiño de construción” dun sólido proxecto lector para o noso centro, o traballo do Club de lectura está resultando moi estimulante. Quizais sexa este feito, así como o pouso que deixa nos que participan da súa dinámica lectora e creativa, o seu maior logro, o seu maior motivo de orgullo.
Cómpre agardar, deixar madurecer o froito, pois no horto escolar a árbore da aprendizaxe sempre é xenerosa, e o desexo lector medra a base de paciencia e esperanza.”

1/10/10

Seguimos na colleita


Recollemos, anaquiño a anaquiño, para ir facendo camiño...

"Algúns conciben o club de lectura como “rede de lectores”, un espazo de discusión no que puidesen compartir as súas lecturas que fomentasen neles a conciencia de pertencer a unha comunidade de lectores, isto é, sentirse parte dun grupo de iguais a través do gusto compartido pola literatura, ou, noutras palabras, converter a literatura nunha vía para a integración.
(...)
Posto que o proxecto se concibe como unha actividade á marxe do estritamente académico, do obrigatorio, pareceunos fundamental respectar os ritmos do alumnado na súa maior ou menos vinculación ao proxecto.
(...) Incrementouse notablemente o alcance da actividade do club ao vencellala ao desenvolvemento paralelo dunha rede de blogs, concibidos como unha revista dixital, na que, desde un enfoque interdisciplinar, profesorado e alumnado puidesen traballar diferentes contidos e ferramentas; así como á radio na que se inclúen recomendacións lectoras, programas sobre literatura e anuncios nos que se informa das actividades do club. (...) Comezouse a trasladar boa parte da actividade do blogue ás redes sociais, especialmente Tuenti, ao ser a plataforma dixital máis empregada polo alumnado.
(...)Os nosos obxectivos foron contribuír á constancia lectora, isto é, valorar a lectura como unha actividade cotiá, non excepcional, presente non só en determinados espazos e momentos e, en particular, educar para o ocio."