30/1/14

Twitter de Bibliotecas Escolares de Galicia

Co nome @bescolaresgal, a Asesoría de bibliotecas escolares abríu conta en Twitter e alí imos dando noticia do que se vai facendo, pero tamén informacións varias relacionadas coa lectura, coas bibliotecas, coas recursos dixitais, coa educación en definitiva.

Os clubs van á radio

Un exemplo máis de como os clubs de lectura están ampliando actividade e sementando lecturas polo país adiante. Desta vez son as alumnas do Club de Lectura CORISTRANCA (Un club de lectura con retranca), do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña) as que aproveitan as posibilidades da radio, e neste caso da emisora CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña. 
No blogue do club de lectura temos toda a información sobre este club, e nesta ligazón, o podcast desta emisión radiofónica, fermosísimo momento de exaltación e de vivencia gozosa da lectura. Absolutamente recomendado!

Club de lectura de adultos no CEIP A Gándara

Coma en moitos outros centros, no CEIP A Gándara, de Monforte,  existe un club de lectura no que participan profesorado e famillias (e polo que vemos na imaxe, principalmente nais e profesoras). No seu blog podemos ver a programación de lecturas que teñen para os vindeiros meses e tamén lemos que algúns membros do club, inda que non poden asistir ás reunións, si queren participar das lecturas. Un xermolo máis de sociedade lectora agromando en Monforte de Lemos!!