21/9/10

VOCES FEMININAS NA BIBLIOTECA


As nais escriben...

“Nunha reunión tan agradable como é a da nosa cita na biblioteca, cada ano asistimos a un encontro, que é unha ledicia, e que coincide co inicio da nosa aventura de descubrir o mundo a través das páxinas dos libros.
Este encontro vai seguido da despedida dalgunhas compañeiras e da chegada doutras. De todas formas, entre todas nace un vínculo, o dos libros.
De novo a viaxe literaria toca ao seu fin, pero só polo de agora, Ana, non te libras de nós tan facilmente, cando nos invitaches a ler o mundo.”

20/9/10

REUNIÓN FINAL DE VALORACIÓN


"Celebramos unha reunión final á que asistimos todos os membros dos diferentes grupos do Club. Trátase dun momento de valoración da actividade e de reflexión sobre os obxectivos acadados. O 95% dos lectores repetirán no club o vindeiro curso.

En xeral, todos destacaron a importancia de compartir con outras persoas a paixón pola lectura para, deste xeito, aprender a interpretar os textos de diferentes maneira e atopar segundos significados ás historias lidas.

Outros salientan a importancia das reunións para entender mellor os libros e a súa temática, e achegarse a lecturas que por si sós nunca realizarían."

A IDEA ...


"A idea de levar a cabo esta actividade xorde no curso 2007-2008 coa intención de fomentar a lectura nun grupo de lectores que decide, por gusto e non por deber, reunirse periodicamente para falar e compartir lecturas, experiencias, gustos, inquedanzas e opinións.
Esta actividade pretende potenciar o criterio persoal para que sexan os propios lectores os que desenvolvan a curiosidade polos libros, sen necesidade de intermediarios, procurando na lectura entretemento e coñecemento, pracer e cultura.
Por outra banda, a nosa intención tamén foi colaborar na adquisición da competencia básica no emprego das TIC como fonte de obtención de información e como soporte de divulgación das propias creacións, como un instrumento máis para "aprender a aprender".
O punto de partida para acadar estes obxectivos é a propia biblioteca como espazo de lectura imprescindible e como lugar ao que eles mesmos sintan a necesidade de acudir."

CINEFÓRUM no CLUB


"Celebrouse unha tarde por trimestre. As películas estaban vinculadas aos contidos dos libros que se leron. esta novidade pretendeu conciliar o cine coa literatura, e espertar así a súa sensibilidade. Que vexan que tamén se pode analizar o comportamento de personaxes e temáticas, no cine igual que na literatura. Para facerlles máis atractiva a actividade, que xa de por si o é, permitíuselles asistir ao cinefórum acompañados de amigos, coñecidos ou mesmo familiares de calquera idade, co obxectivos de acadar máis membros para o club. Sería enriquecedor que os pais se involucrasen dalgún xeito."

O NOME DO CLUB


"O nome do noso club, Avelaíña, explícase porque as avelaíñas son as bolboretas nocturnas que voan ao redor da luz, e o primeiro curso que se desenvolveu o club gustounos este nome pois nos pareceu unha boa metáfora, elas voan ao redor da luz coma nós nos reunimos ao redor dos libros para falarmos deles."

17/9/10

OS XOVES ÁS CATRO


Escribe unha alumna participante:
“Coas mans cheas de libros
Así é como abandonamos esta aventura, e digo aventura porque non se me ocorre outro termo no que conflúan todas as reunións que tivemos durante estes dous cursos. Todas e cada unha delas conformaron este pequeno universo literario que nos rodea, porque, ao fin, foron os propios libros os que nos emocionaron, os que nos ollaron, os que nos releron, os que nos analizaron. Foron eles os que alimentaron cada historia, todas en ringleira, como agardando por nós.
Neste remate, tan só me queda un sentimento profundo de devoción pola literatura, e xunto a el, unha grandísima gratitude a todo o que representa este club. A todas as relacións que, dentro del e a través das páxinas escritas, naceron en cada comentario, en cada risa, en cada historia e nesta paixón común reavivada os xoves ás catro.”

16/9/10

COMENTARIOS DO COORDINADOR DUN CLUB


“Desde a coordinación só podemos ter palabras de gratitude por tod@s @s integrantes do club. Foron unha ducia de sesións nas que compartimos debate intenso, amor pola literatura, ideas, risos... E sabemos que nada disto sería posíbel sen o tesón que supón combinar o rendemento académico coa paixón pola lectura. Eramos conscientes de que o ritmo que se propuña era elevado e, sen embargo, souberon responder con sorprendente madurez. Os seus comentarios nas sesións en común sempre foron acertados. Aprendemos tod@s. Este coordinador ten que recoñecer que a lectura de obras consagradas, pasadas pola peneira dunhas novas olladas, sempre lle aportou sensacións diferentes.”

15/9/10

ENQUISAS aos membros do CLUB


Recollemos...

"Os resultados foron moi satisfactorios e o conxunto da experiencia foi altamente positivo.
Resulta tamén alentador as respostas ás preguntas nas que se pedía o aspecto máis positivo e o aspecto susceptible de mellorar, porque en ambos se incide na importancia de compartir, de escoitar, de aprender do compañeiro, de descubrir... en definitiva, de gozar da experiencia da lectura compartida.
No último apartado de observacións, o agradecemento e a vontade de seguir pertencendo ao club foron os aspectos máis repetidos."

COINCIDINDO...?


"Os obxectivos marcados polo club de lectura estaban directamente relacionados coa necesidade de fomentar a lectura entre o alumnado do centro e crear novos espazos e vencellos de comunicación e afecto entre os membros da comunidade educativa.


O principal atranco co que nos encontramos foi a dificultade para establecer reunións periódicas de carácter presencial debido a que os nosos alumnos e alumnas se desprazan diariamente en transporte escolar."

SEGUIREMOS TRABALLANDO...




Así nolo contan...

"Seguiremos traballando, convencid@s como estamos de que ler é unha actividade interesante e divertida e que a tod@s @s que nos lemos nos gusta moito contar o que lemos, cando nos gusta e mesmo cando nos gusta menos, pero que sempre queremos contar algo e expresarnos dalgunha maneira. Este, os clubs de lectura, son un instrumento magnífico para conseguir este obxectivo."

14/9/10

NOMES PARA UN CLUB


"Os comelibros"
"Amigos da lectura"
"Palabras"
"Lectores sen fronteiras"
"Co libro á tumba"
"Books to power"
"Lerias"
"O obradoiro das letras de Firmin"
"Andaina literaria"
"O cofre do tesouro"
"Coristranca"
"Merlín"
"O recuncho de Tobías"
"Lendo no galiñeiro"
"Valdeláncara"
"Lectour@s"
"A Cova das Palabras"
"DeManenMan"
"Marole"
"Lecturas leirantes"
"Alborada"
"Bibliodoce"
"Devoralibros"
"A nora dos libros"
"Mareia"
"Ortegalendo"
"Vaidelibros"
... e varios centros máis

MÁIS REFLEXIÓNS


"O café das tres que trae a profe e os doces dos rapaces son xa unha tradición na sobremesa dos luns no IES. Algún pregunta: "É certo que tomades café nas reunións do Club? E aínda me podo apuntar?" Un día pretendín cancelar a reunión da seguinte semana porque moitos dos rapaces ían de excursión; case cae o ceo. Unha rapaza exclamaba: "Se ísto é o mellor da semana!"

Algún compañeiro dime: "Total, os que len, xa len!" Si, é certo, pero ísto é bo para eles: síntense importantes, incluso envexados por algún compañeiro. Tamén vexo como uns chaman polos outros e hai días que aparece unha cara nova: "É amiga miña, vén ver que facemos." "Vale, pois que quede!"

Nunca pensara que Cien años de soledad ía levantar tantas paixóns. Un alumno xa leu catro libros de García Márquez; varios din que é o mellor que leron nunca. Resulta inexpresable o ambiente que Macondo creou na biblioteca...

Que máis dá! O caso é que formar parte dun club de lectura é unha experiencia indescríptible e nós sentímonos orgullosos del. Un dos nosos membros inventou un sáudo e despedida que empregamos moito: "UN LIBRAZO!!!"

LECTURAS PARA A REFLEXIÓN


Así o conta o club de lectura "Ao pé da letra"

"Participamos en tertulias literarias convocadas polo concello de Ourense. Para preparar a tertulia lemos o libro Zara y el librero de Bagdad, de Fernando Marías e fixemos reunións de posta en común. Falamos de temas relaiconados como as guerras, a Guerra Civil española, a guerra de Irak, o amor en todas as súas facetas (fraternal, de parella, filial, o amor desinteresado cara aos descoñecidos...),etc. Vimos documentais onde se comparaba a traxedia dos campos de exterminio nazis coa do conflito entre Israel e Palestina,... Tamén contamos no centro coa intervención dun xornalista da TVE, Ramón Pazos, que nos amosou imaxes e falou da súa experiencia nun país en guerra."

UNHA ACTIVIDADE DA BIBLIOTECA


Uns escriben...

"O club de lectura é unha actividade da biblioteca escolar. Unha das estanterías da biblioteca está reservada dende o curso pasado para a promoción do club entre o alumnado."

Outros...

"As reunións do club de lectura teñen lugar na biblioteca, co obxectivo de facer visible a actividade e, tamén, a relación entre a lectura e a biblioteca."
"A biblioteca é o lugar natural do club de lectura. Os participantes no club teñen un papel protagonista na biblioteca escolar."
"Co club imos ocupando outros lugares, incluso fóra da centro, pero de vez en cando volvemos a reunirnos na biblioteca, para non esquecer que ese é un espazo fundamental para a lectura, alí están os nosos libros, as películas que proxectamos, as músicas que escoitamos e de aí parten as búsquedas que facemos arredor das historias que lemos."

CONSULTAS DE AMOR nun club


"Entre o Día do Libro e o Día das Letras Galegas celebrouse no instituto o Mes das Letras. Unha das actividades que se levou a cabo estivo protagonizada polo club de lectura. Os membros do club fixeron de menciñeiros e curandeiras nunha xornada na que entregaron aos seus compañeiros receitas de amor en forma de poemas. Apostados na planta baixa do centro durante o recreo foron entregando os poemas clasificados segundo diferentes "doenzas": poemas para dicir "quérote"; para dicir "adeus"; poemas de paixón e amor tolo e poemas sobre o concepto do amor."

Porque a literatura tamén sirve para iso, para curar e dicir o que nos custa explicar doutra maneira.

13/9/10

CRÓNICA DUN ENCONTRO


"Dunha maneira moi humilde explicounos a importancia que teñen para esta autora os lectores e a forma que temos nós de interpretar as ideas que ela intenta plasmar nas súas novelas. Animou a todos aqueles aos que lles guste escribir ou realizar algunha outra actividade artística e cultural, a perseguir os nosos soños e loitar polo que queremos. Que a dedicación e o esforzo é o que fixo que ela puidese acadar tanto éxito, que non foi cousa de sorte, que ela non é un xenio senón unha persoa moi traballadora que pasou horas e horas sobre o papel tentando redactar as ideas que afloraban na súa imaxinación. Tras falarnos de algúns dos encontros que tivo con outros lectores e das perspectivas que eles tiñan sobre o seu traballo chegou a hora das preguntas. Foi formidable a forma en que respondía ás preguntas dunha maneira sincera que me pareceu, persoalmente, admirable. Confiounos que o seguinte libro que está a escribir pretende facelo en 1ª persoa (o que para ela supón un reto que pretende superar) tras redactar xa en 3ª e 2ª persoa."

¿Quen será? ¿Quen non será?

10/9/10

NOVELA NEGRA


Dunha memoria...

"A primeira lectura foi Ollos de agua, de Domingo Villar, obra que gustou moito e fixo que resultara moi acertada a elección, xa que fomentou o desexo de ler, en especial, novela negra.
Para comentar esta obra fixemos unha presentación sobre o xénero, analizando a súa historia, parándonos especialemnte nos autores máis importantes e nos seus famosos detectives.
Os consagrados: Dashiell Hammett, Raymond Chandler, Agatha Cristie ou Patricia Highsmith.
Os de maior éxito: Donna Leon, Henning Mankell, Petros Márkaris ou españois como Manuel Vázquez Montalbán ou Lorenzo Silva.
Os recentísimos: Stieg Larsson coa súa exitosa triloxía Milennium.
Os comentarios sobre libros e películas que foron xurdindo nas sesións que lle dedicamos foron interesantísimas e algúns membros do club solicitáronnos máis información. Xa se sabe, unha lectura conduce a outra."

ÉXITOS E FRACASOS


Cóntannos:

"Imos comezar co que consideramos os nosos logros. O club de lectura é xa unha actividade consolidade no noso centro. O equipo de traballo é estable e as actividades prográmanse de xeito sistemático ao inicio de curso. Como dicía un compañeiro, ás veces os resultados dunha tarefa non son cuantificables no senso de que non se poden expresar matematicamente con números concretos, pero hai indicios que nos fan ver que imos polo bo camiño, como oír aos rapaces falar entre eles das lecturas compartidas, ver co libro na man a curiosos e curiosas que se achegan á biblioteca para saber como funciona iso do club, profes que se interesan polo que se está a ler e demandan os libros para levar ás súas casas ... todo iso son bos sinais."

9/9/10

RECOÑECEMENTO


Atopamos na memoria dun club:


"Esta memoria non pode deixar de recoller e agradecer o apoio que desde bibliotecas escolares se fai a estes proxectos. Non só pola axuda económica senón pola información e formación recibida. Acudín por primeira vez á xornada de formación que me sorprendiu gratamente polo deseño da actividade, a variedade e a calidade de ponentes e proxectos así como a magnífica organización. O mesmo que un gran club de lectura, foi un momento para compartir o pracer dunha actividade que en principio non podería ser máis solitaria, a lectura."

MÁIS ANOTACIÓNS


Despois de valorar a sesión de formación dos coordinadores e coordinadoras dos Clubs de Lectura, apúntase "(...) moi enriquecedor resultou o intercambio de experiencias coa xente doutros clubs. Consideramos moi axeitado dividirnos por zonas, xa que isto permite coñecernos mellor de cara a actuacións conxuntas. Observamos que estas colaboracións están a ter un grande éxito polo que nos propoñemos intentar poñernos en contacto para o curso que vén con algún club amigo para achegarnos as nosas experiencias lectoras."

Ou...
"Entre os resultados positivos obtidos figuran os seguintes:
*Contribución á socialización do alumnado posto que compartían as súas opinións e gustos, aproximándose de maneira respectuosa ás dos outros.
*Fomento e consolidación do hábito lector. Algún dos alumnos chegou a manifestar despois de ler algún dos libros propostos que fora a primeira vez que se achegara á lectura por "pracer" e non por "obrigación".
*Maduración lectora, xa que adquiriron ou melloraron os seus criterios de selección persoais.
*Valoración da lectura como unha actividade axeitada para o tempo de lecer.
*Familiarización do alumnado cos blogues culturais.
*Difusión da percepción da biblioteca como un centro de animación cultural."

ANOTACIÓNS


A modo de pequenas notas, podemos recoller...

"Un feito destacable foi que algunhas das nais das alumnas do club tamén leron os mesmos libros por recomendación das súas fillas."

"Outra das actividades que realizamos coas integrantes do club é facerlles fotografías con libros, ou ben cos que lemos ou con calquera outro que lles guste, e logo as expoñemos na biblioteca; deste xeito facemos propaganda das lecturas e do propio club."

"É interesante relacionar literatura e cine, non só films literaris de textos literarios senón tamén películas que suxiran lecturas como "Conociendo a Jane Austen", "Truman capote" que invitaría a ler A sangre fría ou "Descubriendo a Forrester", que faría o mesmo con O vixía no centeo. Animar asimesmo, relacionándoo co teatro e con asistencia a espectáculos... relacionados cos libros."

8/9/10

LUGARES DE ENCONTRO


"O club de lectura "As estantigas" realiza un encontro literario cos escritores Miranda e Docampo na Torre de San Paio de Narla.

Un grupo de 12 alumnos e alumnas de 2º e 3º de ESO celebraron unha xuntanza cos dous coñecidos escritores ao redor da lareira do museo co fin de recrear, coa maior autenticidade posible, o ambiente no que os nosos antepasados transmitían a literatura oral galega. Esta tradición constitúe a fonte de inspiración dos libros previamente lidos pola rapazada, Pel de lobo e Cando petan na porta pola noite, obras de recoñecido prestixio literario e gañadoras de diversos premios.
O obxectivo desta actividade é fomentar a lectura como fonte de pracer e como vía de coñecemento de diversos saberes. O traballo realizado polo alumnado e a xenerosidade dos escritores permiten disfrutar das letras máis alá do ámbito estritamente académico e favorecen o contacto directo entre o creador e o lector, o que aporta unha visión máis completa e fecunda do feito literario. Preténdese, con este tipo de actividades, converter a lectura nun instrumento de socialización, voluntario e gozoso, e facer dos libros un obxectivo de lecer.
Os encargados do museo prenden a lareira e á carón do lume recrean o ambiente no que se contaban hai tempo as historias e os sucedidos.
Ademais de visitar o museo, o alumnado bombardeou aos escritores con suxerentes preguntas, e ¡todos encantados!"

DIFERENTES "MOTIVOS" PARA CLUB DE LECTURA


No club "A cova Céltica" adoptaron unha serie de "espazos - motivo" para a lectura:

Espazo Umbral, Eu veño aquí a falar do meu libro aproveitando a visita dun creador ou creadora.
Espazo Julio Anguita. Programa, programa, programa con programación de cine.
Espazo Lugrís Freire " a ponte" con análise a conciencia das obras e representación teatral.
Espazo Ánxel Fole, "Contos á lus do candil" falando de mulleres e da súa literatura.
Espazo Truman Capite "Outras voces, outros ámbitos" onde un lector alleo ao centro fala dunha obra.
Espazo Cortázar "Alguien que anda por ahí", no que presentan libros relacionados con temas como a represión, a república, a ditadura...
E outros como ...
Espazo Manuel Antonio "Follas sen data dun diario de a bordo"
Espazo Salinas "La voz a ti debida"...


ENCONTROS CON "LECTORES"


Ademais de encontros con creadores e creadoras (autores/as, ilustradores/as, tradutoras/es...) algúns clubs tamén organizan encontros con lectores e lectoras de profesións diversas (un médico, profesorado doutros centros, bibliotecarios, pais e nais de alumnado... ) para comentar con eles o libro, pois consideran que é moi importante para a rapazada que persoas alleas ao centro e con diferentes actividades profesionais lles falen de libros.

LECTURAS PARA INMIGRANTES


"Un grupo composto polo alumnado de castelán para inmigrantes que, aínda que nun principio non formaban parte do club de lectura do centro, amosaron o seu desexo de poder ler aquel libro que tanto estaba a gustar entre os internos e do que todo o mundo falaba -O señor Ibrahim e as flores do Corán-. E, dado o éxito que tivo entre este grupo, decidimos adquirir libros de contos africanos -o continente de procedenca da maioría deles- (La mujer en los cuentos y leyendas africanos de Na Milton, Cuentos del norte de África de autoría colectiva, Cuentos del Marruecos español de El Hassane Arabi e Mis cuentos africanos de Nelson Mandela) para que puidesen continuar coa lectura continuada de textos literarios accesibles para eles e que ademais espertasen o seu interese."