29/12/09

O QUE SE DI NALGÚN PROXECTO DE CLUB


Falando do pasado:
"(…) A maioría das cuestións transcendentais, trasfondos da novela, xurdían deles cunha espontaneidade pouco habitual. Os libros abriron tanto canles de pensamento como afectividade entre os integrantes do club”

Falando do futuro:
"(…) A intención é ir debullando as diferentes temáticas e cuestións que vaian xurdindo, e así sacarlle máis partido á lectura enriquecéndonos coa multiplicidade de visións. Un profesor ou profesora moderará as postas en común, procurando e animando a que os alumnos e alumnas participen con naturalidade e expoñan as súas ideas sen vergoña.
A nosa idea é que a moderación, sobre todo co alumnado maior apenas se note pois preferimos que espontaneamente xurdan os temas e sexa o alumnado o que tome a palabra, si ben son moi enriquecedoras para todos as intervencións do profesorado que coñece en profundidade o obra que estamos a ler e ao seu autor ou autora.
(…) serían finalidades do club dinamizar a vida sociocultural do contorno educativo (…), en fin, buscar un trato coa lectura distinto do académico e amosar que profesores e alumnos poden disfrutar e aprender xuntos grazas á lectura e á imaxinación.”

22/12/09

"IDEAS" RECOLLIDAS NUN PROXECTO


"(…)
O que pretendemos conseguir con este proxecto basicamente é nada menos que crear/asentar na nosa comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e persoal non docente) a comunicación estable entre os que xa son asiduos da lectura e os que queren selo.
Pero non só iso: un club de lectura é un foro onde aprender a escoitar, a argumentar e a respectar os puntos de vista dos outros. Algo que tantas veces botamos fondamente de menos.
Xorde coa intención de consolidar lectores que len por gusto e pensan/senten por si mesmos.
(…)
Así mesmo consideramos moi importante facilitar a comunicación entre iguais e entre diversos e darlles a todos/as a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas e tamén opinións sobre as súas lecturas.
(...)"

As negriñas son nosas, os textos do profesorado implicado.

15/12/09

RECOLLIDO DUN PROXECTO DE CLUB DE LECTURA


"(…) Entendemos que os adolescentes carecen, como todos, dunha “educación sentimental”, e que é a lectura a que suple a falla de “libros de texto” e “de instrucións” para desenvolver a personalidade nese sentido.
(…) Queremos que este sexa máis un club de “lectores” que de “lectura”, que os estudantes veñan aos encontros coa liberdade de atoparen neles a “outros que len”, independentemente de que sexan profesores, compañeiros de clase, alumnos de outros cursos ou outros membros da comunidade educativa que, puntualmente, poderán, acudir ás nosas reunións. (…)"

Porque o profesorado sabe moi ben o que se está a necesitar e así o escribe.

2/12/09

Planificación a favor da lectura


Porque hai que planificar, sistematizar, formalizar, analizar, avaliar, programar.... sen encorsetar, con flexibilidade e apertura... para ser eficaces e obter resultados. Velaí un exemplo de que os Clubs de lectura que se están a levar a cabo nos centros educativos galegos non son setas do outuno, aínda que nazan como setas por todo o país. Son froito do compromiso do profesorado que os pon en marcha e da súa profesionalidade. Como exemplo, vexamos o calendario do club de lectura do IES de Monterroso

20/11/09

Xarope lector da "Pedra do acordo"


Os integrantes do club de lectura "PEDRA DO ACORDO", da Biblioteca do IES San Paio, de Tui, recomendan este XAROPE LECTOR, do que nos facemos eco porque nestes tempos de andazo resulta moi recomendable.

18/11/09

Clubs de lectura na Rede


Seguen a nacer blogues de clubs de lectura que serven para poñer en contacto aos seus integrantes máis aló das sesións presenciais... porque cando comezamos a compartir a experiencia lectora, o tempo nuncha chega:

4/11/09

NOVA CONVOCATORIA DE CLUBS DE LECTURA


Por terceiro ano, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, realiza unha Convocatoria de Clubs de Lectura para os centros públicos de titularidade da Consellería, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanxas de réxime especial.

Esta fórmula de fomento da lectura para adolescentes, ten demostrado a súa virtualidade ao posibilitar a comunicación cos iguais arredor dos libros e a creación de ambientes lectores.

28/10/09

Os do Segrel marchan ao Tíbet


O grupo de rapazas e rapaces do Club de Lectura do Segrel (IES de Fene), elixiu como primeiro libro para tratar este curso UN LOTO NA NEVE de Gonzalo Moure. Podemos compartir esta experiencia a través da entrada no blog do Segrel: unha viaxe ao Tíbet da man dos rapaces e rapazas do IES de Fene.

2/10/09

HAI CLUBS...


Hai clubs de lectura de alumnado de primaria coma o do CEIP de Quintela, CEIP Brea Segade, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Condesa de FENOSA ... que podemos seguir a través dos blogues.

Hai clubs de lectura de adolescentes, coma moitos dos citados a continuación, e todos os acollidos ás convocatorias da Consellería para os cursos 2007/2008 e 2008/2009).

Hai clubs de lectura de adultos coma os do IES de Fene, IES Manuel Antonio, IES Río Cabe...

Hai clubs de lectura só para profesorado como o do IES Ferro Couselo,...

Hai clubs nos CEIP, nos CPI (de Don Aurelio de Cuntis, de San Vicente, Tino Grandío de Gundín, de Castroverde, de Castro Baxoi en Miño, de San Sadurniño,...) nos IES, nas EOI, nos CMUS, nos CFR, ...

29/9/09

De clubs e arredores

Nacen os clubs partindo cada un do seu medio, ás veces, baseándose noutras experiencias, como o club de lectura de inglés da EOI de Vigo (“Books up! Reading club”) que di inspirarse nun curso que se realiza cada agosto en Edimburgo con este título. Explican: “O devandito curso propón a lectura de cinco libros, novelas na súa maioría, de distintos tipos de xéneros, coa enorme gratificación de poder coñecer e falar cos autores destes libros “in situ”, autores de renome nacional e internacional”.

Outros aproveitan actividades con tradición na cidade, como sucede con varios de Ourense (entre os que podemos citar o Club “As catro esquinas do quinto” do IES Ferro Couselo) que se apoian nas “Tertulias literarias” que organiza o concello no Liceo. Valoran estes clubs o feito de que nelas se reúnen alumnos e alumnas de diferentes centros o que constitúe un aliciente máis ao coñecerse e establecer vínculos entre eles.

Nesta orde cousas, cada vez máis os integrantes dos clubs tenden a reunirse cos doutros para compartir espazos ou autores. Os de Balbordo cos da biblioteca pública de Sober nunha xornada de souto e camiños, ou os do CPI Virxe da Saleta que colabora co club de lectura da biblioteca do concello de Piñor...

Algún club, establece relacións con outras organizacións. Os do IES de Allariz forman o Club de Lecturas Solidarias na Biblioteca Social Integratex (pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade e situada na primeira planta de “Máximo Dutti For & From Special People) traballando arredor de temas sociais.

21/9/09

OPINIÓNS na memoria do club TINTA VIVA

Dos membros:
"Tiña ganas de divertirme coa lectura compartindo as nosas ideas e opinións"
"Quería ler cousas novas"
"Parecíame unha nova experiencia e bastante interesante comentar os libros, a diferenza de lelos e examinarme deles"
"Agora, concluída a actividade, vexo que as miñas expectativas se cumpriron"...

Da persoa dinamizadora:
"Obviando certos problemas, hai que recoñecer que a posta en marcha dun club de lectura proporciónalle tamén á coordinadora moitas satisfaccións. Por fin ten a situación soñada: mozos que están alí porque queren e, ademais, veñen falar de libros porque lles gusta ler."

17/9/09

OPINIÓNS SOBRE O CLUB DE LECTURA


Recollida da memoria do club de lectura do CPI Castro Baxoi:

Ler libros é algo así como tocar o piano, algo que polo xeral un fai sen compañía, nalgún lugar da súa casa. Pero ... ás veces, ¡que sorte!, fórmase unha orquestra e o piano soa ao unísono con outros instrumentos: violas, clarinetes, violíns, tubas... Para min o club foi algo así: unha banda musical, unha orquestra de cámara, unha sinfónica... ¡Grazas a todos pola música que compartistes comigo!
Begoña Martín

8/9/09

CONCLUSIÓNS na memoria dun club de lectura dun centro de ensino


Cremos firmemente que o amor polos libros se contaxia coa paixón que se demostra por eles e iso é o que pretendemos conseguir con este proxecto: crear auténticos amantes da lectura. É unha mágoa que sexa necesario temporalizar este tipo de labor porque, a miúdo, cando a terra está no momento propicio para sementar o reloxo obríganos a deixala erma.

De calquera xeito, esta experiencia enriqueceunos a todos/as.

- A nós, moderadores/as, porque o contacto con eles, a confianza que depositaron en nós, a complicidade que nos brindaron permitíndonos ser, por un curto espazo de tempo, os seus confidentes, ás veces incluso os seus conselleiros, é unha experiencia vital, case "de novela".

- A eles, lectores/as, porque algúns por fin poden deixar atrás a soidade do lector adolescente; porque outros descobren que ler "está ben" e que falar do que len "é un punto"; porque a todos/as lles gusta ser protagonistas e agradecen profundamente que os escoiten, que respecten a súa opinión e que os respecten a eles/elas.
Club de lectura "Ex libris"
IES Félix Muriel

29/7/09

@s rapaces valoran os seus clubs de lectura

"Para min o club de lectura foi moi especial e espero telo de novo no seguinte curso. É un espazo de tempo de reflexión e tranquilidade do que non me olvidarei. Tamén é unha forma de incrementar a nosa imaxinación e creatividade á hora de facer contos. No club de lectura desconecto do estrés dos exames e entro no mundo dos libros e das historias. En fin, paréceme unha gran idea". Integrante dun club de lectura dun IES de A Coruña.

18/6/09

Xeración Viós recomenda...




O Club de lectura do IES de Viós, Xeración Viós, de Abegondo, recomenda lecturas para o verán

9/6/09

Emisións en diferido Xornada Clubs lectura 2009

Da. Mireia Manresa Potrony
Universidade Autónoma de Barcelona
1ª parte (54 minutos)

Rosa Aneiros.
Escritora. Consello da Cultura Galega
Ver video (81 minutos)


Mesa de experiencias:
Da. Mercedes Sánchez Solano. (IES A Sardiñeira. A Coruña)
Da. Gracia Santorum. (Trafegando Ronseis. IES Pintor Colmeiro. Lalín)
D. Jesús Ángel García Cortázar. (IES de Foz)
Da. Almudena Platero López de Turiso. (As catro esquinas. IES Ferro Couselo. Ourense)
Ver videos: 1ª parte (24 mintos) - 2ª parte (48 minutos)

Da. Mercedes Caballud
Da. Carmen Carramiñana
“Leer juntos”. Ballobar (Huesca)
Ver video: 1ª parte (18 minutos) - 2ª parte (40 minutos) - 3ª parte (15 minutos)

8/6/09

Club de lectura do IES de Mos


Desde o club de lectura LeMos, do IES de Mos, achégannos unha crónica realizada por un dos seus integrantes, Xacobe, alumno de 2º de bacharelato:


O 28 de Xaneiro, grazas á labor do club de lectura LeMos, poidemos asistir a un interesante coloquio co tantas veces galardoado e sobranceiro escritor das letras galegas Antón Riveiro Coello. Con simpatía e amenidade, o autor de obras como A quinta de Saler ou Valquiria, presentou na biblioteca do IES de Mos unha das súas obras máis afamadas e que fora proposta como lectura neste club literario, As Rulas de
Bakunin. Enmarcada na Guerra Civil, Coello, trasládanos ao universo do anarquismo máis galego todo isto mesturado cunha sensibilidade amorosa engaiolante. Tanto é así que estudantes do propio IES, alleos ao club de lectura, asistiron a este evento coa intención de coñecer ao autor dunha obra que por vibrante e sutil fai que as páxinas avancen sen que o lector se dea de conta. Como tampouco se deron de conta de que a tarde pasaba e a conversa non remataba e que as preguntas sobre a obra seguían aparecendo. Así transcorreu unha tarde, das mellor invertidas, das persoas alí presentes. Concluindo, a este improvisado cronista non lle queda máis que agradecer de novo a LeMos o pulo que supoñen este tipo de organizacións para o recoñecemento da literatura en galego e a Riveiro Coello a súa asistencia e agradable compaña naquela tarde chuviosa e anárquica.
Tamén informan de dúas opinións de dous dos escritores que visitaron o club de lectura.


4/6/09

Xornada dos clubs de lectura en directo

As distintas sesións da Xornada dos clubs de lectura, celebrada en Santiago de Compostela o venres 5 de xuño, poderán seguirse a través desta páxina.

7/5/09

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O 5 de xuño de 2009 terá lugar en Santiago de Compostela, nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública) a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA correspondente ao curso 08/09. Participará o profesorado que coordina os 149 clubs de lectura que resultaron seleccionados na convocatoria da entón Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 31 de outubro de 2008, para incentivar o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (Resolución do 30 de decembro de 2008).
Esta xornada formativa pretende ser un espazo para o intercambio de experiencias e a reflexión conxunta en relación coas fórmulas máis axeitadas para a consolidación de hábitos de lectura e a mellora da competencia literaria do alumnado xove. Está prevista a participación da escritora Rosa Aneiros, a profesora da UAB, Mireia Manresa, e Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana, as responsables do programa Leer juntos, experiencia aragonesa de longa traxectoria, amplo recoñecemento e notable influencia en moitas iniciativas posteriores de traballo de fomento da lectura coas familias. haberá tamén unha Mesa de experiencias con participantes de varios dos clubs de lectura de centros de ensino de Galicia.

28/4/09

"Le en galego"

A través do blogue do club de lectura As campaíñas coñecemos esta interesante campaña de lectura en galego posta en marcha polo IES Marco do Camballón, en Vila de Cruces:

21/4/09

A pregunta do cuco. Un club de lectura no CFR de Pontevedra

A biblioteca do Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Pontevedra acolle un club de lectura para profesorado. Consuelo Rivera, asesora de bibliotecas escolares neste CFR, coordina esta actividade que está a resultar especialmente grata para as participantes. Véñen de inaugurar o seu blogue, A pregunta do cuco, un nome ben evocador e preñado de suxestións. Parabéns e que cunda o exemplo.
Na Rede funciona desde hai tempo, Rede lectura, un clube de lectura virtual para bibliotecari@s, creado pola Asesoría de bibliotecas escolares, que está aberto á participación de tod@s @s interesad@s.

16/2/09

Engánchate!





O Club de lectura do IES de Sanxenxo inaugura neste curso 2008/2009 o seu blogue: Engánchate!, cunha poderosa imaxe - logo e un especial Agustín Fernández Paz.

19/1/09

Resolución convocatoria Clubs de Lectura 08/09

Con data 30 de decembro de 2008, publicouse no Portal Educativo a orde de resolución da convocatoria de Clubs de Lectura en centros de ensino secundario públicos galegos para o curso 2008/2009.

Lémbrase a posibilidade de intercambiar lotes de libros, remitindo as ofertas a bescolares@gmail.com para a súa publicación en LIBROS A EITO, espazo de intercambio.