27/5/19

XII Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 7 de xuño, celebrarase na EGAP (Escola Galega da Administración Pública) a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste curso 2018/2019 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 253 centros que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 280 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
Haberá ocasión para amosar o estudo sobre os clubs de lectura, realizado por José Antonio Millán para esta consellería, no pasado ano 2018, en colaboración coa D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares. 

Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2019, que desta vez recaeu na escritora María Reimóndez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2017/2018, tal e como se recolle na Resolución do 23 de abril de 2019, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro.

O programa contempla así mesmo a participación de María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat Poempeu Fabra; celebrarase unha mesa sobre mediacións lectoras; o activista da lectura Marijn Brouckaert falará das "lecturas compartidas", como ferramenta de intervención social; Antonio Sandoval amosará a súa experiencia como moderador dun club de lectura temático sobre ciencias da natureza e a poeta Tamara Andrés impartirá un obradoiro de poesía. Pechará a xornada a escritora e académica Marilar Aleixandre. 

PROGRAMA

No hay comentarios: