30/7/10

RECOLLEMOS UNHA OBRA de creación propia.

Así pon na memoria: DE CREACIÓN PROPIA.

Vexamos:

EU NON LEO UN LIBRO NIN TOLO!!!

EU NON LEO UN CÓMIC NIN TOLA!!!

EU NON LEO UN POEMA NIN TOLO!!!

PERO, POR QUE? PORQUE,

SE LEO, TOLEO

SE LEO, TOLEO

SE LEO, TOLEO

TOLEAMOS no CLUB DELERIA

ADEMAIS DAS REUNIÓNS ORDINARIAS...


Hai quen celebra os mércores de cada mes:

". O primeiro mércores do mes leremos en directo no corredor de biblioteca.
. O segundo mércores escoitaremos música ou veremos unha peli no corredor da biblio.
. O terceiro mércores gravaremos un programa na radio sobre o libro de lectura do club.
. O cuarto mércores poñeremos comentarios no blog do club.
. O quinto mercores do mes descansamos.
. O sexto mércores do mes farémolo desde o bar que elixades, a conta da empresa."

COMO SEGUIR... unha vez que temos escollido o libro


"Os debates sobre as lecturas preparábanse con antelación. Ademais de ler o libro, os membros do club debían traer anotacións no seu caderno de lectura, onde transcribían os fragmentos que máis lles gustaran, así como as dúbidas que xurdiran durante a lectura, as preguntas que se lles ocorrían, finais alternativos, etc. No caderno tamén podían anotar outros títulos similares para unha lectura posterior, suxestións para o club, ou pegar recortes de prensa relacionados coa lectura, as fotocopias repartidas con información do club, tamén facer debuxos e, en xeral, acrecentalos con calquera contido relacionado co club ou coa lectura. Ao remate do curso todos asinamos nos cadernos dos demais e cadaquén conserva o seu como recordo."

COMO ESCOLLER OS LIBROS


Así o fai un dos clubs:

"As lecturas realizadas escollíanse entre todos os membros. Tanto o alumnado coma os profesores levaban as súas propostas e unha información introdutoria así como os motivos da escolla desa lectura. O proceso de elección consistía en entregar fotocopias coas información sobre esas obras aos membros do club, debater o seu interese e votar cada unha das propostas. Houbo polo tanto un interesante traballo de pescuda para elaborar propostas e foron moitas máis as obras das que se falou no club que as que logo leron todos."

A MEMORIA DUN CLUB


Entrasacamos as finalidades dun dos clubs:

*Mostrar a lectura como fonte de pracer: algúns membros do club por primeira vez leron sen obrigas descubrindo que lectura e diversión non son realidades opostas.

*Mellorar a capacitación nas ferramentas lingüísticas: a práctica lectora amañou algunhas das deficiencias lecto-escritoras de certo alumnado.

*Incrementar a imaxinación e a sociacilidade: as distintas sesións de convivencia, a partir de lecturas individuais ou comúns, melloraron a compenetración e as relacións no grupo, limándose iniciais reticencias e medos escénicos.

* Favorecer o traballo en equipo: a dinámica da actividade potenciou as postas en común e o reparto de tarefas.

*Coñecer mellor o contorno histórico e literario: as actividades programadas facilitaron un mellor coñecemento do mundo l8iterario xuvenil e da relación de Tui coa literatura (escritores que escribiron sobre Tui e literatos tudenses).

29/7/10

Lemos na memoria dun club de lectura

Na memoria dun club de lectura podemos ler:
"O noso obxectivo segue a ser obvio e modesto: gozar coa lectura. A observancia estrita deste único "mandamento" do noso club e considerando que a pertenza a el é absolutamente libre e voluntaria -e que tamén o é a participación nas actividades paralelas- axúdanos a conseguir esa meta. Por suposto, a través dese goce ímonos facendo lectores cada vez máis conscientes, máis esixentes e máis críticos. Tamén procuramos compensar a tendencia a continuar un mesmo tipo de lectura ou esgotar unha saga, cunha certa variedade na escolla das obras. Así, damos entrada nas nosas listaxes aos distintos xéneros para abrirmos o campo das lecturas."

LER "O PASATEMPO"


Unha accción, programada a medias por dous IES, para poñer en contacto aos lectores a través dunha actividade de bookcrossing. Leámolo nas súas palabras...

"O club de lectura Pata Sana do IES de Mugardos, en colaboración co IES As Mariñas, programamos unha variante do bookcrossing co obxectivo de coñecer mellor este agradable espazo de lecer e para poñer en contacto, de cara ao vindeiro curso, ao alumnado de primeiro ciclo de ESO dos dous centros.
A partir do comentario dunhas imaxes deste parque vistas no volume Galicia en cen prodixios planificamos que os alumnos e alumnas betanceiros "liberasen" para nós algúns libros no Pasatempo, "parque enciclopédico". Desprazámonos en tren ata alí no mediodía do último luns lectivo do curso e na tarde puidemos "rescatar" satisfactoriamente os agasallos agochados (un libro e un caderno de viaxe para cada un), coas indicacións laboriosamente ocultas en tres pistas que debiamos desvelar primeiro.
A comezos do curso que vén faremos a segunda parte desta ectividade e será o alumnado de Betanzos o que se achegue ata o noso territorio."

ARGALLANDO COA NOVELA GRÁFICA


Así nos contan os de Argalleiros das palabras a súa lectura da novela gráfica Emigrantes de Shaun Tan:
"Todos ían elaborando o texto, creando a historia, dándolle máis vida aos personaxes que aparecían (non esqueceremos que bautizaron de "picachus" aos animaliños que acompañaban a todos os protagonistas...) en fin..., que cando rematamos esta viaxe todos e todas nos sentimos satisfeitos e enriquecidos con esta lectura e cunha forma de ler que nos fixo achegarnos a máis novelas gráficas.
A opinión dun alumno participante:
Un libro no que o autor che dá a oportunidade de inventar a túa propia historia a partir das viñetas. Tamén é unha forma de coñecer polo que pasaron unha gran cantidade de persoas de todos os países: vese como o protagonista ten que deixar todo atrás para ir a un lugar descoñecido co fin de sacar a súa familia cara adiante. Pasa anos sen velos, eu deime conta disto cando no medio do libro había dúas páxinas nas que se vían transcurrir as estacións, o que simbolizaba que nese tempo estaba fóra da súa casa. A min chamoume a atención ver unha especie de "pokemons" que acompañaban sempre aos habitantes do outro país. Ao final da lectura soubemos que misión cumprían. Recoméndovolo!

Viaxar en compañía: ler en público e crear un poema colectivo


O club de lectura Salicornia realizou a súa viaxe anual, con motivo do Día do Libro, a un "templo do libro" (neste caso a libraria Lello e irmao en Porto) para realizar unha lectura pública, escoller unha palabra do texto lido por cada un e, na viaxe de volta, construír un poema con todas esas verbas e algunha máis.

Nesta ocasión a libro era Seda de A. Barico e ía na compañía dos compañeiros e compañeiras do club de lectura Argalleiros das palabras do IES Castro da Uz.

Compartir lecturas, gastos, viaxe, aventuras; compartir tempo, viaxar xuntos a través dos libros e da xeografía ...por terras irmás.

28/7/10

CREANDO RUTAS LITERARIAS


Os membros dun club len libros, comentan as súas lecturas, escriben, investigan, ... e incluso crean rutas literarias, como nos contan os de Camiños.

O punto de partida, o fragmento dunha carta que Castelao envía ao Presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires, en 1947, e que dará pé ao percorrido pola cidade seguindo os pasos e as palabras do autor de Sempre en Galiza.

"Meu estimado compatriota:
Non teño ningún documento, nin sequera unha partida de nacemento para acreditar a miña calidade de pontevedrés; mais se non fun consultado antes de nacer, é ben sabido que despois de ter nacido escollín Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a cumprirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nacemento, que a veces isto é entrar pola porta falsa; e son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra."

8/7/10

Clubs de lectura viaxan a Portugal

Nesta entrada do blog da biblioteca do IES de Porto do Son podemos ler a súa crónica da viaxe conxunta que fixeron, ao remate do curso, as rapazas e rapaces integrantes dos clubs de lectura de tres institutos, procedentes de distintos puntos de Galicia: o Club de Lectura iESCALDaletras, do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), o Club de Lectura As Campaíñas, do CPI Aurelio M. Rey García (Cuntis, Pontevedra) e o Club de Lectura do IES de Porto do Son (Porto do Son, A Coruña). Un exemplo de colaboración entre clubs de lectura, unha interesantísima iniciativa dos seus integrantes... unha experiencia que vincula á lectura e á cultura dun xeito fundamental... parabéns!!!

5/7/10

Ámbitos de colaboración

Ábrense novos ámbitos de colaboración entre clubs de lectura. Un exemplo é este blogue, Cartafol do vento, compartido entre a rapazada integrante dos Clubs de Lectura do IES Montecaxado (As Pontes) e o IES Sanxillao (Lugo). Nel podemos ver que as colaboracións non rematan aquí, tamén comparten roterios de lectura con outros clubs, como podemos ver nesta crónica da visita ao Courel na que participaron rapazas e rapaces do IES Sanxillao e do IES urbano Lugrís, de Malpica...

3/7/10

As palabras máxicas

O Club de Lectura do IES de Porto do Son (xunto co Club de Lingua) andiveron a contar contos polas escolas do concello... e así nolo contan. Parabéns!!!

14/6/10

Xornda dos Clubs de Lectura 2010

O 11 de xuño tivo lugar en Santiago de Compostela a reunión de coordinadores dos Clubs de Lectura en centros de ensino secundario de Galicia, convocados pola Consellería de Educación na Xornada dos Clubs de Lectura 2010. Pódese acceder aos materiais desta actividade de formación neste enlace.

26/5/10

Clubs de lectura e roteiros literarios

Os Clubs de lectura como "cédulas de cidadanía". Un exemplo máis: os rapaces e rapazas do Club de lectura do IES Alexándre Bóveda, de Vigo levan realizado varios roteiros literarios, seguindo as súas lecturas. Nesta ocasión coñecemos a súa viaxe ao Courel, na procura das pegadas de Uxío Novoneyra. Ler as palabras do Poeta nas paisaxes que as fixeron nacer é unha forma ben fermosa de achegármonos á literatura. Parabéns ao profesorado que o fixo posible e aos rapaces e rapazas que tiveron a ocasión de vivilo!

25/5/10

Xornada dos Clubs de Lectura 2010


O vindeiro 11 de xuño, en Santiago de Compostela (EGAP), nova cita para o profesorado que coordina os Clubs de Lectura, ao abeiro da convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, dentro do programa "Hora de ler", para incentivar este tipo de iniciativas nos centros de ensino secundario de Galicia.
A Escola Galega da Administración Pública acollerá a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA 2010. Dentro do programa previsto, a profesora Ana María Margallo, da Universitat Autónoma de Barcelona falará de lectura e adolescentes e o escritor Benjamín Prado rematará a xornada coa súa visión sobre a lectura e a función da literatura. Tamén haberá tempo para as experiencias e as reflexións sobre os avances na formación dos lectores.

21/5/10

Hora de recapitular


O 10 de xullo remata o prazo que teñen os Clubs de Lectura para a presentación da memoria final e a xustificación de gasto correspondente ao curso 20019/2010.

Segundo se recollía na orde de convocatoria, "as persoas coordinadoras dos clubs de lectura seleccionados nesta convocatoria de apoio a actividades de fomento da lectura, elaborarán unha bree memoria das actividades levadas a cabo durante o curso 2009/2010, na que se deberán detallar: datos do centro e nome do club de lectura; nº de grupos, no seu caso, e nº aproximado de persoas participantes; calendario de reunións levadas a cabo e horario real no que se realizaron; actividades desenvolvidas; materiais elaborados, se os houbese; enderezo electrónico do blogue do club de lectura, no caso de existir."

6/5/10

Club de lectura de adultos no IES de Catabois

O blogue QUEREMOS LER da biblioteca do IES de Catabois (Ferrol, A Coruña) publica unha pequena crónica sobre a última reunión do Club de lectura de adultos existente no centro. A súa lectura amosa a dinámica do grupo e o nivel de actividade que supón cada unha das sesións:
"Analizamos algunos aspectos de la estructura, sus personajes, a través de un cuadro comparativo de los dos niños -Amir y Hassan- tan y como hicimos con los dos protagonistas de la novela El niño con el pijama de rayas. También se trató del gran tema de la novela: la culpa y la redención. Así mismo apuntamos varios aspectos sobre las tradiciones afganas, tales como comidas, canciones, ceremonias, deportes, etc. Se trabajó el marco espacio temporal, con nuestros habituales mapas sobre las ciudades de las novelas. ¿Quién dijo que los lectores no pueden viajar con su imaginación? Las referencias literarias y cinematográficas, tan frecuentes en la historia de un niño que llega a ser escritor, también fueron objeto de nuestra atención.
Mónica, como cada vez, nos amplió nuestra visión acerca de la literatura y el cine reciente sobre Afganistán."



29/4/10

Os clubs de lectura galegos espertan interese fóra de Galicia

O martes 27 de abril, Cristina Novoa, en representación da Consellería de Educación, participou no VIII Encuentro Provincial de Lectura y Biblioteca Escolar, organizado por la coordinación provincial del Plan de Lectura y Biblioteca de la Consejería de Educación en Málaga. Pedíuselle desde a organización que explicase as políticas de incentivación de clubs de lectura en centros de ensino que se están levando a cabo desde a administración educativa galega, que tanto interese están espertando polos seus excelentes resultados. Ao tempo, pedíuselle unha colaboración sobre o mesmo tema para incluír no nº 40 da revista LIBRO ABIERTO que inicia con este número a súa andadúra plenamente dixital. O artigo títulase "Construyendo sociedad lectora: clubs de lectura en centros de enseñanza secundaria en Galicia". A publicación contén outros artigos e informacións ben interesantes sobre a lectura compartida, as tertulias literarias, a mediación... así como recensións de publicacións recentes sobre estas temáticas.
A presentación empregada na charla intentaba exemplificar a inxente actividade que levan a cabo os clubs de lectura dos centros galegos, así como dar fe da súa diversidade.

FALANDO DE LIBROS NA BIBLIOTECA ESCOLAR


Falamos de libros nos clubs de lectura, nas tertulias literarias, nas presentacións ou nas conferencias do autor arredor da temática do seu libro. Disto último trata a entrada do blogue (Bibliesada) da biblioteca Luisa Villalta do IES Isaac Díaz Pardo de Sada.
Falar de libros, intercambiar información e opinións, compartir dúbidas, entrar no mundo que se crea no libro...

27/4/10

TERTULIAS LITERARIAS


Facémonos eco, desta outra maneira de reunirse para falar de libros.
O Liceo de Ourense convoca mozos e mozas de diferentes institutos arredor dun título; facíao o 14 de abril, e participaban o IES Lagoa de Antela, o IES Cidade de Antioquia e o IES de Allariz. O libro, unha xoia, Zara y el librero de Bagdad de Fernando Marías, co que acadara o premio Gran Angular.
Non era a primeira vez, o blogue da biblioteca do IES de Allariz recollía, tamén, unha tertulia anterior para falar do libro de Marilar Aleixandre ganador do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, A cabeza da Medusa.
E outras actividades complementan estes faladoiros, coma o roteiro literario da Esmorga.
Parabéns aos organizadores porque saben o que levan entre as mans.

19/4/10

CLUBS NA PRENSA


El Progreso” de Lugo, a través do titular “O pracer de compartir letras”, faise eco da andaina do club de lectura do IES Moncho Valcarce en colaboración coa biblioteca municipal.
Leamos:
"(...)Un grupo de vinte persoas das Pontes participan dende hai un ano no club de lectura, organizado pola biblioteca municipal e maila do IES Moncho Valcarce. A súa forma de traballo é sinxela: cada mes elixen unha obra e, unha vez rematada, reúnense tódolos membros para comentala, compartir opinións, falar da historia que pretende transmitir, do estilo do autor... nunha conversa entre compañeiros interesados no mundo da literatura.
(...)
As tertulias dos membros do club celébranse sempre na biblioteca, a partir das 20.00 horas, momento no que pecha as portas ó público. Aparte de comentar os libros, ás veces, fan actividades complementarias e nalgunhas ocasións convidan ao propio autor para que mostre a súa perspectiva da obra. Así, xa pasaron por As Pontes Teresa Moure, Anxos Sumai ou Santiago Jaureguizar.(...)"

6/4/10

NOS CLUBS TAMÉN ...




NOS CLUBS TAMÉN ... SE LE TEATRO. E se non preguntádelle aos de Balbordo, que andan a voltas coas obras dramáticas e os autores como Ibsen, Salgueiro e Cedena, ou os de trafegando ronseis 2 que len e falan de Shakespeare e o seu "Romeo e Xulieta".


NOS CLUBS TAMÉN se comparte blogue como sucede con Ex libris ... no que escriben os do IES Félix Muriel e do CPI Cernadas de Castro.


Outros semella que recomendan NON LER como os do IES Vilar Ponte de Viveiro.

Pero todos todos todos todos... que digo todos! todas todas todas!! len e escriben nos cadernos, nos blogues, no aire e na auga, na area e na terra, nas aulas e na biblioteca, na casa e na escola.

20/1/10

Últimos blogues de clubs de lectura


O blog é unha ferramenta útil como complemento ás sesións presenciais dos clubs de lectura: non suplen a calidez da conversa cara a cara, pero facilita o contacto máis aló do tempo e o espazo escolar; é tamén un instrumento para a integración das tecnoloxías da comunicación e da información nas prácticas de lectura e de escritura. Estes son os últimos blogues subidos a esta páxina:

19/1/10

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura-2009/2010


O Portal Educativo publicaba onte a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en apoio dos Clubs de Lectura en centros de ensino secundario, para o curso 2009/2010.

Máis información, no Portal de Bibliotecas Escolares de Galicia